Ai, si
Agora que caio, de Bos Aires pódolles contar algo. Por exemplo, que na vicepresidencia da República Arxentina deixan entrar como perico por su casa, sen detectores nin nada, e que tamén consideran que a un visitante gayego haino que recibir poñendo unha bandeira española, sen que a delegación do BNG tivera unha reacción alérxica tipo síndrome Carod Rovira. Ou a visita ó Centro Gallego. No exterior había un rapaz deses que sacan uns pesos repartindo folletos que entregaba uns do PP ós vellos que entraban e saían de xestionar as súas cousas. Unha señora que vendía alfajores (esa palabra xa a sabía: rosquillas) preguntoume “para que se postula ese señor” sinalando ó candidato Q. “Para presidente de Galicia”. “Pues no sé quién es, pero va a ganar, lo sé”. Supoño que se a señora tivera dotes de adiviña, non vendería alfajores na rúa, e confirmouno o presidente do Centro Gallego, Rogelio Ucha, que no seu discurso de benvida definiu ós emigrantes como “asilados económicos” (o tal Ucha debía ser de Caneda, pero de Caneda o do Compostela), e contradeciu á señora decíndolle a Quintana que “desta vez non vai ser”. Tamén vimos a habitación na que morreu Castelao, que se conserva como hai medio século (igual que outras dependencias, pero estas por motivos económicos, non sentimentais) e saímos todos cos ollos de guerra e subindo a nosa estima polo Sergas.
De Montevideo tampouco lles podo contar nada, quitado que na presidencia da República de Uruguai hai a mesma seguridade que na vicepresidencia da de Arxentina. Tamén a casualidade de que na colonia galega está un do grupo A Roda, co que a única cea uruguaia da miña vida paseina escoitando aquelo de “ó entrar en Balaídos, díxolle o sobriño ó tío”. Para que logo digan que o nacionalismo, etc.

