Ten sentido
Véxome na obriga de salientar que o feito máis relevante desta campaña pasou completamente desapercibido, non soamente na atención dos electores, senón dos candidatos atentos á que lles poida saltar ós outros, e mesmo para os informadores que fan o esforzo de contar o que pasa, e dos editores e asesores que poñen o seu empeño no contrario. E eso que o tal feito non foi precisamente discreto: eran un cuadernillo de propaganda que se repartiu nos xornais e que se distinguía claramente dos das ofertas de hipermercados e ultramarinos porque na portada campaba unha mensaxe anticonsumista: “Ten sentido”.
Por se non o viron ou tiraron con el pensando que era outra cousa, era unha colección de fotos de rapazolos e rapazolas, cun excelente deseño a medias entre El País de las Tentaciones e os catálogos de Benetton, é decir, a vacuidade elevada á categoría de producto impreso. Os individuos xuvenís expresan, coa súa cara en grande e o seu pensamento en pequeno, as súas intencións de votar ó PP. Repasando (os argumentos, non as caras) as razóns veñen sendo porque non hai que discriminar ós vellos, porque están en contra de que se critique ós votantes do PP, porque os outros non dan garantías, porque teñen xente máis preparada, porque Touriño non é Zapatero, por non sei que problema cuns zapatos (“estou encantado cos meus zapatos de sempre e agora dinme que os cambie por dous do pe esquerdo, ¿que fago?” obviamente, seguir calzando dous do pé dereito), por descarte, porque Beiras non se presenta, porque prefire a empanada á butifarra, porque Touriño non lle di nada e Quintana tampouco moito, porque Fraga sempre lle caeu simpático. Curiosamente, ningún o fai invocando argumento ideolóxico ningún (“voto PP porque son conservador, ¡que pasa!”) ou nin siquera político. O máis parecido é a opinión dunha rapaza de ollos soñadores que asegura que “a mestura do nacionalismo radical con calquera cousa é mala. Mira o que pasou en Vigo. ¿Quen goberna agora? O PP” (o que non deixa de ser un argumento curioso: que un dos perigos do nacionalismo radical é que acaba gobernando o PP). E tamén hai un que non sabía do Plan Galicia, pero agora viu a luz gracias á reacción do Goberno ante a reacción de Fraga.
O asunto todo destila un claro aire de desculpa (nun caso concreto, o razonamento mesmo remata: “síntoo, pero é así”) e agacha unha contradicción evidente: o título. “Ten sentido” (por certo, o mesmo slogan precavido que empregou Moncho o de Sada nas últimas municipais) cheira a reconvención paterna, a recomendación previa ó posterior “xa cho dixen”. Revela o pensamento interno real que se tenta disfrazar co discurso propagandístico. Exactamente igual que a sandez que dixo Fraga sobre indecisos e mulleres (e que agora nega ter dito) revela o que realmente pensa cando imaxina estar facendo un canto á libertade sexual feminina. Teña sentido, Don Manuel.
( luns, 13 de xuño de 05)


A verdade é que quen non se divirte é porque non quere.
Comment by mourullo — 13 June, 2005 @ 9:23 pm
Por certo… tambem lhe roubarom o slogan ao BNG…
Nas “propostas” (por lhe chamar dalgum jeito) da progapanda que me mandarom os do PP á casa o primeiro que apareze é “respecto por Galicia”. Desde ló...
Comment by mil:: — 14 June, 2005 @ 11:05 am
testcomment399
Comment by testanchor975 — 16 October, 2005 @ 1:50 am