Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

17 June, 2005

Profetas

Filed under: Si home si, Destavai?05

O outro día, despois de entrevistar a unha muller famosa que se leva significando contra o réxime, díxome fóra do micrófono: “a ver para onde vou eu o día 20”. Hoxe (para vostedes, onte) un compañeiro díxome que na súa vila, e supónse que en Galicia toda, o PP puxera en marcha nas últimas horas o que el chamaba “a paleadora”. Todos cando militantes ou simpatizantes hai, equipados coa fe e o tesón dun vendedor de biblias, puxéranse a pedir o voto para Don Manuel apatrullando barrio por barrio, casa por casa. Ata debaixo das pedras, como di o destinatario dos votos.

Non sei que está pasando no mundo real, e moito menos que vai pasar o domingo, pero no planeta campaña acontece algo realmente ben curioso. Todo o mundo manexa, comparte, interpreta e analiza sondaxes, para rematar todas as conversas e/ou discusións concluíndo: realmente, eu non sei ben que vai pasar. E quen sabe que vai pasar, home, con resultados como os que ofrece por exemplo a enquisa que publicou días atrás este xornal, e que demostra que ninguén é profeta na súa terra. Por exemplo, o popularísimo Paco Vázquez é se cabe máis popular en Pontevedra (6,61 de nota) ca na Coruña dos seus amores (6,4), e que o Popular Mariano Rajoy é máis apreciado fóra (5,29 na Coruña, 5,31 en Lugo) ca na súa Pontevedra natal (5,16,case a mesma nota que saca no feudo boina de Ourense, 5,15). E estes non se presentan (Vázquez en concreto penso que non), pero os candidatos padecen o mesmo ninguneo dos seus veciños.
Onde Fraga é menos popular (se algo así é posible) é na provincia pola que se presenta, A Coruña (5,07). Incluso o aprecian máis os ourensáns (5,4) ca os seus compatriotas de Lugo (5,37). O mesmo que Alberto Núñez Feijoo: na provincia onde naceu, Ourense, é na que menos o coñecen (o 60% escaso) pero é no único sitio onde lle dan un aprobado. A nota máis baixa (4,83) danlla os pontevedreses, que son ós que lle pide o voto. Caso máis grave aínda é o de Touriño, que obtén en Pontevedra medio punto menos (4,47) que no resto de Galicia (onde non baixa de 4,8). Anxo Quintana non só tén menos puntuación na Coruña (4,68) que en Ourense (4,79), o que sería lóxico, senón que en Lugo (4,76). Os pontevedreses, en xeral os máis descontentos coa clase política ou os máis rácanos valorando, non lle dan ó líder do BNG máis que un 4,49.
Ou sexa que ante as interrogantes destes días unicamente se me ocurren dúas conclusións. Unha é que canto máis te coñecen, menos te aprecian (e quizais por eso debería terse presentado a estas eleccións Carod Rovira, aproveitando que é de fóra). A outra é que a entrevistada pode reservar casa nunha colonia de exiliados que outros que coñezo están preparando en Vilanova da Cerveira se desta non vai.

(para xoves, 16 de xuño de 05)

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2005/06/17/profetas/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here