Saigón ou Manila
Comparaba o outro día Carlos Luis Rodríguez a retirada do PP do goberno coa caída de Saigón, coa situación que se creou alí cando as derrotadas tropas dos EEUU abandonaron tanto a capital de Vietnam do Sur como o réxime dictatorial que sostiveran. Sen tentar competir coa sagacidade analítica do exiliado colega, a min recórdame máis as caídas de Marcos en Filipinas, de Trujillo na República Dominicana ou de Duvalier en Haití. En Saigón, os derrotados fóronse abandonando á súa sorte ós seus anteriores protexidos, deixándoos colgados completamente (e literalmente nalgúns casos, tentando subir ós últimos helicópteros).

Neses outros feitos históricos que cito, o réxime político caeu, pero as redes de intereses de todo tipo que creara, ou que xa estaban e medraron en simbiose co goberno, quedaron máis ou menos a salvo. Ferdinand Marcos tivo que saír, pero salvou ata a colección de zapatos da súa señora, e o Polo Club de Manila seguiu conservando o mesmo ambiente de sempre.

Non estou comparando o que pasará en Compostela co que pasou en Manila, Santo Domingo (daquela, Ciudad Trujillo, por certo, ¿a que me recorda?) ou Port-au-Prince. Ou non o estou comparando máis do que o comparou CLR coa súa habitual lucidez, agora máis rampante. Pero o certo é que no caso que nos ocupa, mentres se poda e non haxa que entregar o DOG, os compromisos vanse mantendo. Eu imaxino estes días e os pasados, os recados ou as chamadas telefónicas para recordar asuntos pendentes (“¿como va lo mío?”) como aseguran que lle pasou a un veterano político un día en que o seu futuro (e o dos seus compromisos) pendeu dun fío. Así, as decisións que estes días está tomando o goberno en funcións son fundamentalmente de dous tipos: ou cumprimento de favores comprometidos (esas adxudicacións de teórica urxencia que se poderían dentro de seis meses ou nunca, como minicentrais, parques eólicos, etc.) ou estertores do reparto do botín (eses pagos a empresas paradescoñecidas por traballos inverosímiles). Podería establecerse unha terceira tipoloxía, a de amargarllela vida ós sucesores (o convenio coa educación concertada, as concesións da televisión dixital), pero en realidade entran dentro dalgunha das outras dúas categorías.
Desgraciadamente, non hai para todos. Non é o mesmo repartir na abundancia que na escaseza, como demostra a concesión das licencias de televisión. Ignoro a bondade ou mediocridade das propostas escollidas (aparte de que parecería máis lóxico, penso, adxudicarlle as televisións ás propostas de capital galego), pero polo proceso seguido, parece que tamén as ignoran quen as concedeu. O argumento que invoca para todos estes asuntos o presidente en funcións é que ten a conciencia tranquila. O malo é que o que se cuestiona non é a súa conciencia. Polo menos ata agora non se cuestionaba.
(para luns 25 de xullo de 05)


Eiquí cheguín, como di o meu compai (¿escoitaras este neoloxismo?. Vai que non) de Moaña, e vexo que non folgas nin o día da Patria. Coñécese que, coma o noso Presidente, segues os consellos dese traballador inesgotable que foi Pablo Picasso. Eu tamén traballo arreo a prol de desmentir o tópico do galego esforzado e permanentemente suoroso. Pero entre Manolo Fraga cos seus decretos finais, Touriño/Picasso rematando discursos de investidura e máis ti, veña a traballar nos santos días, non me cunde nada.
Estou canso, por hoxe xa chegou, Pereiro. Xa nos vemos.
Comment by Chi-No — 30 July, 2005 @ 3:38 pm
¿Onde?, ¿cando?, ¿con quen?
Comment by sihomesi — 30 July, 2005 @ 6:02 pm
¿Qué tes hom, Pereiro? Non desacougues por istas parvadas. Xa sei que non se entende ren. Son as miñas lerias. É que lin que andas a polemizar ca sogra e tamén me enterei que tiñas un caderno virtual destes e vin fisgar un pouco. Non hai máis, só che quería saudar. Outro día ei comentar con máis xeito o que escribas. Aburiño, meu.
Comment by Chi-No — 31 July, 2005 @ 3:28 am
Non, se non teño nada, quitado unha presa do demo. Estaba na aldea, sen cobertura no móbil e con teléfono trak na casa dos veciños, e tiven que achegarme a Sarria para mandar unhas cousas. Cando tiña unha caña na mesa da terraza sobre o río, o portátil aparellado co móbil e me dispoñía a facer unha sesionciña de navegación (non polo río)... o carallo da batería do teléfono comunicame que está nas últimas.
Comment by sihomesi — 2 August, 2005 @ 7:14 pm
Ai, Pereiro… que estes días non se pode andar sen cobertura no móbil! Non vaia ser que fagan “a chamada” e ao non estar pasen directamente ao seguinte na lista… Como me dicía un amigo onte, nunca tantas baterías de reposto deben están vendendo as telefónicas como agora. Porsiaca.
Comment by María — 3 August, 2005 @ 9:37 am
E non soamente no móbil (gracias polo comén, recordoume que o tiña que cargar). Hoxe abrazouseme un productor ó que nin saudaba desde hai dez anos
Comment by sihomesi — 3 August, 2005 @ 10:22 am
¿Poderías pegar o artigo enteiro de Carlos Luis Rodríguez nesta Web? Gracias
Comment by Jabalí — 18 August, 2005 @ 11:18 am