Incendios
Desde onde estou agora, vexo desde hai días arder ou fumegar un monte por riba de Baiona. As miñas cuñadas aseguran que antes de que eu chegara, xa ardera unhas catro veces. Non comento nada máis comprometido que “xa…” porque supoño que a seguinte xogada é preguntar o porqué, e eu descoñezo o porqué, ou podo apuntar tantos que é como non apuntar ningún. De feito, coincido con Brétemas nas terrazas do paseo marítimo ese que popularizou Carlos Casares e o tema case único de conversa son os lumes, sen que ningún dos tres (a terceira era a súa muller) deamos saído dos lugares comúns.
Por exemplo, o de que hai lumes porque o monte perdeu valor, e xa non se roza, etc. Eso explicaría por que arde, pero non por que lle prenden lume. Botarlle a culpa ós psicópatas axuda tanto como quedar tan anchos decindo que os etarras son criminais sen ideoloxía, e por moito que a nosa experiencia próxima sinale o contrario, non ten por que haber en Galicia máis psicópatas que fóra (aínda que ós de aquí lles quede a materia ardible máis a man). O retrato robot dos dous milleiros e medio de incendiarios detidos apuntan a un labrego maior de 50 anos (que non é moito apuntar, o salientable é que foran labregos de menos de 50 anos). Tampouco se sabe –polo menos eu- que razóns declararon ter para prender lume á policía ou ó xuíz os detidos por ese delicto. A única certeza que eu teño sobre o asunto é a que guiou a investigación detectivesca desde que os asasinatos deixaron de cometerse para que se lucira o escritor: busca a quen lle aproveita o crime (o outro clásico, cherchez la femme, non vén ó caso). Ou sexa, mira quen saca beneficio do lume. Brétemas recolleu logo no seu blog a un colega, José Gomes Ferreira, subdirector de informativos da SIC TV, que falaba de “uma verdadeira indústria dos incêndios em Portugal”. Entre os industriais citaba ós servicios antiincendios, ás celulosas e ós intermediarios que as fornecían de madeira queimada a menor prezo e ós que edificaban onde antes había bosque.
Claro que eso debe ser, ou non, en Portugal. Aquí o único claro é que os lume é conservador. O verán de máis lumes foi o verán tripartito do 89, e este, o bipartito, leva camiño de ser o segundo, coa particularidade de que ardeu máis desde a toma de posesión do novo goberno que en todo o que ía de ano, e iso que o operativo é o de antes. Non recordo que decían os medios de comunicación daqueles anos, o que comprobo agora é que en quince días o lume aparece en portadas e pantallas onde estivera ausente quince anos. Informadores que antes se conformaban coa falta de datos oficiais ou co xogo das adiviñas (“ti vaime decindo os incendios que sabes e eu dígoche se os hai”) agora describen con detalles o drama. Realizadores e editores que antes tiñan permitido, como moito, poñer imaxes do traballo de extinción, nunca do lume facendo o seu, agora reproducen sen problemas o espectáculo dramático e hipnótico das chamas.
Ou sexa, seguimos sabendo tan pouco como antes das causas dos incendios forestais, pero moito máis dos seus efectos e circunstancias.
(para mércores, 24 de agosto de 05)


Pobre Suárez Canal, debe de estar vivindo un mal sono.
As causas? No contexto actual diría que políticas (moi básicas, en plan: agora ídesvos joder, (eu coñezo varios cenutrios dese tipo na miña aldea). Estou dacordo con que non pode haber máis psicópatas aquí ca noutro sitio con igual ou máis monte. Mira Castela León, que ben organizadiño teñen todo. O negocio dos incendios tamén é un elemento a ter en conta, e seguramente tamén as condicións laborais dos que apagan o lume, que é unha tarefa ben jodida.
Non sei cal é a solución, pero a min dóeme a alma ver arder o monte.
Comment by kate — 24 August, 2005 @ 7:35 am
Onte na galega, unha reporteira da tvg estivo media hora diante dun incendio (en Carnota) explicando como ardía por acá e acolá, ata onde chegaran as chamas, amosando primeiros planos das casas afumadas… Sí que é curiosa esa emerxencia repentina do tema en todos os medios, había ganas de falar do tema ¿non?
Comment by willy — 24 August, 2005 @ 9:33 am
Si, pero polo menos fan un directo de verdade, onde pasa algo, aínda que non faga falta ter a ninguén comentando como está a cousa, que ben se ve, pero xa está ben de tanto inventar directos onde non os hai, e rajar durante cinco minutos seguidos sobre nada. A ver se vai cambiando a cousa na Galega, que ata que o vexa non o creerei.
Comment by kate — 24 August, 2005 @ 9:48 am
E como vai o da segunda canle da TVG? A comezos deste ano, os díxome-díxome baduaban que se ía inaugurar o 25 de xullo.
Comment by Recunca — 24 August, 2005 @ 10:16 am
Aínda que non existiran informativamente todos estes anos, o certo é:
http://www.incendiosforestales.org/download/mapaincmayor1ha9104.pdf
http://www.incendiosforestales.org/download/mapasiniintenc9104.pdf
Comment by mourullo — 24 August, 2005 @ 2:07 pm
Aínda que non existiran informativamente todos estes anos, o certo é:
www.incendiosforestales.org/download/mapaincmayor1ha9104.pdf
www.incendiosforestales.org/download/mapasiniintenc9104.pdf
Comment by mourullo — 24 August, 2005 @ 2:08 pm
Recunca, espera sentado ata o vindeiro 25 de xullo, e alí pregunta cando (témome).
Comment by sihomesi — 24 August, 2005 @ 3:49 pm
Recunca: E digo eu, para que quers a Segunda Canle? Sabes para que vai valer? Para meter tódolos programas que teñen na “neveira” sen emitir. Dígocho eu que fixen uns cantos que non se emitiron nunca, e ben dignos que eran. Igual era por iso. Ah, e aposto o que queirades a que, como di o dito: cambiará todo para que todo siga igual. Medo lles teño a certos “salvadores” da TVG que proveñen da tele que se facía no tripartito. Só hai que ver Máxima Audiencia. Moi boas intencións pero é ruborizante ver só un minuto do programa.
Comment by kate — 25 August, 2005 @ 6:54 am
Máxima audiencia semella un programa dos anos oitenta, rancio, e como dunha época remotísima.
Por certo, eu viña a falar das declaracións da ministra de Medio Ambiente sobre a complicidade social dos galegos cos incendios e a resposta do pp: “Semella que os galegos lles damos aos pirómanos algún tipo de apoio, calamos críticas ou dámoslles acubillo a eses que estragan a nosa riqueza forestal”. “Desas palabras da ministra pode deducirse que as galegas e galegos somos cómplices dos incendiarios” (lido en vieiros hoxe). Ao mello si o señor do pp, cambia “os galegos” por “algúns galegos”, a frase aproxímase moito á realidade. E onde pon “calamos críticas”, ao mellor simplemente quería dicir “calamos” sen máis, polos menos no que se refire aos medios de comunicación “oficiais”. En fin, que penso que a afirmación da ministra é esaxerada, pero a indignación dos anteriores habitantes da xunta paréceme falsa, impostada, finxida.
Comment by willy — 25 August, 2005 @ 9:20 am
Sempre nos quedará LaVoz e LaCope para normalizar a lingua galega.
Comment by Recunca — 25 August, 2005 @ 10:50 am
Xa me empeza a cheirar tanta teima sobre os castigos cos que están ameazando aos incendiarios. O meu pai, que ten noventa e dous anos, di con toda a razón que se se limparan os montes non habería incendios, que cando el era novo os montes non ardían. E opino que ten toda a razón: as estabulacións modernas non precisan “molime” ou toxos para estrar; xa non se cavan bouzas no monte para facer borreas e botar logo o pan ou o trigo; as cociñas de butano non precisan leña para queimar; os fornos non cocen (xa unicamente cocen os profesionais e non con leña); os forcados, arados, carros e angazos xa non son de madeira; xugos xa non quedan; as aixadas e os fouciños mánganse con mango de faia fabricados no país vasco. Total, que hoxe non se corta nin un toxo, nin unha uz, nin unha silva, nin varas nin mangos, e o monte e mais o que non é o monte está cheo de combustible agardando polo accidente, o descoido e a chispa intencionada. Unha política nova sería atacar por ahí, e non seguir insistindo, como gobernos anteriores, na piromanía (que pode habela): retiremos o combustible e teremos metade do camiño andado, e gastemos en desbrozadoras para traballar no inverno e na primavera en lugar de concentrar todo o gasto en avións, helicópteros e mangueiras para o verán.
Comment by Carlos — 25 August, 2005 @ 11:35 am
E para cando uma selección galega de quadrilhas contraincéndios?
Tamén din na minha aldea: tarde piaches.
Uma aperta e saúde.
Comment by galeidoscopio — 25 August, 2005 @ 2:04 pm
Antes habia moita mais xente nas aldeas e habia incendios, pero moitos menos que agora, que non quedan nin catro gatos… ademais agora prodúncense moito mais
PERTO dos núcleos rurais, mais perto das casas. ¿non vos da que pensar?
Comment by airadasenra — 25 August, 2005 @ 5:07 pm
Antes, antes… antes non inzaran o monte de piñeiros nin de eucaliptos como solución máis rápida e máis cómoda para que dea beneficios…o problema é que agora non é antes, e a solución digo eu que non será a vía polpotiana de arrear para o campo á xente das cidades
Comment by Pandeiro — 25 August, 2005 @ 8:14 pm
A ministra ten toda a puta razón, mal que nos pese. Cantos veciños se atreven a denunciar ó outro, para que logo lle parta un sacho na cabeza ou lle queime o establo. Que Galicia te es muy punki en en rural.
Comment by kate — 26 August, 2005 @ 6:24 am
testcomment823
Comment by testanchor128 — 16 October, 2005 @ 12:08 am