Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

28 August, 2005

Adiós praias

Filed under: Si home si

Adiós praias, adiós montes, adiós aturar pequenos, adiós cargar coa sombrilla, ata un ano polo menos. Vaise o verán, di todo o mundo, e o verán non é precisamente a miña estación favorita. Non o foi nin cando era pequeno e levaba aparellada unhas vacacións merecedoras dese nome, de case tres meses, nin agora que non o son e o que leva aparellada é a presencia militante na praia.

Fraga cos nenos
O ex presidente, de veraneo cos rapaces, hai unha chea de anos

Non é que eu teña un odio persoal á praia. Coñezo moita xente –case toda do xénero masculino, ignoro a razón- que non pon un pé nela, e que se o pon non é de forma voluntaria. Incluso teño a teoría de que conceder as vacacións en época estival é unha estratexia sibilina para promocionar o verán, por razóns que tamén se me escapan. A maiores, as boas cousas do verán –que tamén recoñezo que as hai- corresponden en realidade ás vacacións. Por exemplo, e alomenos en Galicia, ese ir de acá para alá, atopando xente fóra de onde a ves sempre. Encóntraste en Compostela o día 25 cun amigo co que estiveches hai unha semana nas festas do teu lugar e coincides tres días despois nun concerto en Paredes de Coura. Ese tipo de cousas dálle a este país, ó meu entender, un aire de sociedade aberta e universalista, de cidadáns que se relacionan a pesar de residir a cento e pico de quilómetros de distancia. Pola contra, o veraneo playero consiste en chantarse como un percebe nun lugar concreto sen moverse del (habida conta do que custan os alugueres) máis que para dirixirse ó mesmo lugar que todos e promover así os típicos atascos de estrada costeira.
De todas formas, cada quen é como é ou como o fixeron, e eu tampouco quero ser, respecto ó verán, como Manuel Vicent, que todos os anos renova periódica e indefectiblemente a súa diatriba contra o seu tema favorito. Pero si me gustaría chamar a atención sobre un aspecto importante. Dentro do estilo vaicheboa que caracteriza todo o que teña que ver con esta época, desde o volume das atraccións festeiras ó comportamento na conducción, este ano observei unha tendencia perigosa na vestimenta veraniega. As mulleres da tribu veraneante optaron por ir elegantes á par que sencillas, ou mellor, suxestivas á par que informais. Feitas unhas princesas, vaia, dentro do que cabe. Pero o sector masculino precipitouse nun look a medias entre o prototipo de sicario colombiano nos filmes da serie B e o de figurante das películas de Alfredo Landa. Ou con camiseta étnico-deportiva e pantalón corto que parece sacado do equipo de fútbol sala da empresa, ou con polo e bermudas caki en plan policía colonial birmano, coas canelas fracas peladas/peludas que saen dos mocasíns como paos. E todos cun adminículo colgante a medias entre o bolso vanity das vodas e o macuto militar.
Cada un é como é, etc., pero se seguimos así, entre que as vacacións de verán son estadísticamente o mellor caldo de cultivo para divorcios e separacións, e esa tendencia da moda masculina, o que está en perigo é xa a conservación da especie.
veraneo

(Para luns, 29 de agosto de 05)

15 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2005/08/28/adios-praias/trackback/

  1. Non, home, non. A praia é unha delicia, se atopas unha con pouca xente. Eu tamén odio estar pelexando por un sitio para a toalla na area. Pero estar tirado nunha praia solitaria (que eu estiven en varias este verán, dígocho de verdade), co único son das ondas e lendo un libro ou botando unha soneca, iso é impagable. Nunca entendín (aínda que respectei, claro) á xente que non lle gusta a praia. Pero como ti dis, “cada un é como é ou como o fixeron”.

    Comment by kate — 29 August, 2005 @ 8:05 am

  2. unha das mellores cousas de ser maior é non ter q ir á praia e non ter q poñerse morena. odio as mulleres con pareo q se torran toda a tarde e non se bañan nunca, odio os jichos con tanga… no novo estatuto deberían eliminar o vran. e acabouse e punto final.

    Comment by ro — 29 August, 2005 @ 2:14 pm

  3. eu apúntome a un vran perpetuo, onde a preocupación máis grande sexa elexir a praia que lle apeteza a un ou o factor de protección axeitado fronte ao índice UV do día, onde tras varias horas adicadas a botar unha soneca, a nadar entre as olas ou a leer toda a prensa e toda a historia da literatura universal sentindo baixo a toalla a calor envolvente da area, un poda botar unhas cañas as once da noite cos colegas ¡en camiseta! (este ano foi xeneroso nesas noites, a cara positiva desa calor que facilitou a piromanía das últimas semáns); e ten razón vostede: cando máis coidado poñen as mulleres no seu aspecto máis parece aumentar o número de gañáns no territorio ao seu arredor, ¿un estraño fenómeno físico-psicolóxico? (do que, glups, formo parte culpable)

    Comment by willy — 29 August, 2005 @ 5:05 pm

  4. Os dous proveranistas non proveristas nin probeiristas arriba asinantes xustifican a praia co do libro e tal. Eu tamén coñezo unha praia tranquila e con SOMBRA pero, úla a súa vantaxe sobre unha carballeira, ou a sala da casa se está aireada? Que vantaxes ten a lectura mesturada co noxento cheiro a Nivea, a area que se mete en todas partes (libros, bocadillos) e os acentos ríspidos que inzan todos os areais?
    E o das vestimentas, como se pode ler con xeito no medio dunha atrocity exhibition?

    Comment by sihomesi — 29 August, 2005 @ 6:58 pm

  5. Único por bañarse, nadar un pouco e tal. Se algo me mola menos que a praia son os ríos (auga fría, pedras, bechos e pasos en falso) e as piscinas (cheiro a lixivia, auga na que non se flota e chulopiscinas, que aínda son peores que os chuloplayas… mellor non falar dos adminículos fardahuevos que se levan por aí!).

    Comment by María — 29 August, 2005 @ 7:19 pm

  6. Aínda quedan tres semanas de verán gastronómico, non? Nas praias pódese solazar a xente tamén no resto do ano e, sen querer ir contra a indústria con base en Arteixo e non sendo crente, tamén está a moda do coiro multicor ao aire (onde vai o Cancio, por certo?).
    E para tranquilidade espiritual: bares, pubs e discotecas (que din os Suaves e matizan Lamatumbá); restoráns etno-faxon; inauguracións de saraos artísticos e literários; conferéncias e demáis.
    Lume de San Xoan e saúde.

    Comment by galeidoscopio — 29 August, 2005 @ 7:46 pm

  7. ¿Que me dice vostede do olor da mar, do son das ondas rompendo mentras toda a xente arredor está calada polo menos procuro escoller praias civilizadas, isto é, xente en coiros e con poca afección polos berros, e de todos os demáis tópicos de folleto da axencia de viaxes: fermosos solpores, lánguidos paseos pola beira do mar coas ondas rompendo nos teus pes, o contraste da auga fría tras horas entregado ao sensual contacto do sol de agosto… ;)

    Propoño que no novo estatuto eliminen o outono, o inverno e os días de primaveira de pouco sol

    Comment by willy — 29 August, 2005 @ 9:46 pm

  8. O olor a mar, as ondas rompendo, praias sen xente… todo eso acontece fóra do verán.

    Comment by sihomesi — 29 August, 2005 @ 9:56 pm

  9. E cando choverá?

    Comment by mourullo — 29 August, 2005 @ 10:25 pm

  10. Estou con Willy totally. Non sei a que praias ides vós (os antipraistas), pero desde logo para min é un pracer, e non cheiro a Nivea, nin poño pareo (é máis, ás veces non poño nada, que mola mazo). Onte, sen ir máis lonxe, fun a unha praia que me encanta, na ría de Noia, unha praia na que cada un fai o que lle dá a gana. Non é nudista pero se te queres poñer en bolas podes que non te miran raro, as ondas están quetecagas, hai un silencio espectacular… e non vou dicir onde é porque se non igual deixa de ser así. Pero a diferencia coa Carballeira, amigo Sihomesi, é que alí podes darte uns baños de auga boírmos para a circulación, xogar coas ondas, e logo tumbarte na toalla fresquiña e quecer un pouco ó sol. Que non queres sol? Poste debaixo da sombrilla (en galego creo que é parasol pero a min gústame máis a acepción “sombrel-la”) e les un pouco ou botas unha soneca. Eu son superfan da praia, estaría todo o ano indo á praia, se non fose que o sol está jodido e hai que protexerse, que se non, sáenche manchas e tal. P.S: e tamén me encantan as carballeiras.

    Comment by kate — 30 August, 2005 @ 7:58 am

  11. Eu pensaba que era o único tipo ao que non lle gustaba a praia. Ou sexa, non é estrictamente que non me guste. É que non soporto a auga fría e, xa que logo, a praia é para min un suplicio que evito.

    Cada un é como o fixeron. A min gústame o frío con sol. E nos últimos invernos non houbo queixa ao respecto.

    Comment by edu — 31 August, 2005 @ 12:47 pm

  12. 3 nun burro

    Comment by Palanghreiro de Lalín — 1 September, 2005 @ 8:52 am

  13. Adiviña: a que os contrarios á praia somos de interior e homes?(quitado o burro ó que fai referencia Palanghreiro, e non sei se o propio Palanghreiro)

    Comment by sihomesi — 1 September, 2005 @ 9:29 am

  14. Esa tese non é sostíbel. ¿Qué me dí vostede da migración veraniega dos ouresáns cara ás rías baixas? Penso que non hai xente máis ao interior que eles, e, sen embargo están ávidos de area, de mar, de paseiños pola beira, de solpores incandescentes, de nadar entre a mar rizada (vou poñer unha axencia de visaxes xa mesmo). No fondo e esta é unha tese “forte”, así que agárrense, o instinto de “praiar” é un sintoma de gosto polos praceres civilizados, ou se o prefiren, unha forma de elegancia vital altamente sofisticada. Ollo, eso non quere decir que os que non gostan da praia non poidan ter eses atributos. O amor polas carballeiras é indicativo de rasgos de carácter moi semellantes aos anteriores.

    Comment by willy — 1 September, 2005 @ 3:15 pm

  15. Boa parte van arrastrados pola familia. E unha mínima parte vai a iso que di. O resto, a amorearse, aturar veciños de edificio e agora de area, consumir fritangas, etc. As praias Willy-version existiron a comezos do século pasado, e agora quedan románticos que añoran esa época e procuran no actual fenómeno de masas anacos do que foi

    Comment by sihomesi — 1 September, 2005 @ 8:18 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here