Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

29 September, 2005

Sublime decisión

Filed under: Si home si

Moitos de vostedes estarán por aí, tan contentos, felices e despreocupados (polo menos tan despreocupados como para dedicar tempo a ler esto), mentres algúns veciños seus debátense desnortados na confusión de se farán ben ou non, e moitos fogares (entre eles o meu) están inmersos en abismos de dúbidas sobre cal será o camiño correcto: ¿que actividades extraescolares para os nenos escollemos este curso? (more…)

28 September, 2005

Corre, neno

Filed under: Si home si

“Esto demuestra que los españoles, cuando nos ponemos, conseguimos lo que sea, excepto la selección de fútbol, claro”, escoitei o domingo unha voz tronante na radio, e supuxen que Fernando Alonso acababa de facerse co campionato do mundo de Fórmula 1. Non me deu tempo a retrucarlle mentalmente “…pilotando coches que fan outros” cando saíu outro comentarista, loitando claramente coa dentadura postiza, proclamando que “Fernando nos ha hecho a todos los españoles campeones del mundo”. Noutra emisora, un paisano do ganador pilloulle o micrófono á redactora e fundiu a membrana (do micrófono) a berros. Evidentemente, é moi bonito que nos faga a todos campións do mundo de Fórmula 1 un rapaz cos mesmos anos que os que se ganan a vida pilotando mobiletes de repartir pizzas. Pero ó que me preocupa non é a fabulosa capacidade de empatía coa victoria do ser humano (incluíndo os comentaristas radiofónicos e os seguidores que proxectan nos seus ídolos o entusiasmo que non poñen na vida propia), senón a influencia paterno/materna no rumbo dos fillos. (more…)

26 September, 2005

Correntes alternas

Filed under: Si home si

As voltas que dá a vida. Hai unha chea de anos, eu era un periodista pipiolo (tan pipiolo que nin siquera fumaba) cando se suscitou a operación de compra de Fenosa por Unión Eléctrica, unha cousa que tecnicamente chamaban “fusión por absorción”, pero que parecía o que foi. Daquela era tan pipiolo que pensaba que os sindicatos, ademais de defender os empregos e os dereitos dos traballadores, podían aportar o seu punto de vista sobre que significaría o asunto para o futuro económico da empresa. Tamén que os partidos opositores non deixaban de ter razón en que non era moi ético que unha empresa que medrou a base facer o que lle petou cos ríos en Galicia se fose coa sede social a outro lado. Eu daquela escribía nun xornal que me deixaban recoller todos eses puntos de vista, pero resultou que estaba equivocado. No resto dos medios, xente que realmente sabía do que escribía sinalaban que aquela fusión por absorción era precisamente a que aseguraría o futuro da empresa, que así eran as leis do mercado e as necesidades da economía de escala e outros axiomas que eu descoñecía, e que os traballadores o que querían era non perder privilexios como ter a luz de balde e os opositores eran uns resentidos antiempresas. O caso é que o asunto foi adiante con todas as bendicións, tiveran ou non razón, que posiblemente. Xa lles dixen que eu daquela era un pipiolo. (more…)

22 September, 2005

Que facer?

Filed under: Si home si

O recurso de quita e pon do Real Madrid contra a conspiración arbitral, o recurso de pon e quita do PP contra a lei de matrimonios homosexuais, o eterno pon esto e quita o outro do Estatuto catalán, a chea de ofertas para poñer a celulosa que se vai quitar de Pontevedra… todos eses temas non son máis ca unha cortina de fume para ocultar o auténtico debate. En efecto, vexo ós mellores cerebros da miña xeneración, das anteriores e das seguintes (alomenos os que non fichou para Madrid con becas Esperanza Aguirre) renxer as meninxes para dar coa solución ó Gran Problema: ¿que facer –que decía o outro- coa Cidade da Cultura? (more…)

21 September, 2005

Burguesía

Filed under: Si home si

No fondo de armario do argumentario sociopolítico un clásico imprescindible era, e en boa parte sigue a ser, o de “aquí non hai unha burguesía”. Eu téñoo usado, pero a verdade porque o tiña, non porque crea que me sente ben. Por un lado, porque burguesía, aínda cando había pouca, aquí habíaa –outro cousa é para onde apuntara- e por outra, porque tampouco o chamado pobo se conducía como moi galego, por moito que gastara boina e afalara vacas. Agora desterramos a boina pola gorra esponsorizada por un taller ou un rapado e as vacas polo can de paseo, e as clases están unificadas polas hipotecas. E o outro día fun a unha voda para –ademais de corresponder á invitación- tentar comprobar como vai o Down Jones de galeguidade nas clases medias.
(more…)

20 September, 2005

Mamá

Filed under: Xeral

En Fene, unha madrugada hai uns anos un ionqui rouboulle un coche a unha muller que o deixara prendido mentras baixaba a devolver unha película a un videoclub. No asento traseiro do coche durmía unha nena de tres anos. A muller e un irmao buscaron o coche e atopárono pola Gándara, pero o rateiro despistounos. Logo de chutarse, foise, deixando coche e nena. A policía localizou á nena seis horas despois. Hoxe, no xuizo, eu estaba detrás do acusado, que daba as habituais respostas inverosímiles, quitado probablemente a de que non se enterara de que estaba a nena cando colleu o coche. Además de culpable, non parecía demasiado listo, e eu estaba pensando que pedazo de besta por non deixar o coche nun lugar transitado en canto se decatou de que non estaba só. Nese momento, volveuse, chiscou un ollo e por un momento converteuse nun rapaz normal, mesmo tenro. Eu tamén mirei cara atrás, e alí estaba, toda traballadiña e desfeita polos anos e os padeceres, a súa mai.

19 September, 2005

Partiu

Filed under: Si home si

A medianoite dacabalo do venres e do sábado pasado, na Coruña produciuse un momento que a algúns presentes lles escoitei cualificar de histórico, e que eu, sen ánimo de polémica, definiría mellor como máxico (se non fose un concepto demasiado jipi) ou como emotivo (se non fose demasiado cursi). Falo da despedida dos Diplomáticos de Monte Alto. (more…)

16 September, 2005

The year of the .CAT

Filed under: Xeral

Estarán ó tanto que, a consecuencia das presións e chantaxes do tripartito á ICANN, xa aprobaron o dominio .cat, por moito que sexa para asuntos culturetas, como se admite o galego para os chistes ou para dirixirse ós da aldea. Para reclamar o que hai que reclamar, seguro que xa saben vostedes dunha chea de littlewindows máis axeitadas ca esta.

Novo Cuiña?

Filed under: Destafoi

tareixa
Con nocturnidade e alevosía, aproveitando que eu estaba de vacacións, o Vicepresidente de I+B designou como delegada na Coruña á miña amiga e case veciña Tareixa Novo. Na foto pódese comprobar que gran delegada perdeu Obras Públicas, aínda que tamén a resolución (de carácter, non de píxeles) que revela Tareixa aventura que os machistas e maltratadores téñeno crudo.

15 September, 2005

Política de lavadeiro

Filed under: Si home si

Os chamados temas de interese local, e a información que xeran, teñen aquí unha característica curiosa: teñen bastante que ver co fenómeno das lendas urbanas. O aeroporto, o porto interior e o exterior, a terceira ronda e a seguinte que a pago eu. Sinto ser tan duro e tan sarcástico con administracións que non son precisamente malos exemplos de administrar, pero as cousas son como son, e unha cousa é ir administrando máis ou menos e outra facer política, no seu sentido orixinal (tentar os solucionar problemas da xente), non no que foi collendo (resolver os problemas da clase política). (more…)

13 September, 2005

Operación

Filed under: Si home si

Se hai unha profesión para a que non me dotou a providencia, ademais da de monitor de autoescola ou calquera outra que esixa doses elevadas de paciencia, é a de médico. Calquera cousa que teña que ver co asunto prodúceme pavor, desde as agullas á mera descrición dunha operación. Consecuentemente, como paciente son fatal, máis fatal incluso ca media dos homes (dos seres humanos masculinos), e ata nunha simple extracción de sangue para unha análise miro para outro lado. Afortunadamente, nunca me operaron de nada. Desafortunadamente, aínda que fago todo o posible por evitalo, e demoro o imposible calquera visita, son máis asiduo do que quixera da especialidade médica que máis medo me mete: o dentista. (more…)

12 September, 2005

A cara oculta

Filed under: Matrix Press

art
O outro día fun cubrir a noticia dun iate alemán que embarrancou onda a praia do Trece, entre Camelle e Camariñas, no mesmo sitio onde se desgraciou o mítico pero real Serpent. A noticia non era soamente, ou principalmente, o novidoso feito dun naufraxio dun barco de luxo na Costa da Morte, senón que houbo uns que recuperaron a tradición dos raqueiros, os saqueadores de pecios. Chegaron en dúas lanchas, a pleno día, e apañaron todo o que puideron, ata o asento do piloto. Os veciños, diante da cámara, como moito aseguraban “si, algo sentín que desvaligharan o barco. Uns de… de non sei onde, pero sentín que saquearan bastante”. Fóra da cámara, o relato mesma dalgunha autoridade era un chisco menos idiosincrático pero máis rico: “Chegaron e o primeiro que fixeron foi coller o champán e picar uns chourizos. E logo deron en desarmar todo. Ós que estaban en terra berrábanlles ‘mirade que barco compramos’”. O axente da aseguradora, un alemán era algo máis explícito co micrófono diante (“hicieron un saqueo en toda regla”) pero aínda máis detrás do chintófano: “fui a un bar de ahí, y dije que había cosas que no importaba perder, pero que estábamos interesados en recuperar un aparato concreto. Uno del bar dijo en alto: ‘no se preocupe que eso aparecerá’”. Os que din que as imaxes valen máis que mil palabras non fixeron información para a televisión.

Seguridade cidadá

Filed under: Si home si

Hai días o goberno do Estado anunciou unhas medidas tan extraordinarias e dun trasfondo case revolucionario que me gustaría que me sacaran de dúbidas sobre si alguén as escoitou tamén ou son eu que decreto en soños as normas que desexaría ver vixentes na realidade. Falo desa decisión de rematar coa estafa –ben, cunha parte delas- que fan algunhas empresas ós seus clientes. (more…)

8 September, 2005

O barato é caro?

Filed under: Si home si

Coas expectativas non se sabe que é peor, se que se cumpran ou que non. Posiblemente é o que pasa co novo goberno, que hai tantas expectativas entre os gobernados que o que fan ben parece pouco, e o que non, parece demasiado. E tantas entre os gobernantes que se senten obrigados a cumprilas antes onte que hoxe. (more…)

6 September, 2005

Acordos e desacordos

Filed under: Si home si

Parece ser que a reunión entre Zapatero e Rajoy concluíu en fracaso, cabe deducir do unánime lamento dos analistas políticos sobre a ocasión perdida de encarrilar a política nacional, e a chea de advertencias que prodigan de que así mal vamos. En realidade, a xuntanza foi mal porque é o único método para que uns e outros –políticos e analistas- defendan o pan que comen. Rematado o exótico asunto das eleccións galegas, muxido o polémico tema do Estatuto catalán ata que perdeu calquera asomo de interese e mesmo de intelixibilidade, algo hai que facer para seguir ocupando as portadas. Nas novelas negras, neses casos, facían aparecer a un tipo cunha pistola, e aquí escenifican un desacordo (tanto que a frase de Rajoy, “entré preocupado y salí preocupado”, é do guión da reunión anterior). E o público, preocupado. (more…)

5 September, 2005

Katrina

Filed under: Si home si

Michael Moore (xa saben, o da gorra que se gana a vida meténdose co que non lle gusta dos Estados Unidos) saíu do silencio no que estaba cando a parte dos Estados Unidos que non lle gusta reelixiu a George W. Bush, e o venres pasado escribiulle de novo (a Bush, e de paso ós Estados Unidos). “Acabáronse as vacacións…” chámase a súa carta aberta. Polo de Katrina, claro.

(more…)

2 September, 2005

Lúa de mel, lúa de fel

Filed under: Destafoi

Primeiro desencontro no seo do que o PPdG, aínda noqueado, chamou no seu comunicado de prensa sobre o tema “o tripartito”. Fóra de quen teña a razón, no caso de que haxa unha, cada vez parece máis claro que o affaire Salario da liberdade foi un aviso a navegantes por despecho (despecho?) seguido de outro por orgullo. O mesmo que nas parellas (nas de dous, estimado PPdG). O pavero do asunto é que se produciu entre dúas persoas, Laura Seara e Quintana, que non soamente son paisanos de Allariz, senón que foron veciños do mesmo edificio. É mais unha premonición? a nena Laura dos Fandiños choraba moito de pequena e non deixaba durmir ós Quintana.
Se esta primeira crise motivouse por algo no que as dúas forzas están de acordo, e entre dous amigos, ou están eles a clase política moi susceptibles, ou o estamos nós.

1 September, 2005

Problemas de xestión

Filed under: Si home si

Todo ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Por exemplo, no fútbol as victorias son victorias, xustas ou inxustas, e as derrotas, honrosas ou como para matalos, son derrotas. Na política é todo máis difícil, quizais porque non hai o que antes se chamaba moviola ou cámara lenta, nin o máis moderno ángulo inverso. (more…)






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here