Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

22 September, 2005

Que facer?

Filed under: Si home si

O recurso de quita e pon do Real Madrid contra a conspiración arbitral, o recurso de pon e quita do PP contra a lei de matrimonios homosexuais, o eterno pon esto e quita o outro do Estatuto catalán, a chea de ofertas para poñer a celulosa que se vai quitar de Pontevedra… todos eses temas non son máis ca unha cortina de fume para ocultar o auténtico debate. En efecto, vexo ós mellores cerebros da miña xeneración, das anteriores e das seguintes (alomenos os que non fichou para Madrid con becas Esperanza Aguirre) renxer as meninxes para dar coa solución ó Gran Problema: ¿que facer –que decía o outro- coa Cidade da Cultura?
cidade

A hipótese dese GP é ben sinxela para todos menos para quen a promoveu: Galicia non se pode permitir a Cidade da Cultura, por exceso de gasto e tamén de cultura. Aquí hai centos de castros sen excavar e sen museizar, igrexas románicas a eito, edificios históricos que se can de vellos, conxuntos etnográficos a esgalla, e todo a monte. Coa inversión e a imaxinación pertinentes, poderíanse converter nunha rede de ofertas que farían rebentar de orgullo ó indíxena máis túzaro e reacio á cultura, e esgotaría a demanda do viaxeiro máis famento de ocio cultural. Pero no lugar desa opción, escolleuse a de engadir un continente máis á colección de espacios baleiros de contido (a Casa das Palabras e o Museo do Mar de Vigo, por poñer dous exemplos). Facer unha biblioteca sen libros (¡e na era de Internet!). Construír un edificio que soamente en calefacción gastará máis que o PIB dalgúns paises desfavorecidos. A antítese, aínda máis sinxela que a hipótese, é que como pasa noutros aspectos da vida, parece ser demasiado tarde para dar marcha atrás.
As miñas teses, que dou porque tarde ou cedo me tocará que me pregunten, están completamente na liña das expostas ata agora. Coas vellas autoridades de peso coincido en que debería servir como centro de documentación e investigación, e para eso nada mellor que situar alí os principais organismos productores. A Xunta, o Parlamento, e se me apuran as Deputacións. Axilizaríase o papeleo todo, por non falar dos concursos de traslados dos funcionarios. As sedes de orixe sobrantes poderíanse reverter ó mercado inmobiliario, sempre ávido de ofertas de alto standing (xa vexo a publicidade: “¡Dúplex en San Caetano!, ¡viva como un conselleiro!”) ou para residencias xeriátricas, que boa falta fan (“Plazas na Deputación de Ourense: amañámoslle o último treito da vida”). Pero tamén se me ocurren alternativas máis axeitadas ó mundo actual: un parque temático. Por exemplo, aproveitar o excavado e reproducir as catacumbas nas que se refuxiaban os primeiros cristiáns, co que se crearía unha evidente sinerxia co negocio da tumba do Apóstolo. Ou deixar o asunto a medio rematar e argallar un Cripta Park, tipo Warner ou Disney, pero dedicado ás películas de terror, momias e zombis. Con arranchar os decorados que deben ter tirados por aí George A. Romero ou Roger Corman, sae por dous pesos.
haunted
Xa sei que son soamente uns apuntes, pero se me encargan un informe, encho vinte folios como todos.

(para xoves, 22 de setembro de 2005)

9 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2005/09/22/que-facer/trackback/

  1. Poderían currar no Cripta Park os que perdan no congreso do PP galego…

    Comment by mourullo — 22 September, 2005 @ 8:19 pm

  2. Home, un paso pola vida civil, lonxe do erario público, non lle ven mal a ninguén.

    Comment by sihomesi — 22 September, 2005 @ 8:33 pm

  3. sinto decilo así, con estas palabras, pero é unha puta desgracia a herencia que nos deixa o PP, con isto da cidade da cultura. Meu deus!, que peniña de cartos.

    Eu pregúntome, canto custaría tapar todo con terra outra vez?, porque penso que seria o mellor

    Comment by Imeneo — 22 September, 2005 @ 10:04 pm

  4. obseno me parece o tema, e o peor é que custará máis non facer nada con ela ou tirala ca facer algo. Voto polo de mandar para alí a Xunta, e vivir coma un conselleiro en San Caetano, haha.

    Comment by kate — 23 September, 2005 @ 7:28 am

  5. *obsceno

    Comment by kate — 23 September, 2005 @ 7:29 am

  6. Moitas felicidades :)

    Comment by kate — 23 September, 2005 @ 6:41 pm

  7. Teña coidado nesoutro Cripta Park, Pereiro ;) Parabéns!

    Comment by mourullo — 23 September, 2005 @ 8:34 pm

  8. A Voz súmase a unha das iniciativas (á da Cripta Park, non)
    http://www.lavozdegalicia.es/se_galicia/noticia.jsp?CAT=102&TEXTO=4100201

    Comment by pepepótamo — 25 September, 2005 @ 9:38 am

  9. testcomment47

    Comment by testanchor251 — 16 October, 2005 @ 3:05 am

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here