Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

26 September, 2005

Correntes alternas

Filed under: Si home si

As voltas que dá a vida. Hai unha chea de anos, eu era un periodista pipiolo (tan pipiolo que nin siquera fumaba) cando se suscitou a operación de compra de Fenosa por Unión Eléctrica, unha cousa que tecnicamente chamaban “fusión por absorción”, pero que parecía o que foi. Daquela era tan pipiolo que pensaba que os sindicatos, ademais de defender os empregos e os dereitos dos traballadores, podían aportar o seu punto de vista sobre que significaría o asunto para o futuro económico da empresa. Tamén que os partidos opositores non deixaban de ter razón en que non era moi ético que unha empresa que medrou a base facer o que lle petou cos ríos en Galicia se fose coa sede social a outro lado. Eu daquela escribía nun xornal que me deixaban recoller todos eses puntos de vista, pero resultou que estaba equivocado. No resto dos medios, xente que realmente sabía do que escribía sinalaban que aquela fusión por absorción era precisamente a que aseguraría o futuro da empresa, que así eran as leis do mercado e as necesidades da economía de escala e outros axiomas que eu descoñecía, e que os traballadores o que querían era non perder privilexios como ter a luz de balde e os opositores eran uns resentidos antiempresas. O caso é que o asunto foi adiante con todas as bendicións, tiveran ou non razón, que posiblemente. Xa lles dixen que eu daquela era un pipiolo.

Hai uns catro anos, xa non era precisamente un pipiolo, pero tampouco entendín porque razón Unión Fenosa non se puido facer, por fusión, por absorción ou por fisión, cunha compañía menor, Hidroeléctrica del Cantábrico. Parece ser que neste caso, por moito que dixera a economía de escala, as forzas vivas do lugar –Asturias-, medios de comunicación incluídos, estaban radicalmente en contra, e como no goberno en Madrid había dous asturianos Cascos e Rato, nin axiomas do mercado nin farrapos de gaita. Agora a electricidade volve sacudir o mundo económico como as pilas as ancas de ra naquel experimento de física escolar, e eu –que pensaba que perdera a pipiolez- sigo sen entender nada. O PP en bloque chama a arrebato contra que o capital e a sede de Endesa abandonen “territorio nacional” (Madrid, onde que eu saiba non hai máis pantanos que o de Entrepeñas, e non produce electricidade) para ir a Cataluña, cando aquí o goberno do mesmo color cedeu alegremente os montes a empresas eólicas foráneas nun 86%.
Ben, esas son andrómenas de políticos, que lle sacarían punta incluso a que o Barça ganara a Liga, dime a miña faceta cínica que fusionou por absorción á miña faceta pipiola. Pero ningunha das dúas entende a euforia porque capital galego quixera mercar unha parte de Fenosa e o pranto conseguinte cando a operación se revelou interrupta, daquelas mesmas forzas vivas ás que hai vinte anos lles pareceu fenomenal a manobra contraria. ¿Que pasou co libre mercado neste tempo? E máis importante: ¿Os deportivistas ou culés pechados poderán contratar a luz con outra empresa na que non teña accións Florentino?

(para luns 26 de setembro de 05)

5 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2005/09/26/correntes-alternas/trackback/

  1. O que pasa é que se intenta facer o mesmo que en Cataluña pero sen “mentar la bicha”. E así vai.

    Comment by mourullo — 26 September, 2005 @ 1:53 pm

  2. A patafísica económica, ou sobre a argumentación difusa.
    Xa hai anos que non me creo ningunha explicación económica do que “xa pasou” (desgraciadamente, ás veces tamén intentan aclararnos o que “vai pasar”). Sucede exactamente coma no conto de alicia: primeiro a sentencia, e despois as probas. Existe de antemán un xuízo sobre o bo ou malo dunha operación (económica), e despois se buscan os argumentos que confirmen a idea previa. Ou, para dicilo cunha das leis de murphy: calquera hipótese pode ser demostrada, se se consulta ao número suficiente de expertos. E hai expertos económicos a montóns e moreas, engado eu.

    Comment by pinacle — 27 September, 2005 @ 8:05 am

  3. Din hoxe na prensa que o poder bravú vai tomala CRTVG. A ver se mudan algo as cousas. Non dúbides e metelle o dente.

    Comment by Folerpa — 27 September, 2005 @ 8:10 am

  4. E desde aquí pido un pouco de dignidade coa lingua, por favor, que non se lle metan máis patadas, que para iso se creou esta televisión.

    Comment by kate — 27 September, 2005 @ 11:14 am

  5. Vou deixar as connotacións técnicas e estrictamente económicas para cando teña o meu propio blog aburrir a quen se atreva. Só decir que “andar a xogar” cun sector como o enerxético, tan necesario como a mesmisima sanidade, da idea do irresponsables que a ambición fai a políticos e grandes empresarios.
    Só un apunte: A razón pola que Florentino Perez se fixo con Unión Fenosa e contratar para a súa constructora ACS tódalas obras de encoros, centrais e o que se preste. O da electricidade…

    Comment by F. Miguez — 27 September, 2005 @ 8:21 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here