Os anteriores
(ante unha enchenta de peticións e de dúbidas, aí van dous libelos anteriores sobre o do cambio horario) (more…)
(ante unha enchenta de peticións e de dúbidas, aí van dous libelos anteriores sobre o do cambio horario) (more…)
Sempre, por este día e a esta hora, sexa pola nova ou pola vella, sigo a tradición columnista que encarna Manuel Vicent coa súa diatriba anual contra os touros (contra o costume de matalos en público logo de marealos) e esbardallo contra o cambio de horario e o moito que nos amola ós habitantes do Oeste. Nesta ocasión non vai ser así. Acabo de ver a luz (e seguireina vendo unha hora máis tarde a partir de hoxe) (more…)
Acábase de recordar públicamente, porque hai moito desmemoriado, que xa en 1999 Paco Vázquez se adiantara ó recente descubrimento de que a Cidade da Cultura é un despropósito. Eu fixen algún comentario frívolo sobre o asunto o 27 de novembro de 2000, en canto apareceu Si home si (versión papel), e tamén o 10 de maio, o 4 de setembro e o 1 de novembro de 2001 (logo debínme cansar). Non vexan animus competendi ningún sobre quen ten máis intuición, nin tampouco animus fachendi pola coincidencia de opinión co alcalde. Sinceramente, ningún dos dous temos mérito ningún. Que as semicatacumbas de Peter Eisenman ían ser un burato negro de cartos e un monte de problemas xa o sabía ata ó que se lle meteu na cabeza facela. (more…)
O martes foi o Día de Internet, e a todos nos romperon a cabeza co pouco que se usa e o fundamental que é para coller ese tren da modernidade que se nos está escapando desde Fernando VII. No tocante ó que lle chaman novas tecnoloxías da información os que as predican pero non as practican, por unha vez estou de acordo co pensamento dominante. Non son moi devoto, pero si moi practicante, e desde hai oito ou nove anos son de cibermisa diaria. Sen embargo, con tanto tocar á arrebato, confundín as campás de internet coas da gripe aviar. (more…)
A modo de golpe na cabeza, un comentario de airadasenra sobre o pouco caso que lle fan á candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués fíxome recordar algo que me contaron este verán. Foron os promotores falar con alguén no Ministerio de Cultura para que propuxeran e apoiaran e tal. Contestáronlles que xa estaba proposta a Pasión de Olot ou algo así. Eles dixeron que cando as candidaturas eran transfronteirizas ou multiestado, podíanse presentar as que foran. No Ministerio puxeron moita atención. Cconcluíron que podían daquela presentar o flamenco, porque se practica en España e no Xapón (logo reconvertiuse na música andalusí- mediterránea, ou algo así) aínda que sexa o flamenco ou o outro, non parece que estea precisamente en perigo de extinción.
Non puiden ir a Láncara, á entrega do Premio Ramón Piñeiro-Facer País que argallan uns amigos da miña terra (con minúscula, da miña aldea, vamos) e que este ano lle deron a Xosé Manuel Beiras. Vino pola tele, nun bar, e cando lin en Vieiros o discurso do premiado, “A declaración de Láncara“, alucinei. Que o ex líder pero aínda símbolo do BNG se proclame independentista non mereceu nin unha liña nin un segundo nos medios de comunicación. Imaxino que os mal pensados coidarán que é un silencio imposto por razóns ideolóxicas. Desgraciadamente, nin eso.
![]()
Non me resisto a piratear a aportación de el niño de la guía sobre o pastafarismo
(Aínda que igual de delirante é a orixe dos mormóns, e aí e mesmo aquí están)
Esta fin de semana tiven o que Enrique Iglesias definiría como unha experiencia relixiosa, e eu un sobresalto. O máis ben dous. Un, a polémica pola negativa das autoridades do Canadá a pretensión de parte da comunidade musulmana de que lles recoñecera a legalidade da sharía, a lei islámica. Outro, o descubrimento de que unha relixión como a rastafariana, que eu tiña erradamente conceptuada como un facción renovada do hippismo, estea en contra da homosexualidade e da igualdade de dereitos das mulleres. Non sei de que me sorprendo, a estas alturas. (more…)
Hoxe fun a unha visita da directora xeral de Institucións Penitenciarias, Mercedes Gallizo, ó cárcere de Teixeiro. O motivo era a inauguración dunha sala de videoconferencias que evita ter que trasladar ós presos (“internos”, no argot administrativo, outra mostra do machismo lingüístico, porque “internas” son as criadas) ós xulgados para os trámites xudiciais, quitado o xuízo propiamente dito. Informativamente, a cousa non daba nada de si (e de feito, estabamos dous gráficos e dous plumillas). Sen embargo, na conversa que mantiña con outras visitantes (a directora xeral de Interior da Xunta, a subdelegada do Goberno na Coruña), víase que tomaba nota para aplicar noutros establecimentos penitenciarios as experiencias de Teixeiro. Unha, a da videoconferencia. Outra, que a sala a reformaran e decoraran os propios reclusos (demostrando de paso que o teórico labor educativo e rehabilitador da prisión non inclúe o sentido do gusto). A maiores houbo anécdotas como que a responsable estatal das trenas foi a única que se sentou nas cadeiras de deseño (inestable) destinadas ós videoconferenciantes internos para ver como se vía, que ó remate do acto dixo polo baixo “queda inaugurado este pantano”, e que ó saír enganchou un tacón nunha reixa do piso. Tamén o comentario dun funcionario ó ver o sexo (o xénero, aclaro con corrección máis política que lingüística) das autoridades: “mujeres al poder”.
Ata aquí, os feitos comprobados. Desde aquí, as dúbidas: ¿unha información que recollera todo eso sería máis interesante? ¿Sería correcta, ou unha frivolidade (fosen os protagonistas homes ou mulleres)? ¿Que opinarían editores, público, e de paso os protagonistas, igual de conscientes que os anteriores da pouca importancia real deses actos?
O outro día cometín o erro de coller innecesariamente por Lavedra a unha hora que non debería, e foi peor do que imaxinaba. Atrapado entre conductores que pugnaban por saír daquel atasco para poder chegar antes ó atasco do Portazgo, de Fonteculler ou do Temple, esbardallaba (son moito de esbardallar no coche, como case todos/os) sobre por que lle chaman xestión política ó que en realidade é xestión inmobiliaria, e cando haberá algún que, en vez de argallar pirulís de La Habana na súa propia memoria, afronte o intocable e insoluble problema de crear un transporte público eficaz nun área de dez kilómetros (mesmo lle estaría recoñecido aínda que fose de cinco).
(more…)
Morreu, xa saberán, Eduardo Haro Tecglen. Eu sentíame máis próximo ó fillo que se lle adiantou, Eduardo Haro Ibars, pero sempre me gustou o seu brío na defensa das súas ideas (que compartía ou non, e neste blog téñoo posto de mal exemplo nalgún caso). E aprecio sobre todo o espazo que abriu dentro do periodismo políticamente correcto cunha columna na que teoricamente tiña que analizar o visto e oído. Eu (e moitos dos que non tiñamos o privilexio de poder escribir para ladrar consignas editoriais e ideolóxicas) somos beneficiarios dese espazo que abriu. Todo o mundo morre (aínda que hai quen di que esa é unha verdade estatística, pero que non sempre se vai ter que cumprir), e este bloguiño non ten sección de necrolóxicas, pero Pawley mandoume un vencello a unha páxina certamente miserable (haberá mais, supoño) que eu non reproduzo porque son un clásico e considero que non todas as opinións son respectables, o respectable é o dereito a expoñelas, cousa que xa fan. E máis, o que merecerían, por ruís, son as hostias que os seus predecesores consideraban que eran unha forma de dialéctica. Como decían os outros, partíu, Eduardo.
Nun tempo morto dunha das batallas da guerra do transporte, estabamos varios colegas botando un pito, cando un colgou o móbil polo que debía estar falando co seu xefe. “Xa se cren as súas propias mentiras. Preguntoume que tal estaba eu de aprovisionado”, comentou. “Menos mal que Pedro Ruiz xa non traballa en televisión, senón seguro que facía unha gala solidaria para mandar alimentos ós galegos”, dixo outra. Desgraciadamente, xa non fan falta nin galas solidarias para converter un conflicto nun espectáculo. (more…)
“Estes son malos tempos. Os fillos deixaron de obedecer a seus pais e todo o mundo escribe libros”, queixábase Cicerón de como andaba o mundo hai máis de dous mil anos. Imaxinen agora. E se neses dous milenios o tan espiñento asunto da desobediencia filial chegou a onde chegou (por exemplo, xa non queda infante ningún que trate de vostede ó seu proxenitor), non lles digo a escritorrea que nos invade. (more…)
Moi ben, proba superada. Onte houbo enormes demostracións de amor á indisoluble unidade da nación española en Madrid e na Coruña. Alí, xente influída sen dúbida polo pensamento Losantos-Ibarra e enardecida pola presencia da cabra da Lexión, abrasaron a pitos e abucheos a Zapatero. Aquí produciuse un conflicto xeracional entre a terceira idade unionista e a mocidade segregacionista no que a policía tivo que terciar (a favor dos vellos, como era de prever). Parafraseando ó pensador orbital Aznar, onde non había un problema, demos creado un. Noraboa. (more…)
“O patriotismo é o último recurso dun pillabán”, consideraba no século XVIII Samuel Johnson no seu famoso diccionario. Cen anos despois, noutro diccionario non menos famoso, Ambrose Bierce correxía respectuosamente ó influinte pensador: non é o último recurso, é o primeiro. Acordeime deles cando souben da intención do alcalde coruñés de facer ondear eternamente desde hoxe no Orzán unha bandeira que ten máis ou menos o tamaño (25 m2) dos minipisos propostos pola ministra de Vivienda. (more…)

O outro día fun a un xuízo contra uns presuntos contrabandistas de tabaco. A causa levaba arrastrándose polos recantos xudiciais unha ducia de anos, tanto tempo que cando a abriron foi por un delito contra a Facenda Pública e cando os xulgaron por pouco non os acusan por atentar contra a saúde pública. Nese camiño, o primeiro paso, pero non o último, son as normas contra o vicio de fumar aprobadas no Congreso o mércores pasado, nada menos que por unanimidade. E aí está o malo (more…)
Os números son importantes, e non soamente polo que vostede está pensando (e eu, para que enganarnos). Os vellos métodos de entender o mundo (anteriores a Google), desde a Biblia á Cábala, atribuían ó número 1 a divinidade (simboloxía que pervive hoxe, tanto na mafia como no sistema electoral). O 2 representaba ó home e a súa dualidade. O 3, a totalidade ( o presente, o pasado e o futuro). O 7, a cifra simbólica por excelencia, era a perfección, igual que o 12, que representaba ó goberno divino (e por eso a bandeira europea quedou na ducia de estrelas, aínda que agora haxa máis estados membros). Pero o máis curioso é o caso do 4, un número en aparencia plano e obvio, que na Biblia simboliza a creación (os catro puntos cardinais). Hoxe, miles de anos despois de que os listos do lugar atribuíran propiedades máxicas a unhas abstraccións que hoxe nos parecen elementais, se hai un número de moda, é o 4. (more…)
“Quero ver o e-clip-se en el telediario”, díxome o luns a nena (sete anos recén cumpridos e perfectamente bilingüe, como poden comprobar). Nunca pedira ver na tele outra cousa que documentais de bichos, así que supuxen que no colexio, a falta de gafas específicas, debéronlles decir que podían contemplar na casa o espectáculo astronómico, o “eclicpse” ou “eclicse” (poñía moito énfase na pronuncia, ou sexa que lle deberon aclarar que non era o “eclise”). Eu tampouco o puiden mirar por falta das dichosas gafas, pero estaba na rúa cando pasou. Había unha luz como lunar, nunca mellor nin tan obviamente dito, e a xente, alomenos os conscientes do asunto, tiña unha actitude de sentirse observada, como se os estivesen filmando e quixesen adoptar unha pose natural. (more…)
Estivo de moda ha uns anos sentenciar que xa non había dereitas e esquerdas. Se consideramos a práctica política de Blair ou de Bono (o ministro), habería que estar de acordo, pero se nos atemos á teoría de Aznar-Rajoy-Acebes-Zaplana, pois non. Con todo, hai un sinal indeleble, unha proba do nove que caracteriza indiscutiblemente a dereitas e esquerdas: o tratamento da sintomatoloxía. (more…)
Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here