Eclipse
“Quero ver o e-clip-se en el telediario”, díxome o luns a nena (sete anos recén cumpridos e perfectamente bilingüe, como poden comprobar). Nunca pedira ver na tele outra cousa que documentais de bichos, así que supuxen que no colexio, a falta de gafas específicas, debéronlles decir que podían contemplar na casa o espectáculo astronómico, o “eclicpse” ou “eclicse” (poñía moito énfase na pronuncia, ou sexa que lle deberon aclarar que non era o “eclise”). Eu tampouco o puiden mirar por falta das dichosas gafas, pero estaba na rúa cando pasou. Había unha luz como lunar, nunca mellor nin tan obviamente dito, e a xente, alomenos os conscientes do asunto, tiña unha actitude de sentirse observada, como se os estivesen filmando e quixesen adoptar unha pose natural.
Eu teño recordos infantís de ter presenciado eclipses (e sen gafas ningunhas). Recordos tan firmes como probablemente falsos, porque apreciar estas cousas é unha oportunidades única en séculos, ou alomenos é o que din sempre desde hai uns anos. Quizais sexan recordos fabricados pola pegada de “Tintín y el templo del sol”, aquel no que o pequeno periodista que nunca pisou unha redacción e o capitán Haddock zafan de ser sacrificados polos incas adoradores do Sol, precisamente (e paradoxicamente) porque son eles e non os indios os que saben que se vai producir un eclipse. Unha visión descaradamente eurocéntrica do coñecemento científico que corrixiu Augusto Monterroso nun conto no que un misioneiro perdido na selva centroamericana e capturado polos indíxenas, pensa librar polo mesmo método. O relato remata co sacerdote pagán recitando, co corazón sanguento do seu colega cristián na man, as datas dos eclipses pasados e futuros que os seus astrónomos calcularan había séculos.
O certo é que, frecuentes ou escasos, eclipses como o do luns producen unha chea de expectación (un dos textos pioneiros do new journalism, mediados os 70, era unha reportaxe sobre unha tropa de fans –¿os eclipsies ?- que viaxaba polo mundo observando eses fenómenos). O estraño é que ese raro acontecemento de interpolación astral non se teña sinalado polos profetas da apocalipse como un símbolo máis de que o mundo se acaba e España rompe, ben por un golpe de estado conxunto Zapatero-Parlamento catalán, ben por causa de OPA eléctrica hostil. Para os que xa estarán pensando que a modo, que non será para tanto, unha mostra das columnas de opinión dun xornal dos chamados nacionais –e neste caso, nunca mellor dito- da edición do día do eclipse: “Dispuestos para el sacrificio”, “Tomarnos por tontos”, “ZP dinamita la solidaridad”, “A vueltas con España”, “Una crisis peor que la del 23-F” (para ser xustos, tamén hai unha titulada “Contra el catastrofismo”), todas asinadas por xente intelectualmente coñecida e en pleno uso xurídico das súas facultades mentais. As mesmas circunstancias que concurren en Scott Stevens, un meteorólogo da cadea norteamericana NBC, que asegura publicamente –e con bastantes seguidores- que o furacán Katrina foi provocado pola mafia xaponesa cunha máquina que inventaron hai anos os soviéticos. Xa se sabe que o presente nos USA é o futuro en Europa, ou sexa que ollo con Santiago Pemán.
(Para mércores, 5 de outubro de 05)


Eu tamén recordo ese vidro de botella afumado polo meu pai para que a rapariga contemplase tan estraño fenómeno. E mira, deixoume tan indiferente como o do outro día… Haiche moita espectación creada ó redor de cousas ben inútiles.
Comment by kate — 5 October, 2005 @ 7:19 am
Ai, como se che entere Pawley!
Comment by sihomesi — 5 October, 2005 @ 7:24 am
Tes razón. Pero Pawley: cando meu pai me fixo iso non había blogs, así que teño excusa. Esta vez utilicei gafas de soldador.
Comment by kate — 5 October, 2005 @ 9:09 am
Tal vez el sol no tenia gafas de soldador para mirarnos y por eso se puso la luna.
Achuchones
Comment by el_fervor — 5 October, 2005 @ 12:36 pm
“Tintín y el templo del sol”
Descaradamente eurocéntrica sería… pero vaia gozada de aventura!
Comment by mourullo — 5 October, 2005 @ 1:55 pm
O dos eclipses é como os “partidos do século”: um cada ano e meio.
Comment by Subcomediante H — 5 October, 2005 @ 2:08 pm
as vodas reais do século si que van escaseando despois da inflación de hai anos…
Comment by sihomesi — 5 October, 2005 @ 2:28 pm
Eu son máis das “eleccións disputadísimas” do século.
Comment by mourullo — 5 October, 2005 @ 3:20 pm
ehehehe… por certo, o autor e comentaristas deste blog estais convidados ao terceiro aniversário do século, que a VA-CA celebra o próximo dia 11 no CSC O Pichel (Santiago D.C.).
Comment by Subcomediante H — 5 October, 2005 @ 4:03 pm
eu confío en albertito de mónaco para a voda do século xxi. q case cun plebeio e q siga deixando fillos por aí de avión en avión.
Comment by ro — 5 October, 2005 @ 4:14 pm
Tres cousas:
1. Coido que onde se dixo “acontecemento de interpolación astral” (http://es.wikipedia.org/wiki/Interpolación) quíxose dicir “interposición astral”. (Perdón pola ousadía)
¿Pode algún xornalista explicarme por qué ese abuso dos superlativos? (¿chámanse así?) ¿Por qué todos os eventos son “do século” , todos os accidentes “traxedias”...? E xa postos, ¿Por qué e noticia que faga calor no verán e neve no inverno?... ¿Trátase de encher espacios en branco ou é unha campaña para conseguir que nada nos pareza importante no futuro?
Moi típico do home branco, creerse máis listo que os demáis, e despois quedar no ridículo. Peor aínda é cando propio home branco se cree máis listo que si mesmo e, científicamente, nega que sexa posible construir aparellos voadores ou cree que os CFC son compostos inocuos… (Onte oín que lle daban o Premio Nobel de medicina a uns investigadores que, cando dixeron que a úlcera era provocada por un parásito, foron rexitados pola comunidade científica).
Comment by F. Miguez — 5 October, 2005 @ 6:55 pm
http://www.urinal.net/eclipse/
Comment by lareta — 5 October, 2005 @ 7:02 pm
kate, pois dependendo como foran as gafas de soldador podía estar vostede arriscando os seus ollos igualmente. Agardo que foran do 14 para riba.
Comment by Martin Pawley — 6 October, 2005 @ 12:49 am
Pawley, agradézolle a preocupación pola miña vista, pero se eu estou mancada, o resto de traballadores da miña empresa tamén, e aínda non convalecimos ningún. Espero que fosen superiores ó 14, logo. Ver, víase coma pola tele, así que total,...
Comment by kate — 6 October, 2005 @ 10:44 am