Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

16 October, 2005

Escritores

Filed under: Si home si, Matrix Press

“Estes son malos tempos. Os fillos deixaron de obedecer a seus pais e todo o mundo escribe libros”, queixábase Cicerón de como andaba o mundo hai máis de dous mil anos. Imaxinen agora. E se neses dous milenios o tan espiñento asunto da desobediencia filial chegou a onde chegou (por exemplo, xa non queda infante ningún que trate de vostede ó seu proxenitor), non lles digo a escritorrea que nos invade.

E o malo non é que todo o mundo escriba (eu xúrolles que fago eso por cartos). O peor é que se publica. E como non hai esperanzas de que o sector se autorregule, teñen que xurdir cabaleiros andantes que loitan contra o xigantismo literario e os muiños impresores. Tomemos o exemplo da primeira obra de teatro de Manuel Rivas. Que o escritor de Galicia máis recoñecido e máis vendido se lance á práctica da dramaturxia despois de 25 anos da sota, cabalo e rei da narrativa, a poesía e o xornalismo, sería, noutro sistema literario, unha conmoción, pero os medios galegos déronlle máis ou menos a quinta parte de importancia (de espacio/tempo, como se pode comprobar procurando en Google) que á estrea dunha película de medio pelo e das salas onde se proxecta. Poderíase pensar que se debeu a que a información teatral en Galicia consiste maioritariamente en entrevistas ás celebridades que se deixan caer por aquí no que no argot do gremio se chaman “bolos por provincias”. Ou a que a presentación foi en Ourense (aínda que tamén alí presentou a candidatura Enrique López Veiga, e ben importancia/espacio/tempo que lle deron). O que pasou foi que os profesionais que saben valorar a importancia das noticias (ou que polo menos cobran por elo) reprimiron o seu entusiasmo, coa loable intención de evitar que Rivas se poña alegremente a parir dramas, comedias e autos sacramentais se lle aplauden a gracia.
E non é nada persoal con Manolo. Harold (Pinter) non é de por aquí, pero tamén hai que facer un esforzo de contención para que non se empecen a publicar as súas obras (que cos anos que ten, hai unha chea delas, sen contar guións cinematográficos como El sirviente ou La mujer del teniente francés, por non falar de que, para amolar máis, o tipo está traducido ó galego). Daquela, que menos que cuestionar os seus méritos e atribuír o premio ás súas ideas políticas, aproveitando que está de moda criticar as tendencias políticas dos artistas e atribuírllas a que están subvencionados (como si non estiveran subvencionados desde os empresarios ós periódicos, pasando polo Exército, que mantemos “por si ascaso”). Ós que están a favor da inercia da historia sempre lles molestou que a xente que vive da creatividades estea maioritariamente a favor do avance. Desgraciadamente, a Cela xa lle deron o Nobel, José María Pemán xa morreu e Juan Manuel de Prada aínda está facendo méritos, que se lle vai facer. (E está o caso de Jorge Amado, o eterno candidato que xa sabía de sobra que non levaría o Nobel desde que lle deran o Premio Stalin da Paz).
En realidade, non sei de que me queixo. Tampouco a folga de transportes que está a provocar un desabastecemento de todo tipo de productos en Galicia sae para nada nos medios de Madrid (tradicionalmente chamados nacionais e agora nunca mellor dito). E a maiores, os nenos obedecen menos que nunca.

(para luns, 17 de outubro de 05)

17 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2005/10/16/escritores/trackback/

  1. Con tanto “entusiasmo reprimido” dos profesionais valoradores e o coñecido apagón informativo do que aquí pasa nos medios “nacionais”, un bo feixe de propios e alleos parece que desexan que Galiza continúe de Noroeste meteorolóxico.

    Por certo e por contra, hoxe, 16 de outubro, primeira imitación de Touriño nun programa de TV estatal, “Mire usté” (Antena 3), feito polos cataláns de “Minoria Absoluta” (coñecidos por traballar en “Las cerezas” de Julia Otero). Nun ascensor quedaban pechados Maragall, Ibarretxe, Rodríguez Ibarra, Aguirre e Pérez Touriño. O presidente galego era quen de dar coa solución para saír: darlle ao botón.

    Comment by mourullo — 16 October, 2005 @ 10:02 pm

  2. Leo este finde que a cuarta concesión de televisión analóxica ten todas as papeletas para unha que se chamará “La Sexta”. Non é coña.
    periodistas21.blogspot.com/2005/10/conexin-tequila.html#comments
    E lembro o que aquí sihomesi falou no seu momento co tema de “La Cuatro”. Eu seguirei co meu: a galega no 3, Antena 3 no 4, Canal + (futuro Canal 4) no 6… e a nova “La Sexta”, pois pode que no sete, que é agora onde mal sintonizo esa xoia de Popular TV.

    Comment by mourullo — 16 October, 2005 @ 10:41 pm

  3. Xa dixen noutra ocasión que admiro este blog pola perspectiva que dende el podo tomar das cousas, equiparable ás Noticias del Guiñol ou En Portada.
    Hoxe plantexo unha suxerencia para darlle un paso adiante: Engádase en cada post (ou onde sexa procedente) un apartado tipo ¿Que podo facer eu respecto a iso?
    Por exemplo ¿que ideas me ofrece un profesional do xornalismo a min, un estudiante mediocre á sazon profesional da embalaxe, para evitar que o os medios de comunicación sigan a ser coma un filtro fotográfico: que produce unha imaxe adaptada ás necesidades do fotógrafo? ¿Debo bombardea-las redaccións con cartas ó director? ¿Pido que cambien no ensino o “comentario de texto” por “completado de texto”? ¿Debo de coller unha vía ascética e buscar, no retiro, a Verdade só dentro de min?
    ¿Cómo cre vostede que se arregla isto?
    Tranquilo, non pido que sexa un ideólogo, pero déanos algunha pista de por donde tirar.

    Comment by F. Miguez — 17 October, 2005 @ 6:03 am

  4. Efectivamente, para o concurso da cuarta privada hai unha opción chamada “La Sexta” que é unha alianza de Televisa con Globomedia e MediaPro, xunto con El Terrat e outros minoritarios. O de numerar as cadeas, ¿dá unha idea da madurez intelectual que se lle supón á audiencia?

    Comment by sihomesi — 17 October, 2005 @ 7:21 am

  5. Non só todo o mundo escribe libros, senón que todo o mundo escribe, grazas, ou por desgraza, ós blogs. Outros que somos máis tímidos coa prosa, preferimos os fotologs, que non hai que ter medo de meter a pata con algo tan respectable como é a escrita.

    Comment by kate — 17 October, 2005 @ 11:31 am

  6. No de escribir eu son estúpidamente optimista: paréceme que cantos máis, mellor. E, por suposto, encántame a idea de millóns de blogs nos que escribe xente que sen dúbida non escribiría nada senon fora porque existen estes.

    Outra cousa é o mercado editorial e as moreas de birrias que se publican. E aí son irremediablemente pesimista: o aumento do volume publicado multuplica o número de libros que non merecen tal calificativo.

    E nos fotologs a xente tamén escribe, eso quere decir que a necesidade de facelo é universal e pode incluso co respecto á cousa escrita ¿ou non?
    (e hai fotologs moi ben escritos, por certo)

    Comment by willy — 17 October, 2005 @ 5:22 pm

  7. Estou de acordo con Willy, e con todos. Canto máis, mellor. Quen está a meter a pata son eu: o fondo do conto non é o moito que se escribe, senón o tratamento que se lle dá nos medios ó que se escribe.

    Comment by sihomesi — 17 October, 2005 @ 5:40 pm

  8. por certo, ¿viu as imaxes da entrega do Planeta co cruce de comentarios entre Mari Pau de la Janer e Juan Marsé? Por un instante pensei que erá o plató-cámara-de-tortura de Salsa Rosa (ese programa supostamente do corazón, pero que en realidade vive de sacarlle as demáis vísceras aos seus ben pagados “invitados”), pero a presencia dunha infanta xunto a Lara Jr. fíxome caer do meu erro.

    Comment by willy — 17 October, 2005 @ 8:49 pm

  9. Non, desconectei do asunto en canto lle escoitei á periodista que facía o directo decir “el prestigioso premio” (non substancioso, nin sospeitoso). A impaciencia pérdeme.

    Comment by sihomesi — 17 October, 2005 @ 9:15 pm

  10. Para Míguez, que estaba preso nese limbo dos “moderates”. Pouco consello, e menos ó remate do día, pero si un pequeno: o de protestar mercando outro periódico, mudando de dial ou de canal está moi ben para as masas en xeral. Para os individuos concretos que teñen tempo e ánimo, non está de máis comunicarlle a cada medio ou xornalista concreto a opinión que lle merece o producto. E largar ademáis esa opinión por todos os medios. As barras dos bares non deixan de ser foros como outros calquera.

    Comment by sihomesi — 17 October, 2005 @ 9:44 pm

  11. Si, Willy, eu escoitei o cruce de palabras no Premio Planeta. E digo eu, se todo era bazofia, en lugar de premiar ó menos malo, non podería deixar o premio deserto? e darlle os cartos, que non son poucos, a algunha boa causa como por exemplo mercar libros para as escolas dos nenos que nunca na vida viron un libro? E si, tes razón no dos blogs, canto máis se escriba mellor.

    Comment by kate — 18 October, 2005 @ 6:50 am

  12. http://www.lavozdegalicia.es/se_cultura/noticia.jsp?CAT=106&TEXTO=4168809
    Para quen non vise o debate ou o oíse, aí tedes a ligazón da Voz de Galicia, onde se transcribe a discusión.

    Comment by kate — 18 October, 2005 @ 7:07 am

  13. Maravilloso artigo.Os contos de Rivas e o blog de Pereiro danlle a un un pouco de fe neste país.(É Galicia un país,señor Rajoy? )
    Por certo,sacando a De Prada no artigo, e non a Umbral, está vostede xogándose a vida.Lembre o que lle aconteceu á Milá.

    Comment by Alfonso Pardo — 18 October, 2005 @ 8:46 am

  14. Xa que te arriscas a que os indivíduos larguen a súa opinión:
    Desde hai anos, cando vexo ou leo as informacións que dá Pereiro en medios espanhois (ou estatais, tanto fai) adoito pensar que, por uma vez, “pareceume que falaron de nós”, como dicia a minha avoa. E refírome, precisamente, ao tratamento da notícia, aparte do contido.
    Coas opinións de calquera persoa non creo que sexa necesário concordar con elas para telas en conta.
    (Vou ter que deixar de ir á catequese).
    Saúde.

    Comment by galeidoscopio — 18 October, 2005 @ 2:08 pm

  15. Comment de falsa modestia:
    Home, Pardo, moitas gracias, pero espero que haxa máis motivos para ter fé (daría uns cantos, pero agora teño algo no lume)
    Galeidoscopio: Ídem, pero supónse que para eso me pagan e me encargan cousas.

    Comment by sihomesi — 18 October, 2005 @ 2:35 pm

  16. kate, as bases do planeta impiden deixar deserto o premio: ten que haber un gañador sempre. A conversa completa non escoitara a parte de Baily chámame a atención: a gañadora compórtase como se a estiveran a ofender persoalmente e resposta ás críticas atacando á figura de Juan Marsé; o finalista, pola contra, trata de defender a súa obra, entrando no debate literario. É algo habitual nos medios: unha crítica a unha obra case sempre confúndese cun ataque persoal, e o criticado deféndese atacando ao crítico en vez de rebatir os seus argumentos.

    Comment by willy — 18 October, 2005 @ 8:01 pm

  17. Non sei pero pode que esteamos diante dun Planeta no que venda máis o finalista que o gañador. Pola fina ironía de Bayly, moito mellor que a torpeza de Janer.

    Comment by mourullo — 18 October, 2005 @ 8:19 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here