Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

19 October, 2005

Transporting

Filed under: Si home si, Matrix Press

Nun tempo morto dunha das batallas da guerra do transporte, estabamos varios colegas botando un pito, cando un colgou o móbil polo que debía estar falando co seu xefe. “Xa se cren as súas propias mentiras. Preguntoume que tal estaba eu de aprovisionado”, comentou. “Menos mal que Pedro Ruiz xa non traballa en televisión, senón seguro que facía unha gala solidaria para mandar alimentos ós galegos”, dixo outra. Desgraciadamente, xa non fan falta nin galas solidarias para converter un conflicto nun espectáculo.

Posiblemente me estea poñendo apocalíptico de máis, pero é que teño espetado un antigo trauma. Foi cando o derrubo do vertedoiro de Bens. Estabamos na fase 2, hay-que-seguir-el-tema, e ó xefe máximo que tiña daquela chamáralle a atención unha nota de axencia de que aquí se esgotaran as mascarillas de tanto cheiro que había. Un tanto amolado porque non me decatara eu do asunto, peregrinei polas farmacias, e en todas –alomenos en todas nas que preguntei- había. Conteillo ó intermediario do xefe máximo, pero ningún dos dous atendeu a razóns (non ás miñas, que podían ser a dun localista sectario capaz de ocultar a verdade para non desprestixiar á cidade, senón ás da realidade dos stocks farmacéuticos). Así que fun á unha farmacia onde me recoñeceron que si, que algo máis de demanda había, dei localizado a un par de tipos que levaban posta a mascarilla de marras, e amañei como puiden, botándolle ironía. Aquela noite, o xefe máximo deulle paso á noticia deste xeito: “En La Coruña, la situación se ha vuelto irrespirable”. Nese momento, para min enrareceuse algo o ambiente, desde logo.

Daquela comprendín que os tempos estaban cambiando. Aqueles nos que un xornalista tiña que tentar ver o que realmente pasaba e despois contalo máis ou menos,. As informacións fanse, ante todo, para darlle a razón á idea previa do xefe ou á liña editorial. A vella e cínica máxima periodística de “nunca deixes que a realidade che estrague unha reportaxe” converteuse en “evita que a realidade lle quite a razón ó xefe ou defraude as expectativas do público”. No caso que nos ocupa, a diferencia entre o periodista con ética e sen ela é que o primeiro escolle para un directo as estanterías baleiras e o segundo pide que llelas baleiren por imperativos do directo. Non nego que haxa un desabastecemento crecente, pero boto de menos algunha análise, ou mención siquera [aquí unha excepción, aínda que agachada], ó fenómeno de que o espectáculo mediático reflicte unha visión parcial da realidade que o público asume e fai real. É decir: din que escasea a comida-voume pertrechar-escasea efectivamente a comida (vin a un apañando unha chea de kilos de fariña: ¿para facer pan na casa ou por se a folga dura anos?). Ou a reflexión de por que nas folgas patronais (coma esta) non hai servicios mínimos.
desabastecemento
Antonte cruceime na porta dun macromercado coa subdelegada do Goberno, que viña de mercar pan. “Non se che ocurra encher ese carrito”, ironizou mirando para o meu. “Veño por unha estantería”, confeseille. A verdade é que aproveitei para coller un pack de leite, media ducia de iogures (eso si, soamente había de plátano con trozos) e unha chea de ofertas de bricolaxe. Cada un prepárase para a apocalipse como quere.

(para mércores, 19 de outubro de 05)

8 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2005/10/19/transporting/trackback/

  1. Non sei cando veña unha guerra que faremos! Por is tampouco me poño nerviosa co tema da gripe aviar, porque segurísimo que é moito menos do que contan os medios. O caso é que a noticia venda, alarme, inquiete. O que me jode é que, por culpa dese alarmismo que se creou, a xente acabou coas existencias. Ogallá lle podreza todo na despensa! Iso si, no Hipercor debía de haber unha chea de transportistas esquiroles, porque pouca cousa faltaba.

    Comment by kate — 19 October, 2005 @ 10:03 am

  2. O da gripo aviar, o mesmo. Ou aquelo que facía levar mascarilla ós asiáticos, e que matou 20 persoas nun continente, as mesmas que morren nun mes de verán en Galicia en accidente de coche. Non toda a culpa a teñen os medios: os expertos dan a alarma, entre outras cousas para que ninguén os acuse despois de non estar espertos. As alertas climatolóxicas, igual, para que a culpa sexa do que non se deu por avisado, non da Administración.
    (Por certo, Kate, a modo coa bicicleta)

    Comment by sihomesi — 19 October, 2005 @ 10:34 am

  3. ;) Perda coidado

    Comment by kate — 19 October, 2005 @ 11:04 am

  4. Os seus encontros coa subdelegada comenzan a ser apoteósicos…

    Comment by mourullo — 19 October, 2005 @ 1:28 pm

  5. Os seus encontros coa subdelegada comezan a ser apoteósicos…

    Comment by mourullo — 19 October, 2005 @ 1:29 pm

  6. Tanto como apoteósicos… e que eu aproveito moito todo.

    Comment by sihomesi — 19 October, 2005 @ 3:55 pm

  7. O de apoteósico vén un pouco polos escenarios onde teñen lugar eses encontros: que se Paletox, que se un macromercado… ;-P

    Comment by mourullo — 19 October, 2005 @ 4:15 pm

  8. Menos mal que rematou a folga, porque eu xa contaba con oi-la noticia dos primeiros casos de canibalismo en Galicia, eu; persoalmente, eu tiven que poñer trampas no monte para cazar a cea, e tamén comín froitos silvestres e landras… ¿ninguén me vai paga-la exclusiva?
    A verdade e que a veces estou tentado a dicir “oxalá houbese unha censura”, pero de momento contéñome, e limítome a dicir, “oxalá tardasen tan pouco en inventa-lo caos cando foi do Prestige”.

    Comment by F. Miguez — 19 October, 2005 @ 7:30 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here