Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

20 October, 2005

Dúbidas profesionais

Filed under: Matrix Press

Hoxe fun a unha visita da directora xeral de Institucións Penitenciarias, Mercedes Gallizo, ó cárcere de Teixeiro. O motivo era a inauguración dunha sala de videoconferencias que evita ter que trasladar ós presos (“internos”, no argot administrativo, outra mostra do machismo lingüístico, porque “internas” son as criadas) ós xulgados para os trámites xudiciais, quitado o xuízo propiamente dito. Informativamente, a cousa non daba nada de si (e de feito, estabamos dous gráficos e dous plumillas). Sen embargo, na conversa que mantiña con outras visitantes (a directora xeral de Interior da Xunta, a subdelegada do Goberno na Coruña), víase que tomaba nota para aplicar noutros establecimentos penitenciarios as experiencias de Teixeiro. Unha, a da videoconferencia. Outra, que a sala a reformaran e decoraran os propios reclusos (demostrando de paso que o teórico labor educativo e rehabilitador da prisión non inclúe o sentido do gusto). A maiores houbo anécdotas como que a responsable estatal das trenas foi a única que se sentou nas cadeiras de deseño (inestable) destinadas ós videoconferenciantes internos para ver como se vía, que ó remate do acto dixo polo baixo “queda inaugurado este pantano”, e que ó saír enganchou un tacón nunha reixa do piso. Tamén o comentario dun funcionario ó ver o sexo (o xénero, aclaro con corrección máis política que lingüística) das autoridades: “mujeres al poder”.
Ata aquí, os feitos comprobados. Desde aquí, as dúbidas: ¿unha información que recollera todo eso sería máis interesante? ¿Sería correcta, ou unha frivolidade (fosen os protagonistas homes ou mulleres)? ¿Que opinarían editores, público, e de paso os protagonistas, igual de conscientes que os anteriores da pouca importancia real deses actos?

12 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2005/10/20/123/trackback/

  1. O tema sería recoller todo de todos. Agora lémbrome do “Plan Galicia de mierda” que dixera a ministra de Fomento a micrófono pechado en Onda Cero, e a publicidade que tivo logo. Sería posible idéntica repercusión en medios máis próximos ao Goberno?

    Comment by mourullo — 20 October, 2005 @ 1:58 pm

  2. O da ministra foi para algúns un exabrupto sen máis e para outros un insulto a todos os galegos. Tontada ou afrenta?

    Comment by mourullo — 20 October, 2005 @ 2:00 pm

  3. frivolidade, cara a galería que ten mais merito.

    Comment by Pedro A. Ramos — 20 October, 2005 @ 3:17 pm

  4. Non falo do debate de difundir as caras ocultas dos personaxes públicos (as varias de Magdalena, o de Fraga con Cabaleiro…) que xa non existe, porque se difunden. Dubido, ou máis ben quéixome, de como todos editores, xornalistas, público, incluso personaxes aceptamos como informació o que é protocolo.
    Por certo, Mourullo, expliqueme a súa celeridade en comentar practicamente antes de que eu postee.

    Comment by sihomesi — 20 October, 2005 @ 7:11 pm

  5. E digo eu… ¿non será que os xornais teñen que ter 50 (ou as que sexan) páxinas, e un Telexornal ten que durar 40min. haxa información ou non? Será a doctrina comercial de crear unha necesidade se non existe.
    Por iso me gustan tanto estes blogs, os que os facedes, normalmente, só contades o que vos parece interesante.

    Comment by F. Miguez — 20 October, 2005 @ 8:04 pm

  6. Eu co que me troncho (entre outras moitas cousas que non veñen ó caso) é cando poñen nas noticias (neste caso deportivas) ós xogadores de tal ou cual equipo baixando do autobús. A miña pregunta é: as televisións poden botar man dos arquivos para “ilustrar” estas “informacións”? Se temos en conta que a indumentaria dos fenómenos é sempre a mesma e o autobús tamén. (Ás veces vendo a tv pénsase cada cousa… ;)

    Comment by lareta — 20 October, 2005 @ 9:11 pm

  7. sihomesi, vaia, entendera eu por outro lado o seu post. Estou dacordo na súa queixa en que o protocolo ou o paripé que no fondo son moitos actos os aceptemos como información. Como paripé son esas comparecencias ante os medios dos nosos queridos políticos onde non se permiten preguntas e botan eles toda a parrafada sabida e consabida.

    E non lle podo explicar a miña celeridade en comentar porque a descoñecía. O de “expliqueme” quedoulle ben imperativo, jeje ;-)

    Comment by mourullo — 20 October, 2005 @ 9:15 pm

  8. Debe ser dos encontros coa subdelegada

    Comment by sihomesi — 20 October, 2005 @ 9:25 pm

  9. E mira que desta vez non dixen nada, non ía decir nada, pero é que vostede fai que lle dea á tecla con devoción. É que xa o da subdelegada en Teixeiro é moito! Toda unha lección de filosofía práctica que os encontros relatados teñan lugar nas institucións totais máis representativas do mundo actual: o centro de ocio, o macromercado ou, por riba de todos, o cárcere. E entón lémbrome do ‘Panóptico’ de Jeremy Bentham, e por suposto do ‘Vixiar e castigar’ de Michel Foucault. Quen dixo París do 68? Coruña de 2005! :-) :-):-) Escola de Filosofía, e pordios aínda non chegou o Ágora do Concello en San Pedro de Visma!

    Comment by mourullo — 20 October, 2005 @ 10:44 pm

  10. En Teixeiro xa é a segunda vez que coincido.

    Comment by SHS — 21 October, 2005 @ 7:31 am

  11. O pasado venres vin só un rato na 2 de tve unha retransmisión da conmemoración do 200 aniversario da batalla de Trafalgar. Acorazados, portaaeronaves, fragatas, xente con uniforme, xente con traxe chaqueta azul con dous botóns dourados, himnos, bandeiras, todo un delirio de oficialidade sobre o pobre Océano Atlántico. Non puiden evitar pensar neste post mentras a alcaldesa de Cádiz (un curioso exemplar de Corina Porro andaluza) dicía banalidades sobre a historia, as guerras, os pececiños de cores e o sexo dos ánxeles.

    Comment by willy — 23 October, 2005 @ 12:37 pm

  12. A culpa, desta vez, é dos medios de comunicación e/ou dos xornalistas. Sempre apuntamos coa alcachofa ó político, en lugar de facelo, por exemplo, ós colgados que van por aí de batalla de época e batalla de época, e logo eles (os políticos, non os colgados) collen vicio.

    Comment by sihomesi — 23 October, 2005 @ 6:37 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here