Internet aviar
O martes foi o Día de Internet, e a todos nos romperon a cabeza co pouco que se usa e o fundamental que é para coller ese tren da modernidade que se nos está escapando desde Fernando VII. No tocante ó que lle chaman novas tecnoloxías da información os que as predican pero non as practican, por unha vez estou de acordo co pensamento dominante. Non son moi devoto, pero si moi practicante, e desde hai oito ou nove anos son de cibermisa diaria. Sen embargo, con tanto tocar á arrebato, confundín as campás de internet coas da gripe aviar.
As cifras e porcentaxes que proclamou onte todo pichichi non son como para aplaudir. En 2004, de cada dez casas en España non había conexión en sete, e en Galicia en oito. O malo é que esa diferencia de dez puntos era soamente a metade en 2002 (outra mostra do moito que converxemos nos últimos anos). Hai quen lle bota a culpa ó caro que é en comparación cos países do noso nivel. É, pero tamén é moito máis caro usar o móbil, e España é o terceiro país de Europa nesa penetración concreta. Outros pensan, aínda que non o din, que aquí (en Galicia) é que somos atrasados en xeral e ciberparvos en concreto. Sen embargo, hai unha porcentaxe maior que en España de usuarios de banda ancha, esa que anuncian para que rapaces de pantalóns caídos baixen música e películas a todo meter. Logo están os matices estatísticos que sempre teñen razón: unha poboación avellentada baixa a porcentaxe de uso, e preto de 4.000 casas no rural aínda teñen esa tecnoloxía TRACK (os chamados “teléfonos da Xunta”) que imposibilita calquera comunicación máis complexa que dar recados.
Pero hai dous posibles motivos anti internet que non escoitei. Un, que hai xente que realmente non o necesita. Nunha sociedade en que aínda hai con quen falar de sobra, as necesidades de comunicación interpersoal da maioría están perfectamente cubertas, e as de información o mesmo desde que se sintonizan as teles sen problemas. O coche é útil, pero se vives en Londres ou New York é un gasto e un incordio. Á miña nai déronlle a escoller os do concello entre un curso de internet e outro de decoración de frascos, e escolleu o dos frascos (co meu aplauso: prefiro rexeitar amablemente os frascos que pasar o día mandándolle por correo electrónico fotos dos netos). O outro motivo é que tanto rebumbio montaron e montan co importante que é internet que moitos lle colleron medo. E contra o medo non caben raciocinios. Xa se pode predicar que en Vietnam, un país onde a xente anda revolta coas galiñas e hai unha sanidade deficiente, de medio millón de persoas que colleron a gripe aviar morreron uns 40. Nesta sociedade, onde hai nenos que nunca viron un polo con plumas, a xente apaña un pánico medieval cando escoita que todo está controlado. Que a morte dun loro inmigrante teña máis relevancia que a de seis homes que pretendían inmigrar axuda tanto a tranquilizar como que a maioría das noticias relacionadas con internet teñan que ver coa pederastia.
(para mércores, 26 de outubro de 05)


Eu non son de cibermisa diaria, pero casi. Non obstante, sempre fun un pouco receloso das “novas tecnoloxías” (que eran novas durante a guerra fría), na medida en que me disgusta que unha ferramenta tecnolóxica, por excelente que sea, chegue a facerse imprescindible por catro razóns:
1 Porque non deixa de ser un negocio, e ás condicions deste está suxeita.
2 Porque facilita a expansión do pensamento e da información, pero tamén o seu control.
http://es.wikipedia.org/wiki/ECHELON
3 Porque en caso de cataclismo non podemos contar con ela (non me refiro a que veña unha jerra, como dicen as avoas, pero sí un apagón á americana, p.ex.).
4 Porque o que non se exercita, atrófiase; e nesa medida vanse perdendo costumes a habilidades nas relacións humanas. E mire cada un para os demáis, pero sobre todo para sí mesmo.
Comment by F. Miguez — 27 October, 2005 @ 6:25 am
Vaia. Aplastante.
Comment by kate — 27 October, 2005 @ 6:56 am
Caro Miguez,
O control da rede e evitável, projectos como Freenet convirtem o control da rede uma utopía doutro tempo. O cataclismo do que fala nom existe, de haver suposto apagón “replícase” internet em poucas horas (para isto servem os DNS). O que hai que evitar, nisso trabalha a UE é no control dos nomes de dominio pelo departamento de comércio dos USA.
A rede e um meio para a socializaçom, nom uma ferramenta para isolar ao internauta, e socializar é o que fazemos neste intre.
Comment by el niño de la guía — 27 October, 2005 @ 9:11 am
uff… a cuarta abofé que o é
Comment by paseante — 27 October, 2005 @ 4:09 pm
Pasados cinco días dende o comentario de “el niño de la guía”, e moi probable que a miña réplica caia no vacío, pero ahí vai:
Punto por punto, volvería a levantar as miñas afirmacións, sin negar os seus argumentos, senon ampliando os meus. Pero limitareime a facer dúas observacións: A primeira, é que estou a ser demostración das miñas propias palabras ó levar a liña telefónica dous días baixo mínimos (10 Kbps e desconexións de seguido) por mor da meteoroloxía, nun lugar todo o remoto que pode ser o concello de Redondela.
Segunda, que resume todo o dito no anterior comentario, e que eu non penso que o desenrolo tecnolóxico que están a vivir as telecomunicacións sexan a panacea; e engado, nin falta que fai, porque aínda queda vida máis alá da Internet.
Comment by F. Miguez — 2 November, 2005 @ 6:10 pm