Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

30 November, 2005

Ser e comer

Filed under: Si home si

A teoría lingüística clásica é que o entorno e o carácter determina a linguaxe. A nova –polo menos para min, aínda que parece que data dos anos 40 do século pasado-, a chamada hipótese de Whorf, establece que é o idioma o que conforma o pensamento. É decir, colectivamente somos como falamos, non falamos como somos. Aquí somos daquela maneira porque o galego nos fixo así (polo menos antes, posiblemente esteamos en proceso de castrapación). A teoría lingüística de Whorf ten outras consecuencias e xa se aplicaba de vello á relación sustento-sentimento: somos o que comemos, ou somos como comemos, idea que sustentaban tanto os que practicaban o canibalismo ritual como a miña avoa que sostiña que o caldo é a raíz do home.

(more…)

29 November, 2005

Máis problemas cos millóns

Parecía unha parvada, pero leva camiño de se converter en:
A.- Un xénero periodístico
B.- Un uso social
O de agachar como sexa a identidade cando che tocan unha chea de pasta. Ó agachad@ de Zas únese agora o escondid@ de Noia, con grande alborozo dos encargados nos medios de procurar “noticias de interese humano” (que non parecen así asumir a secuela: que as demais que poñen son de interese animal ou de interese inexistente) e con grande mosqueo de:
A.- os presuntos veciños do premiado
B.- Os da Lotería, que ven como se lles escapa a grande promoción para os seus productos que sería ver a un tipo todo nervioso cargando un feixe imaxinario de pasta.
O mosqueo da cúpula loteira é tal que:
A.-En privado recordan que hai xogos de azar nalgúns sitios do mundo (EEUU) que inclúen nas normas a obriga de saír nun show televisivo en directo para poder cobrar o premio.
B.-Interiormente, debaterán a obriga de que se presente alguén non necesariamente o agraciado, valería un cuñado ou un notario, que tamén aseguraría o anonimato para cobrar o premio.

28 November, 2005

Perdemos outra vez

Filed under: Si home si

Se algún día xurde a iniciativa de cambiar o noso vello, entrañable e interminable himno que reproduce as conversas que mantén a foresta do monte sobre aspectos patrióticos, eu propoño desde xa e desde aquí aquel dos Luthiers que comeza:
Ya el sol asomaba en el poniente
ya el cóndor surcaba el firmamento
y la patria gloriosa, heroica y valiente
de victoria profiere el juramento…

e remata:
Ya los fieros enemigos se alejaron
no resuena el ruido de sus botas
nos pasaron por encima y nos ganaron,
nos dejaron, en derrota.
Perdimos, perdimos,
perdimos otra vez.

(more…)

24 November, 2005

Millóns de problemas

Filed under: Si home si

O de que o home (e a muller) son seres racionais non deixa de ser unha convención. Se nos dixeran que deramos uns euros cada semana para xuntalos todos e darllos a un ou repartilo entre varios, uns dirían que non e outros que si, pero ninguén os daría sen coñecer os suxeitos ou os obxectos beneficiarios. Sen embargo, xogamos ás loterías. (more…)

23 November, 2005

Aniversarios

Filed under: Si home si

Tiña máis ou menos firmemente decidido escapulirme de comentar os aniversarios, o cabodano de Franco e o cumpreanos da monarquía. O home propuxo, pero e o columnista dispuxo en canto resultou alcanzado de cheo polos fastos mediáticos sobre a morosa agonía do dictador e a celeridade na proclamación do sucesor. (more…)

21 November, 2005

Discreción

Filed under: Xeral, Matrix Press

Eu coincidin con Manuel Olveira hai unha chea de tempo nun debate televisivo sobre culturas alternativas e tal, eu de representante do bravú e Toñito de Poi do antibravú, eu esbardallando contra Toñito que el era máis bravú que ninguén, e el desmentíndoo. Olveira tentaba poñer racionalidade e alta cultura no asunto, e por eso me quedei co seu nome. Agora nomeárono director do CGAC, e como se nada. Xa sei que saiu nos medios dígoo para que Mourullo non me pase polos fuciños unha chea de links pero non deberon darlle moito bombo (eu soubeno por Vieiros). Todos os que enchen páxinas e tempo con disquisicións sobre movementos subterráneos, acordos e trasacordos no goberno galego déronlle a mesma importancia á designación do rapaz discreto que levou Hangar ós mentideiros da arte europea que se puxeran ó cuñado de alguén. Os mesmos que recollerán logo opinións de intelectuais que len a Dan Brown (ou é Don Braun?) e se queixarán do elitismo da política cultural en vista de que non se poden queixar do enxebrismo.

Moquetas

Filed under: Si home si

O outro día, nun debate parlamentario que me tocou presenciar, o deputado Balseiro Prol do PP recomendoulle ó do PSdeG Lage Tuñas que pisara máis os portos e menos a moqueta. Ignoro os costumes pisatorios de Lage Tuñas, pese a que é dos meus deputados favoritos, pero chamoume a atención tanto o uso da expresión (que data obviamente de cando a moqueta só existía nos despachos e nos decorados das películas do desarrollismo) como que a empregara o representante dun partido que levaba no poder desde antes de que o advertido tivese idade de votar. Agora a moqueta está en franco desuso, e debe ser polos estraños efectos que provocaba nos que pisaban nela. (more…)

17 November, 2005

Vanse enterar

Filed under: Si home si

Eu tamén son pai e entendo a uns, e son –e sobre todo fun- fillo, e comprendo ós outros, e a maiores son xornalista, co que sei do noso, pero todos deberiamos conducirnos algo máis a modo. No asunto este das detencións de independentistas aquí e noutros similares que se aveciñan por aí. (more…)

15 November, 2005

Boicot

Filed under: Si home si

Posiblemente terán escoitado falar dunha campaña contra os productos cataláns e de paso vascos (CV), ou mesmo recibirían algunha mensaxe dese tipo por algún medio (neste segundo caso, aconsellaríalles humildemente que fosen algo máis coidadosos nas súas relacións sociais). Para que non caian vostedes na tentación e para evitar que cultiven as malas compañías, eu asumín o risco de bucear nunha desas páxinas de internet [que non penso linkar] e contarlles como é a cousa. (more…)

14 November, 2005

Paradoxas

Filed under: Si home si

Aquí vivimos nun mundo católico, estructural, superestructural, cultural e socialmente católico. En canto nacemos, entramos de cabeza no seo da Igrexa Católica (IC), e boa parte dos pasos da especie humana (a iniciación á pubertade, o apareamento, as festas colectivas, o pasamento) dámolos seguindo as súas tradicións (ben é certo que a IC tivo o tino de apropiarse das tradicións anteriores). Sen embargo, esta é quizais das sociedades que menos practican as teorías coas que comulgan. Consecuentemente, a IC está traballando no asunto, e probablemente nuns anos esta sexa unha sociedade completamente laica.
bispos

(more…)

9 November, 2005

Arde París

Filed under: Si home si

paredón
Vai para quince días que en Francia andan os barrios revoltos, e aquí os líderes de opinión siguen a preguntar retoricamente por que. Chamoume un colega que traballa en Madrid, a ver se lle conseguía o contacto con Manu Chao para que opinara, en lugar “deses burros que falan porque lles preguntan, non porque saiban”. Non me gustaría entrar nesa categoría de borricos que falan do que non saben, pero quedaríame mal corpo se non apuntara algo que me parece evidente: non se debe tratar tanto dun problema da inmigración/integración como dun problema de marxinación. (more…)

Cuatro

Filed under: Si home si, Matrix Press

4
Momentos históricos nos medios de comunicación cada vez hai menos. E o que é peor, os que pensabamos que o eran desvanecéronse no tempo como gotas de chuvia, igual que os recordos do replicante de Blade Runner. Teño presente a aparición de El País (aínda que soamente fose porque o mundo da prensa daquela era aterrador) e a deste xornal (aínda que fose polo medo de ter que facer columnas cada dous días). Non lembro demasiado a irrupción das televisións privadas, e eso que supuñan un auténtico terremoto no panorama catódico (aínda que non imaxinaba o cataclismo que chegarían a ser). Moito me temo que a estrea de Cuatro non vai mudar demasiado o meu esquema de recordos. (more…)

6 November, 2005

Local power

Filed under: Si home si

Estou con Jiménez Losantos e o resto da banda en que o Estatut traerá graves consecuencias. Claro que difiro completamente en que tipo de consecuencias. Non caerá unha praga de langostas (ou si, pero pola desertización do territorio) nin choverá sangue, nin os primoxénitos sufrirán máis mal que o ter que vivir na casa paterna ata os 35. Pero os municipios esixirán máis competencias, sobre todo en urbanismo, e eso si que será a xeneralización da marca da besta. (more…)

4 November, 2005

R.O.

Filed under: Non sei eu...

r.o.
Hai xente pa tó. Como uns que ten unha web sobre os 80 (musicais), entre eles un rapaz de Oleiros ó que se lle meteu na cabeza que podían ter interese certas batallas antigas. Aproveito o momento nostalxia para preguntar se alguén ten gravacións, que hai outros chalados interesados en recopilalas e editalas. Dior mío, que tempos (e que resacas, mimadre)

3 November, 2005

Nominalismos

Filed under: Si home si

Moitos debates despáchanse argumentando que a cuestión debatida ou as diferencias son “nominalistas”, ou sexa correspondentes ás formas volubles e prescindibles, e non ó fondo constante e importante das cousas. Curiosamente, os debates, grandes e pequenos, que saturan estes días o aire como as microondas dos móbiles, son por cuestións nominais. (more…)

2 November, 2005

Se rompe España

Filed under: Destafoi

mapa
(e aquí o revelador documento gráfico collido co móbil que o proba )

1 November, 2005

Leonor, naturalmente

Filed under: Si home si

Entre os máis entusiastas polo nacemento do novo vástago real están a inmensa maioría dos correspondentes de medios nacionais. Saben que entre o natalicio e o debate do Estatut, non a van rascar nun par de semanas. Entre os verdadeiramente amolados, ademais dos republicanos profesionais, están o resto dos periodistas, sobre todo ós que pillou de garda a real rotura de augas. Porque hai que recoñecer que, aínda cando todos os xornalistas teñamos unha vocación innata ou adquirida de darlle ó público o que se merece ou pide, no fondo temos un remoto atavismo de profesionalidade. E se hai un campo ermo onde non hai nada que sachar, despois das entrevistas a sindicalistas, futbolistas ou misses, é un natalicio. Nunha necrolóxica sempre podes resumir unha vida, reproducir recordos de amigos e inimigos, pero dun recén nacido, ¿que hai que contar? Ata a Juan Carlos Valerón ou a Penélope Cruz lle das sacado algunha frase, pero un bebé non fai declaracións.
regalos (more…)






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here