Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

3 November, 2005

Nominalismos

Filed under: Si home si

Moitos debates despáchanse argumentando que a cuestión debatida ou as diferencias son “nominalistas”, ou sexa correspondentes ás formas volubles e prescindibles, e non ó fondo constante e importante das cousas. Curiosamente, os debates, grandes e pequenos, que saturan estes días o aire como as microondas dos móbiles, son por cuestións nominais.

Por exemplo, ese do proxecto de novo Estatuto catalán do que polo menos os máis enterados de vostedes quizais teñan escoitado falar. Sería de supoñer que un estatuto, algo tan complexo que ata hai que estudialo para sacar unhas oposicións, teña una chea de intríngulis. Eu particularmente son algo aprensivo no que respecta ó capítulo económico, dada a demostrada habilidade fenicia dos propoñentes, pero se hai un caso claro de aproveitamento económico dunha situación política é o de Madrid, que de vila creada no medio dun páramo afastado chegou a potencia económica, e ninguén di nada. A maiores, a cláusula do proxecto de Estatuto valenciano consensuado por PP e PSOE que di que eles terán o que lles dean ós demais xuridicamente paréceme unha chafallada, pero tampouco creou polémica. Sen embargo, como sintetizou brillantemente no seu día o noso alcalde e confirmou onte igual de brillante pero con menos acento o noso paisano Mariano Rajoy, o inadmisible do Estatut vén –afortunadamente- ó principio: Cataluña é unha nación. E como nación é España, segundo a Constitución, acabouse o conto. (Para os lectores menos enterados ou que non prepararon oposicións, a Constitución é un conxunto de leis que en 1978, cando aínda estaba quente o cadáver político do franquismo, acordaron unha serie de representantes políticos e que a cidadanía, non convencida de todo de que o cadáver era cadáver, votou que si, que o que fose. Ignoro as razóns polo que aquel conxunto de normas se convertiu na Palabra Revelada que outros representantes políticos non poden tocar, pero quizais veñan na web do PP). Se aquí imos ter outro follón polo mesmo, como parece, propoño que nos denominemos Reino de Galicia (será por reis), e a ver que argumentos históricos hai en contra.

     Pero o debate nominalista axexa tanto no macro como no micro. A proposta de cambiarlle o nome ó que lle chamaban a Residencia da Coruña leva o mesmo camiño. Juan Canalejo (para os lectores, etc) foi un individuo cuios méritos para que lle dedicaran un hospital consistiron en subministrar unha chea de órganos. Desgraciadamente, en 1936 aínda non se facían transplantes e nin agora valen os órganos con buratos de bala. É decir, un Hospital “Juan Canalejo” é algo similar a un Xardín de Infancia “Herodes” ou a unha Axencia Matrimonial “Landrú”. A pesar de que o franquismo obrigou a cambiarlle o nome ata á ensaladilla (de rusa a imperial), agora hai espíritos progresistas que recean da mudanza nominal en base á solidez da imaxe de marca “Juan Canalejo”, como se o prestixio dun hospital non residira na excelencia profesional (o Hospital Militar pasou a ser Abente y Lago, e aínda ganou) senón na marca, como os deterxentes (e incluso neste ramo Mister Proper cambiou a Don Limpio). Tamén neste asunto teño unha proposta conciliadora e respectuosa coa historia: Hospital “Paseador Juan Canalejo”.

(para xoves, 3 de novembro de 05)

24 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2005/11/03/nominalismos/trackback/

  1. Se se trata dunha marca, coma os deterxentes, é moi recurrido o “Novo hospital Xoán Canalexo”, e crémolo todos. Porque xa me diredes que diferencia hai entre o Fairy de toda a vida e o “Novo” Fairy.

    Comment by kate — 3 November, 2005 @ 7:49 am

  2. O nome “Paseador Juan Canalejo” é mais acaído para um ambulatório que para uma residência. :D

    Comment by Subcomediante H — 3 November, 2005 @ 11:04 am

  3. O melhor será de passar de homenagens (sempre discutiveis) e continuar com a fantástica e recente tradiçom onomástica do Sergas: CHUS, CHOP, CHUVICHOC?

    Comment by Subcomediante H — 3 November, 2005 @ 11:19 am

  4. Efectivamente: Tiña o que me parecía un catarro e fun ó CHUS, pero como a cousa ía a maiores, mandáronme ó CHUVI. Alí entráballe a auga nos quirófanos e debín collin algo que me puxo en estado de CHOC.

    Comment by sihomesi — 3 November, 2005 @ 11:59 am

  5. Empeñarse en deixar claro se unha entidade territorial, social e política (vg. Cataluña) é unha “nación” ou non, e igual de productivo que discuti-la coporeidade dos anxos; mellor aínda, é como os artigos diante dos topónimos (EL Ferrol), algo inútil noutro eido que non sexa o das polémicas (Poñan “Coruña” a secas nos sinais e non rompan máis os testículos).
    ¿Juan Canalejo? Pois nunca na vida me preguntara quen era. Así que un criminal de guerra… Supoño que sería mellor tomar por costumbre bautizar esas cousas, si necesario fose, con nomes inócuos tipo “Hospital Central” ou “Hospital Paraiso”.
    Vale, vou ser o inimigo público nº1 si lle quito a este país o deporte nacional da polémica, :S

    Comment by F. Miguez — 3 November, 2005 @ 12:01 pm

  6. Que va, terá o agradecemento eterno dos blogueiros (con G) que se deprimen se non lles comentan as ocurrencias. De todas formas, acábame de chamar un amigo para decirme que o tal Canalejo foi fundador da Falange coruñesa, pero o paseado foi el (en Paracuellos), e así lle deberon dar o seu nome a un hospital, por mártir. De todas formas, como nome é espantoso.

    Comment by sihomesi — 3 November, 2005 @ 12:45 pm

  7. Paracuellos… Cando El Mundo
    www.elmundo.es/quiosco/pdf/octubre2005/21portada.pdf
    ou César Vidal
    www.unilibro.es/findbuyes/libro/libroslibres/paracuelloskatynunensayosobreelgenocidiodela_izquierda.asp?sku=681754&idaff=UnilibroCOM
    coñezan que pretenden cambiar o nome…

    Comment by mourullo — 3 November, 2005 @ 3:22 pm

  8. Mártir ou nom, era um facho que nem sequer tinha uma profissom sanitária, como o Dr. Mengele.

    Aliás, eu sempre fum mais do Canalillo que do Canalejo.

    Comment by Subcomediante H — 3 November, 2005 @ 3:39 pm

  9. ¿Con iso do Reino de Galicia quere dicir Vde que por fin veu a luz? ¿Podo contar con Vde. para o momento da restauración monarquista? Está libre o posto de chambelán….

    E xa postos, e visto o ton didáctico da columna de hoxe, ¿poderíame de paso explicar quen era o cabo gómez? ¿E o médico rodríguez?

    Comment by eSedidió — 3 November, 2005 @ 6:43 pm

  10. O cabo Santiago Gómez foi o que disparou desde o Parrote a peza de artillería (penso que aínda hai unha placa alí, preto da casa do alcalde) contra o Goberno Civil o 18 de xullo. O médico Rodríguez coido que era un benefactor e un filántropo que non lle cobraba ós obreiros ou algo así, e así e todo foi dos primeiros da Coruña que tiveron automóbil. Non estou moi seguro. O Doctor Teixeiro que inza os rueiros de Galicia toda era de Monforte

    Comment by SHS — 3 November, 2005 @ 7:03 pm

  11. E o da Avenida Primo de Rivera non era parente dos da Estrella Galicia, nin o General Sanjurjo tiña nada que ver con Rómulo Sanjurjo (penso)

    Comment by SHs — 3 November, 2005 @ 7:04 pm

  12. E que me dizem do Alférez Provisional?

    Comment by Subcomediante H — 3 November, 2005 @ 7:17 pm

  13. Vale gracias…. se algunha vez vou ó 50 por 15… ¿importaríalle facerme de comodín da chamada?

    Sinto o das paridas, pero é superior ás miñas forzas… isto é como unha adicción

    Comment by eSedidió — 3 November, 2005 @ 11:02 pm

  14. Que va, non vai ser todo fútbol.

    Comment by sihomesi — 3 November, 2005 @ 11:19 pm

  15. E para cando Estadio municipal Alexandre de Fisterra?

    Comment by mourullo — 3 November, 2005 @ 11:28 pm

  16. E o do Álférez Provisional demostra que xa daquela era ben difícil terun contrato indefinido.
    (Para ver os chistes completos, en http://www.xornal.com/article.php3?sid=20040707103213 está o Sihomesi do 7 de xullo de 2004)

    Comment by sihomesi — 3 November, 2005 @ 11:35 pm

  17. Como é vostede, sihomesi! Algún detector de pensamentos alleos na súa familía? Porque estaba a piques de solicitarlle que puxese no blog ese xenial artigo, ou colocaba eu a ligazón a xornal.com

    Ollo! Tamén son moi “fan” das cartas ao director de Francisco Vázquez. Para que conste:

    www.elpais.es/solotexto/articulo.html?xref=20030521elpepiopi_9&type=Tes

    Comment by mourullo — 3 November, 2005 @ 11:59 pm

  18. Unha vez, o BNG presentou no Concello de Lugo unha moción para que algunhas rúas novas levasen o nome dalgúns persoeiros históricos da cidade. O PP, que daquela gobernaba, rexeitou a proposta co argumento de que non tiñan méritos dabondo. Ao que Fernando Blanco, daquela o voceiro municipal, contestou que tamén o Centolo tiña unha rúa en Lugo e que habería que revisarlle os seus méritos.
    P.S. Os residentes na rúa Archer Milton Huntington da Coruña nunca se equivocarán ao poñer o enderezo?

    Comment by Xesús Fraga — 4 November, 2005 @ 11:21 am

  19. Non sei, pero un ex compañeiro teu de traballo tiña alí a casa paterna cando non había numeración, ou non estaban moi implantada, e como vivía no edificio AV (iniciais do constructor), o seu enderezo era “Archer Milton Hungtinton, AV”, co que quedaba moi cosmopolilla. En canto ó de Lugo, sempre na liña conciliadora, eu propoñería que a Avenida Carrero Blanco os residentes opuxéronse a que lle cambiaran o nome podíase rebautizar mínimamente en “Carrelo Blanco” (en lucense, “Lombo Blanco”), e podíanse aproveitar as tarxetas. O curioso era o nome popular agora recuperado da Plaza del Ejército Español: Fonte dos Ranchos (en lugués, porquiños)

    Comment by sihomesi — 4 November, 2005 @ 1:05 pm

  20. Exótica é também a rua Mikhail Gorbachov, em Foz. Por certo que o exército pequeno-imperial vai recuperar um espaço no viário luguês. Os porcos de tudo se aproveitam.

    Comment by Subcomediante H — 4 November, 2005 @ 1:58 pm

  21. Home, o da Fonte dos Ranchos xa é un clásico. E eu sempre poderei gabarme de que os meus últimos anos lugueses vivín no Carril dos Indios.

    Comment by Xesús Fraga — 4 November, 2005 @ 2:09 pm

  22. ¿Podo suxerir a forma “Carreiro Blanco” como alternativa pragmática? E curioso o do PP de lugo ¿E qué pasa coa praza de Baltar esa que saía en “Hai que Botalos”? ¿Sabían vostedes que un alcalde que tiña Pazos de Borben hai uns anos(adivien o partido) tiña unha plaza, ou parque, ou raios cando aínda gobernaba (e supoño que aínda o terá)?
    Eu sigo postulando que o mellor siguen sendo nomes impropios tipo “Rúa do Medio” ou máis ben tradiocionais, coma esa “Fonte dos Porquiños”, para que se dea por aludido quen lle interese.

    Comment by F. Miguez — 4 November, 2005 @ 6:11 pm

  23. Non sei que lles pasa ó Subcomediante e a Mourullo, que sempre caen no limbo dos comentarios a aprobar. Se en Foz hai unha rúa dedicada a Gorbachov, en Cerceda ten unha ben unha congostra Karl Marx. Logo está a vía lalinense non leninense ó nomenclator: rúa A, B, etc.

    Comment by sihomesi — 4 November, 2005 @ 8:01 pm

  24. Mourullo no limbo dos comentarios para aprobar? Até agora, penso, non tiven problemas pero sempre pode chegar o momento.

    Se falamos de rúas e concellos, temos que mencionar ao clásico: Avenida Che Guevara, Oleiros. O “piccolo paesello della Galizia” ben coñecido no mundo enteiro polos seus carteis www.ilcircolo.net/lia/000639.php e agarden pola bandeira www.lavozdegalicia.es/ed_corunia/noticia.jsp?CAT=127&TEXTO=4181177

    Comment by mourullo — 4 November, 2005 @ 9:25 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here