Boicot
Posiblemente terán escoitado falar dunha campaña contra os productos cataláns e de paso vascos (CV), ou mesmo recibirían algunha mensaxe dese tipo por algún medio (neste segundo caso, aconsellaríalles humildemente que fosen algo máis coidadosos nas súas relacións sociais). Para que non caian vostedes na tentación e para evitar que cultiven as malas compañías, eu asumín o risco de bucear nunha desas páxinas de internet [que non penso linkar] e contarlles como é a cousa.
Na primeira que atopei dan por sentado, como declaración de principios que “ni el PSOE ni el PP nos van a sacar de este lío. Los únicos que podemos frenar las ansias separatistas somos nosotros, los ciudadanos”. Vamos, que son apolíticos, na linguaxe da dereita rancia, ou compañeiros de viaxe na da esquerda fósil. A continuación propoñen un boicot ós productos separatistas “cívico, sosegado y pacífico” (tipo zen, pero podendo comer carne, sempre que non sexa catalana nin vasca, claro). A proposta é tan moderada que é gradual: igual que no karate, a cousa consiste en ir progresando a base de dar golpes, neste caso ás economías rebeldes. Na fase 1 (amarela) hai que darse de baixa dos bancos e servicios CV, e citan casos nos que se aforra co cambio (o civismo sosegado non implica despilfarro). A fase 2 (marrón, non me pregunten por que) é non mercar en cadeas de supermercados CV e consumir cava doutras zonas, que por riba é mellor. A fase 3 (laranxa) consiste en que aínda que merques en tendas de solvencia hispana, escrutes a etiqueta por se tentar colarche algo made in CV. A fase 4 (vermella, claro) é que non merques nada de nada CV, “salvo lo estrictamente necesario, como medicinas” (á espera de que se desenvolva a industria farmacéutica estremeña, supoño).
Como ven, ten a súa coherencia, quitado algunhas contradiccións. Unha, teórica: promover productos alternativos como “españoles” supón que os outros non o son, co que dan por perdida a batalla de que os CV tamén son españois, queiran ou non. Outra, práctica: se ás industrias CV lles vai mal, o lóxico é que haxa despidos, e seguro que escollen ós murcianos que traballan nas fábricas catalanas e ós de Melide que curran nas vascas. E tamén lles pode dar pola recíproca, e deixar de consumir chourizos de Cantimpalo, riojas ou (¡ai!) marisco. Pero, como sempre, o peludo é a aplicación á vida diaria: o máis parecido que hai a un coche español é un Seat, pero fabrícanse en Barcelona. ¿É máis patriótico conducir Hyundais? ¿É máis solidario con España facer a compra nunha cadea de aquí que trata ós traballadores vernáculos a baquetazo que noutra de fóra que tén a gala ter fixos a todos os empregados, galegos incluídos? E xa postos, ¿se queremos protestar contra Florentino que non nos deixa traer aquí a eléctrica que deixamos ir pero agora estamos arrepentidos, a que compañía nos apuntamos?
O problema é, como non se cansa Rajoy de parafrasear a Raymond Carver, ¿de que falamos cando falamos de España? Nunha emisora deportiva escoitei o outro día a repetición da transmisión desa fazaña patria de endilgarlle 5 a 1 á temible selección eslovaca (¿ou era eslovena?): “¡Luis García!, ¡Luis García!… ¡GOL-GOL-GOL! ¡Que español es Luis García!”. A ver se Zapatero aclara que é España, porque hai opcións como para borrarse.

(para mércores, 16 de novembro de 2005)


www.boicatejam.org
Comment by mourullo — 16 November, 2005 @ 12:54 am
Mourullo, atopas cada cousa…. Está guai,hahaha.
Quixera ver se os madrileños se privarían do noso mariso, ha. Pero bueno, aquí non vai saír aprobado, por iso non mencionan a Galicia para nada. Están tranquilos.
Comment by kate — 16 November, 2005 @ 9:05 am
Escuitado no GADIS de Frei Rosendo Salvado entre dúas moças.
“Noooo SOUSAS noooo que va todo para Cataluña, no se puede comprar. Ya te digo yo lo que puedes comprar.”
Que malo é que o iPod acabe a batería.
Comment by el niño de la guía — 16 November, 2005 @ 9:21 am
joder, a xente está flipada flipada. Seguro que non lle fan boicot a ningún produto yanqui, habendo ben máis motivos.
Comment by kate — 16 November, 2005 @ 9:30 am
A primeira vez que fun a Francia quedei alucinado – e iso que xa era grandiño- de que nas entradas dalgúns MacDonalds había uns tipos dando octavillas contra as hamburguesas en particular, a comida norteamericana en xeral e o norteamericano todo en universal, desde un punto de vista hixiénico e patriótico, un tanto De Gaulle, e antes de que escoitara falar de José Bové. Non estaba moi de acordo, pero reflexionei como en España, onde daquela os fachas estaban sen argumentos, non aproveitaban esa liña argumental para facerse presentes. Era que estaban correndo carrerilla para embestir contra os veciños.
Comment by sihomesi — 16 November, 2005 @ 10:05 am
José Bové parécese a Astérix, só que este loitaba contra os romanos e aquel loita contra os americanos.
Comment by kate — 16 November, 2005 @ 10:42 am
Eu vexo un problema similar ó da manifestación do sábado: os medios utilizados normalmente para promover un progreso social empregados po-los que sempre se opuxeron a eses cambios.
E outra vez, máis que os argallantes, inquédanme os acólitos (como as citadas no comentario de “el niño de la guía”), por numerosos, por anónimos e por… acólitos.
O do boicot ós productos USA, ás multinacionais e demáis da moito que teorizar (prometo un blog sobre as miñas teorías, así que póñanse a cuberto mentras estean a tempo) pero a nivel local, habería que promover un boicot contra os iluminados da política, sexan políticos, xornalistas ou o típico taxista ou barbeiro rompe-testículos.
Comment by F. Miguez — 16 November, 2005 @ 5:59 pm
Cando o da retirada das tropas de Irak, no sul dos USA promoveron unha campaña de boicot contra dos produtos españois…. e pedían á xente que non mercara burritos. Penso que ó mellor é deixalos que sigan coa campaña. Polo de agora xa están pedindo boicotear un montón de produtos feitos por multinacionais, e substituílos por auténticos produtos patrióticos…. feitos tamén por multinacionais. Un par de meses mais e acabarán bebendo soamente anis la castellana e comendo churros.
Comment by eSedidió — 16 November, 2005 @ 9:35 pm
Pois a min se me boicotearan os meus productos 90% galegos 10% euskaldunes (traballo cunha empresa de Nafarroa), estaría “encantado de la vidiña”. Ya ves…
Comment by Ánzony — 18 November, 2005 @ 10:55 am
Alguén sabe si estas dietas boicot sonche mais efectivas cá do Atkins?
Comment by xes — 18 November, 2005 @ 9:55 pm