Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

30 November, 2005

Ser e comer

Filed under: Si home si

A teoría lingüística clásica é que o entorno e o carácter determina a linguaxe. A nova –polo menos para min, aínda que parece que data dos anos 40 do século pasado-, a chamada hipótese de Whorf, establece que é o idioma o que conforma o pensamento. É decir, colectivamente somos como falamos, non falamos como somos. Aquí somos daquela maneira porque o galego nos fixo así (polo menos antes, posiblemente esteamos en proceso de castrapación). A teoría lingüística de Whorf ten outras consecuencias e xa se aplicaba de vello á relación sustento-sentimento: somos o que comemos, ou somos como comemos, idea que sustentaban tanto os que practicaban o canibalismo ritual como a miña avoa que sostiña que o caldo é a raíz do home.

Estas fondas reflexións saíronme soas despois de mandarme, dúas fins de semanas seguidas, cadaseu cocido. Un foi na patria do asunto, Lalín, coa familia, e outro en Vigo, cos amigos, no que se coñece como un xantar de parellas (non polo que se come senón pola relación afectiva ou que une a cada dous comensais). Aínda que o resto do día quedei inactivo para calquera cousa que non fose a introspección mental, nas dúas ocasións a conversa foi fluída e amena e coma un viaxe: sabes que o obxectivo é chegar ó final, pero dá pena que remate. Eso é porque diante dun cocido, como diante de calquera prato comunal (desde a paella a un magosto) non te pasas toda comida mirando para o que come o que tes ó lado, envexando o seu ollo para escoller e lamentando o chosco que fuches pedindo o que pediches. Nin che aproveita a ti, nin lle aproveita a el, que a pouco observador ou considerado que sexa, pasará o tempo todo decindo que se queres probar, que el non o vai dar acabado, ou con falsos argumentos de que atinou por casualidade, que non é que soubera de antemán que estaba así de rico, e que o teu non ten tan mala pinta. Ou viceversa se atinaches ti.
De feito, os males que están a estragar o pracer sensual e social de comer non veñen do fast food (a comida rápida) senón do share food (a comida repartida), é decir, da caída en desgracia da fonte, ese soporte ideal para que cada un se sirva segundo o seu gusto e de acordo coas súas necesidades, e onde antes se presentaban en conxunto desde os bistés ós cachelos pasando polas ensaladas. O cocido é un manxar comunal e igualitario, pero permite o individualismo. Soporta a convivencia de touciñófilos furibundos e chourizoadeptos excluíntes, e mesmo de xente como eu, porcoadicto firmemente contrario da intromisión avícola, con degustadores da carne de polo. Incluso permite que na mesma mesa se reunan carnívoros que xa non saben a que tallada aplicarse e vexetarianos que soamente atacan grelos, repolo e garavanzos.
Agora que abondan as proclamas sobre poñerse en razón e acougar, unha boa maneira de afrontar as famosas preguntas que sempre nos facemos (quen somos, de onde vimos, a onde vamos, etc.) é xuntarse para atacar un cocido e dedicar a tarde á dixestión intelectual do tratado.

(para mércores, 30 de xuño de 2005)

19 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2005/11/30/ser-e-comer/trackback/

  1. Que Lalín sexa coñecido no mundo polo seu cocido e polas festas arredor do mesmo, non significa que sexa a patria do mesmo. En calquera caso, felicidades e que aproveite.

    Comment by Miguel — 30 November, 2005 @ 2:07 pm

  2. Efectivamente, deixeime levar pola propaganda.

    Comment by sihomesi — 30 November, 2005 @ 5:20 pm

  3. Non só iso, senón que hai caseque tantos cocidos coma galegos. Déixolle un par de preguntas para que ocupe a súa dixestión filosófica do vindeiro domingo:
    Grelos ou repolo? Ou berza? ou xenos?
    Fabas ou garbanzos?

    Por certo, e desculpe a miña indiscrección: botoulle vostede sucre ao café ou pedíu sacarina? despois do cocido, digo….

    Comment by eSedidió — 30 November, 2005 @ 8:38 pm

  4. Aghhhh! indiscreCión, perdoe vostede o lapsus… é que con esto das novas normas un pásase o día quitando Ces e despois pasa o que pasa….

    Comment by eSedidió — 30 November, 2005 @ 8:42 pm

  5. Claro que pasa, a todos. Por se teñen algún tipo de interese a relación de teimas e preferencias persoais, calquera berza me vale, sempre que sexa gornición e non prato. O que non aturo é o polo. E reitero: os cocidos de Lalín son uns máis, e a festa do ídem, unha maneira de estragar porcos, paciencia e padais.

    Comment by sihomesi — 30 November, 2005 @ 10:52 pm

  6. ... e de tangar ós que o van comer o día da festa. Non é o mellor día para ir comer o cocido. Ademais, non ten nada que non teña un da Fonsagrada, máis que a sona.

    Comment by kate — 1 December, 2005 @ 7:27 am

  7. ... e de tangar ós que o van comer o día da festa. Non é o mellor día para ir comer o cocido. Ademais, non ten nada que non teña un da Fonsagrada, máis que a sona.

    Comment by kate — 1 December, 2005 @ 7:27 am

  8. A aventura de ir papar un cocido en Lalín o Día do Cocido foi dos primeiros sihomesis (versión átomos). Pódea atopar en “Si home si” (versión libro). Non digo que o merque, pídao ou mérqueo. Ou nin eso, xa llo mando por email.

    Comment by SHS — 1 December, 2005 @ 8:39 am

  9. A cousa non iba de preferencias persoais, senón de matiz patriótico… a ver…. non é certo que un se sinte moito máis bó e xeneroso despois de papear a nosa racial faba (phaseolus vulgaris) en vez do recio e castelán garbanzo (cicer aretinum)?... pero, por outra banda, a faba veu de america no XVI e sen embargo o garbanzo xa o comían os románs… e o mesmo cabe dicir do resto das verduras e demais condumios non cárnicos…. e para que falar das patacas (solanum tuberosum).... claro que, se algúen catou algunha vez un cocido feito con castañas en vez de patacas (que seica é como o comían os nosos devanceiros) terá comprendido cunha soa sensación o sentido da palabra “progreso”..... ¿Qué, da ou non da para reflexións filosóficas? imaxínese vostede o que pode dar de sí as cinco da tarde dun domingo…..

    Comment by eSedidió — 1 December, 2005 @ 9:23 am

  10. Eu probei cocido con castañas, e ben que presta. O único problema que lle vexo á castaña cocida é andarlle bullando a tona esa que teñen, que ás veces cae sola e noutras hai que fozar a dios

    Comment by shs — 1 December, 2005 @ 9:42 am

  11. A mín tamén moito me fastidia nas castañas cocidas, ter que andar roendo na codia que sabe a diaños.

    Comment by Sabela — 1 December, 2005 @ 10:22 am

  12. Eu as castañas, asadas no forno de leña, ou enriba da cociña de idem. As cociñas están collonudas, pero eu non teño paciencia para pranalas. Pero miña avoa si, e cada vez que vou visitala aprovéitome ben. Hmmmmmm!

    Comment by kate — 1 December, 2005 @ 1:39 pm

  13. Estou con kate no das castañas. Pero asadas, que hai quen as come torradas de todo.

    Comment by mourullo — 1 December, 2005 @ 3:35 pm

  14. *Obviamente quería dicir “as cociDas”, non as cociñas…

    Comment by kate — 1 December, 2005 @ 6:34 pm

  15. eu asoas na sangüicheira xa, xa sei que non é moi enxebre e saben quenindiola.

    Comment by lareta — 1 December, 2005 @ 7:36 pm

  16. Deus, como amo este país.

    Comment by F. Miguez — 1 December, 2005 @ 10:50 pm

  17. Queda claro que non hai como sacar un tema de papancia para que aflore o mellor de nós

    Comment by sihomesi — 1 December, 2005 @ 11:10 pm

  18. Eu falaba das castañas botadas no cocido en troques das patacas. Nin asadas no forno de leña, na cociña bilbaína, encima do capó do coche ou na sangüicheira (dios, que jevi), nin cocidas con anises (pimpinella anisum) ou fiunchos (foeniculum vulgare). No cocido!
    Sr. sHs, téñolle respecto, pero un home ao que lle presta un cocido sen patacas e con castañas e prefire o porco á galiña…. hummmm…. fágao mirar…...

    Comment by eSedidió — 2 December, 2005 @ 1:08 pm

  19. O da papancia aflora o mellor de algunhas civilizacións avanzadas. Buscando piso en Madrid, miña tai tiña certos roces co personal das inmobiliarias polos diferentes criterios que tiñan respecto ó tamaño axeitado dunha cociña. Parece ser que “eles” non compreden para que se queren unhas cociñas tan grandes.

    Comment by F. Miguez — 2 December, 2005 @ 11:24 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here