Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

29 December, 2005

Selección Galega (a previa): Galicia vs Ferrín

Filed under: Xeral, Si home si

Hoxe, os homes comandados por Ferrín, Gustavo Ferrín, entre eles Pouso, Pereira, Varela, Salgueiro, Castro, uniformados de azul celeste loitarán contra os nosos, vestidos de azul e branco. A selección de Uruguai (que lle debe uns dos seus primeiros títulos a Pedro Cea, un de Redondela) contra a de Galicia. Unha auténtica loita fratricida, vamos. Hai metas que pagan a pena soamente con desexalas (e chamámoslle utopías). Hai outras, a maioría, que son boas ata que as consigues (e deixan de selo). E hainas tamén que se xustifican incluso co primeiro paso que se dá para acadalas. Este é o caso da selección galega. Non sei o que dará de si, pero o que deu ata o momento, que se celebre o partido de hoxe, xustifica de sobra a reivindicación da súa existencia. Para a miña sorpresa, a verdade. (more…)

26 December, 2005

A luz que nos guía

Filed under: Xeral

Velaiquí a mellor felicitación de Nadal que recibín:

Fe Nosa
(by appointment Lizancos)

Falta de espírito

Filed under: Si home si

bad santa

Se non houbera temas de candente actuialidade e de interese crucial, todos estariamos opinando sobre a falta de espírito navideño –e aínda así, hai quen non o pode evitar, eu incluído-. Porque é un escándalo como decaeu. Non falo daquel espírito navideño que xa faltaba antes, aquel das entrañables festas familiares e do bo rollo, aquela época de tregua na que as inquinas se atenuaban e os sentimentos positivos afloraban. O que notei en crise neste Nadal foi o espírito navideño actual, o do consumo disparatado, a publicidade de saturación masiva desde finais de outubro, a omnipresente matraca sonora a base de zambomba e toda a parafernalia habitual destas sinaladas datas. Perviven, hai que recoñecelo, fenómenos como o investimento irracional en lotería ou as galas televisivas, solidarias ou pola cara, pero a colecta de décimos e participacións xa non ten o tradicional carácter de frenesí pandémico, e xa se sabe que os programadores televisivos son os últimos en enterarse do que pasa. Quizais sexa unha apreciación soamente persoal, pero en comparación con outras realidades extremas, penso que se desinchou máis a burbulla nadalista que a inmobiliaria. (more…)

22 December, 2005

Desproporcións

Filed under: Si home si

“Señor, coa escusa de rexentar un burdel, a súa esposa vende teas de contrabando” é un insulto. “Sir, esto foi unha digresión, agardo o seu argumento” (dito por un que recibiu na cara un xarro de cervexa nunha discusión) é unha réplica. Son dous exemplos clásicos que recompilou Borges (o escritor arxentino, non o empresario de froitos secos) e que cito de memoria porque teño a biblioteca toda metida en caixas. Non digo que non amolaran ó destinatario, pero sen deixar de ser faltadas, tiñan o seu aquel. Pola contra, nestes tempos, o símbolo do alto nivel acadado polo debate político madrileño é esa polémica sobre se o intercambio de indirectas entre Zapatero (“patriotas de hojalata”) e Rajoy (“bobo solemne”) constitúen réplica, insultos ou que. (more…)

21 December, 2005

Era visto

Filed under: Xeral

camauro
Que lles dixen?

Mal empezamos

Filed under: Xeral

A alegre inconsciencia (esperamos) da nova fichaxe do Dépor
arizmendi
(atopado por Zapping)

20 December, 2005

Papuchi

Filed under: Si home si

Estarán ó tanto do caso deses dous mariñeiros da Armada que morreron no accidente da fragata Extremadura. Estaba eu nos xardíns da Capitanía de Ferrol, firme como se estivera alí destinado, contando ós programas de tirios e ós avances informativos de troianos o que se sabía do caso a primeira hora da mañá, cando nun deses directos me tiveron de pasmón vinte minutos mentres me entretiñan –a min e a audiencia- cos detalles do óbito do doutor Iglesias Puga e debullaban a “intensa” vida dese “entrañable personaje” ó que se referían indefectiblemente como “Papuchi”. “Efectivamente, aquí en Ferrol también hubo otras muertes esta madrugada”, estiven nun tris de comezar logo que me deron paso. (more…)

15 December, 2005

Fumar

Filed under: Si home si

Cando lean isto estarase tomando unha das decisións máis parvas e máis hipócritas das moitas que se poidan tomar, e miren que hai competencia. O peor desta é que non lle imos poder botar a culpa a ninguén en concreto, porque están sospeitosa e unanimemente de acordo todos os nosos representantes políticos, incluídos os que fuman e os elixidos polo 31% de electores que fumamos. A nova lei antitabaco escapa tanto das proclamas do Goberno que aseguran que están a resolver os problemas da xente, como das reclamacións de Rajoy de que hai que ocuparse dos problemas serios, e mesmo da oportunidade que teñen os deputados minoritarios de defender ás minorías e a sensatez sen gasto ningún, nin risco de que lles fagan caso. (more…)

13 December, 2005

Vaia tropa

Filed under: Si home si, Destafoi

De verdade que me gustaría comentarlles os apuros para coller os regalos de Nadal, sobre todo os dos nenos, antes de que se esgoten e os dependentes che miren como a alguén fóra da realidade cando llelos pides o 22 de decembro. Ou os apuros para combinar a axenda de comidas e ceas de traballo ou amigos coa escusa de recapitular sobre o ano que se vai, ou sobre que traerá o novo (ademais da prohibición de fumar no choio). Vaia, que me gustaría falar do que nos ocupa a todos, pero desgraciadamente, ós asuntos profesionais é ó que teño que prestar ollos e orellas, e tras deles váiseme a cabeza. (more…)

11 December, 2005

Anexión

Hai anos, un amigo que foi a Madrid por primeira vez, alucinaba co doado que era sacar de quicio á xente. Parado en calquera semáforo, divertíase tocando o pito e comprobando como os outros conductores organizaban unha desconcertada sinfonía de bocinas contra ninguén, porque a luz estaba vermella. A actual situación política española é cuspidiña, e senón conten as veces que asoma a palabra “anexión” nas portadas e nos informativos destes días. (more…)

9 December, 2005

Pasarela Vaticano

Filed under: Xeral

tricornio

Comer, rascar e probar, todo é empezar…

leather sd e noel inca viking trend rasta xbox requeté pasamontañas mexico hat fiesta fiesta2 many hats

8 December, 2005

Madrid

Filed under: Si home si

Eu teño unha relación ambivalente con Madrid, probablemente como todos os que viviron unha etapa da súa vida nesa cidade, dependendo de como lles fose, claro. A min mal non me foi e conservo un recordo moi agradable do ambiente, das cañas e as patacas bravas, dalgunha xente e daquela inxenuidade receptiva que entón tiñan os madrileños polo moito que lle era alleo, como unha amiga miña que volveu da súa visita a Galicia sorprendida de que houbera moitos verdes distintos, non o verde-verde de sempre. Puxen “tiñan” porque teño unha colección de impresións de que xa non é así. (more…)

6 December, 2005

Intromisións

Filed under: Si home si

Todas as vantaxes teñen o seu inconveniente. O correo electrónico ten o chamado spam, que vén sendo a versión en bits daqueles sobres de papel que contiñan propaganda ou certificacións de que ganaramos un precio exclusivo. Hai tempo, os email non desexados estaban empeñados en ofrecerme sistemas para que me medrara algo que me caracteriza como animal masculino, e agora inúndanme de ofertas de viagra e outros “fármacos populares” como eles lle chaman, considerando que se estimulan a función, quizais logo eu queira mellorar o órgano. A última moda en intromisión é tentar meterche virus co escusa da proximidade (as túas propias contas, ou as da familia, envíanche mensaxes en inglés) ou do medo: remitentes ameazadores tipo post@cia.gov ou mail@fbi.org aseguran que estiveche visitando alomenos 30 páxinas ilegais, e esixen que fagas o favor de contestar unhas preguntas. Entenrecedor. (more…)

4 December, 2005

Depresión profesional

Filed under: Si home si, Matrix Press

A semana pasada caín na tentación de asistir a unha desas convocatorias gremiais onde se discute sobre a información, ou máis ben sobre como se informa e sobre como se debería informar. Normalmente resístome porque todos sabemos que se fai mal e por que, e o pouco remedio que ten, aínda que ós informadores, exactamente igual que ós informados, o que nos presta é que nos reforcen as opinións que previamente temos. (more…)

1 December, 2005

Outra máis

Filed under: Si home si, Destafoi

Estamos inmersos na celebración, íntima pero afervoada, de que a UE afrouxará por fin 257 millóns de euros europeos para o porto exterior. A conmoción da noticia (noticia relativa, porque que os ían soltar xa o sabía todo o mundo, incluído Álvarez Cascos, que nin os pedira) non debería distraernos de informacións menores, como que a Junta de Andalucía lle retirará as competencias urbanísticas ó concello de Marbella, ou o debulle que fixo o conselleiro de Medio Rural das obras paralizadas pola Xunta. Non debería porque todos estes fenómenos obedecen ás mesmas causas. (more…)






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here