Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

26 January, 2006

Referendos

Filed under: Si home si

Mariano Rajoy, un home tranquilo a pesar do azaroso da súa vida política, estaba á beira do abismo, co bafo da vella garda aznarista no cogote. Agora, como agardabamos moitos dos seus fans, deu un paso adiante. Colleu o touro polas cornas, tomou o pulso auténtico da cidadanía, e propuxo un referendo sobre o Estatut. Eu agradézollo (e adiántolle a miña opinión: estou farto), porque así parecerémonos ós suízos, que referendan ata as vedas de caza, ou ós italianos, que referendan todo, menos tocarlle os negocios ó presidente. Incluso a pregunta que fará, a prol da igualdade de dereitos, xentes e razas, é emocionante e fai del un epígono da Marianne, o símbolo dos valores da República Francesa. E para que a cousa non pareza que é unha saída de pata de banco, unha teima súa persoal ou partidaria por ter perdido o preito, eu apúntolle unha serie de cuestións centrais que tamén son materia refrendable. (more…)

23 January, 2006

No bo camiño

Filed under: Si home si

se necesita mujer (Oleiros, 20/1/06)

Souben que atoparan morta a aquela rapaza Águeda que desaparecera en Baiona polo comentario dun parroquiano, mentres estaba tomando un café. “Es que esto está lleno de sudamericanos”, sentenciou con contundencia o tipo, aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid e pasando descaradamente do feito de que no caso nin tivera arte nin parte sudamericano ningún. Despois, na ágora dun parque infantil escoitei a dúas nais discutir as vantaxes comparativas das cadeas de supermercados. As dúas estaban de acordo en que os prezos e a calidade media de X eran mellores cos de Y, aínda que –apuntou unha- “hay quien dice que habría que boicotearlos porque son vascos”. A outra contraargumentou que os empregados tiñan mellores condicións, e nese momento algún dos infantes baixou dun columpio de forma pouco ortodoxa, e morreu a conversa. Camiño do supermercado X, observei nunha cabina de teléfonos un reclamo que solicitaba unha empregada doméstica que, ademais de responsable, “imprescindible hable gallego”. Quizais se tratase dunha familia recén trasladada (e polo tanto enganada aínda sobre a necesidade social de coñecer o idioma vernáculo), pero en base ás experiencias anteriores, eu imaxinei que era un eufemismo politicamente correcto do impresentable “absténganse sudamericanas”. (more…)

21 January, 2006

O problema número 1

Filed under: Si home si

A min nunca me fixeron un cuestionario Proust deses sobre o meu color ou as miñas películas preferidas, nin tampouco unha desas serias enquisas sociolóxicas sobre que problema dos que hai considero que é o principal. De facerlle caso a voces autorizadas, ou alomenos que se fan oír como se o fosen, o Problema aquí é, para variar, o eterno Problema desde hai tempo, territorialmente pendular –Plan Ibarretxe, Estatut, chalaneo con ETA- recentemente sintetizado na frase: “Quieren cambiar armas por nación”. Se atopara alguén que me preguntara, opinaría que se fose certo e así de doado, non sei a que están esperando. Conseguir rematar con décadas de sangue e violencia a cambio de poñer unha palabra nun papel non parece un problema grave.

Hai outros que si me parecen peliagudos, aínda que non produzan grandes titulares nin proclamacións estentóreas, e nin siquera estean nos listados eses que fai o CIS para preguntar a outros que non son eu. Por exemplo, de onde saca o Estado os cartos. Xa sei que de nós, como sabemos todos, quitado algúns políticos que se comportan como se os sacaran do seu persoal peto. Pero é que os saca cun método similar a quen recada asoballando a orfos, viúvas e inocentes que pensan que o AVE xa chegara con Fraga: é decir, fundamentalmente obtén a pasta dos indefensos, dos asalariados. E cando digo fundamentalmente, quédome corto. Segundo leo apampado nunha reportaxe de José Luis Barbería en El País, o 34% dos cartos sácaos co IRPF o soamente o 18% do imposto de sociedades (o IVE aporta o 31% e os vicios, incluída a gasolina, o 12%: é decir, tamén se apaña entre todos a eito). E do IRPF, o 80% provén dos asalariados, fronte ó 11% dos profesionais liberais e ó 7% do capital. De media, os atrapados fiscalmente pola nómina declaramos uns rendementos de 17.500 euros ó ano, mentres os empresarios e profesionais liberais non chegan ós 12.000. No País Vasco, os traballadores ganan un 33% máis que os profesionais (xa se sabía que alí os salarios son altos, pero non imaxinaba que tanto).
Non quero ser demagogo, e sei perfectamente que son un asalariado que gano máis que un esforzado empresario hosteleiro deses que, en vez de ter parroquianos, parece que ten acollidos. Pero, carai, ¿como logramos ser unha economía que vai coma unha bala con empresarios, médicos e avogados que ganan ó ano dous millóns das desaparecidas pesetas? Non me estraña que a patronal ande sempre a pedir contención salarial, se eles pasan estreiteces mentres os empregados dilapidan os cartos. Ou sexa que a todos eses que se lles enche a boca alertando do perigo de que se desequilibren os dereitos dos cidadáns segundo os territorios se prospera o que van poñer nun papel, que miren de equilibrar as desigualdades que produce o feito de que o que ganas veña perfectamente consignado noutro papel.

(para xoves, 19 de xaneiro de 06)

20 January, 2006

A patria do conductor é a infancia

Filed under: Xeral


(Xardíns de Méndez Núñez, A Coruña 20/1/06)

17 January, 2006

Alivio congresual

Filed under: Si home si, Destafoi

Unha das maiores (e das poucas) satisfaccións desta profesión é a oportunidade de estar presente, aínda que sexa en calidade de mirón, nos grandes acontecementos da historia. En concreto, asistín esta fin de semana a ese acto ritual que consagrou a despedida do que, cando aínda non viñera, en Miño chamaban o Veraneante Ilustre (VI). Ou sexa ó XIII Congreso do PPdeG, ou do recambio freudiano. A segunda despedida en seis meses de alguén que parecía non irse nunca, nesta ocasión voluntaria e co refrendo dos seus correlixionarios e non do electorado. E se me pediran que resuma o ambiente que reinaba naquel recinto blindado ós fumadores direi que era de alivio. Falo dos militantes. (more…)

12 January, 2006

Duendes de imprenta

Filed under: Matrix Press

Por certo, ó abeiro do caso Mena, Paco Vázquez fixo unha desas declaracións súas entre Pinto e Valdemoro, nas que ademáis do encendido amor a España que se lle supón, xustificaba o capón disciplinario ó tenente xeneral nos precedentes dos xenerais norteamericanos Patton e MacArthur, destuidos por irse da boca durante e despois da Segunda Guerra Mundial, na que os dous foron heroes e grandes estrategas, alomenos para a sociedade norteamericana. O xornalista que recolleu as declaracións, a pesar de que de Patton fixeron unha película, e MacArthur saía en varias e é autor dunhas das poucas frases coñecidas (“Volveréi”) atribuidas a un militar que non fose Napoleón, transcribiu MacCarthy, tamén norteamericano e tamén moi coñecido, pero senador e non militar, e que destruiu ó inimigo coas armas da delación e da manipulación xudicial. Que eu saiba, o medio non rectificou. Exactamente igual que hai uns días, o feito de que unha deputada do BNG asistira a un pleno do parlamento despois dunha traxedia familiar atribuise alegremente ás férreas instruccións emanadas pola superioridade, sen confrontalo con ela nin, que eu saiba coa superioridade, non sexa que a frase quedara menos graciosa e menos reveladora dos usos e costumes que gastan algúns. Se o fixera, o disposto plumilla podía desvelar por exemplo a noticia de que nas horas previas ó óbito, a nai da deputada estivo tres días no CHUS de Santiago nunha cama situada no metido dun corredor, sen que nin a deputada nin o seu irmán (asesor da Vicepresidencia) que a velaban fixeran valer as súas respectivas condicións para mellorar o trato. Claro que esa noticia non reforzaría o dos férreos usos que citaba antes.

Menas e gangas

Filed under: Si home si

Nos primeiros momentos en que escoitei o nome Mena, veume á cabeza a curiosa inxustiza que os usos lingüísticos perpetraron co binomio mena-ganga. Sendo a mena a parte valiosa dun mineral, o concepto coñecido e vixente hoxe é o de ganga, que é a parte que non vale para nada. A min paréceme que parecida inxustiza se está cometendo estes días co tenente xeneral Mena, esa víctima das malas compañías (more…)

9 January, 2006

Depresión post partys

Filed under: Si home si

Estamos inmersos no proceloso océano da depresión posterior ás festas do Nadal. Dentro da oportunista e descarada apropiación que fixo o cristianismo destas celebracións pagás (ata moveu a data do aniversario de Cristo para forzar a coincidencia), o de poñer en último lugar os Reis está excelentemente pensado. É a festa dos nenos que, como son incansables, son inmunes ás canseiras (físicas, gastronómicas e consumistas) que arrastramos os demais desde mediados do mes pasado. Antes de volver á vida real onde non son obrigatorios os bos sentimentos nin saquear as tarxetas de crédito, o noso último cartucho de adultos foi desempeñar o papel de auxiliar dos Reis Magos. (more…)

8 January, 2006

Sinceridade corporativa

Filed under: Xeral

soynaci1

5 January, 2006

Cainismo e Abelismo

Filed under: Si home si

A sociedade española deu un grande exemplo de civismo cumprindo a Prohibición (¿cal vai ser?, a do tabaco), segundo a ministra de Sanidade, que mesmo felicitou ós fumadores por acatar guiadamente a lei. Eu, á miña vez, felicito á ministra por estar agradablemente sorprendida de que o persoal non acabara as discusións sobre o tema como os parroquianos das tabernas nas películas de irlandeses, ou algún empedernido fumador de ducados non se atrincheirase no choio ameazando con queimar todo se non lle deixan botar unha calada. (more…)

3 January, 2006

Prepárense

Filed under: Si home si

Todos comezamos o ano cunha chea de bos propósitos (e un alkaseltzer). Eu, o de deixar de fumar deixeino aparcado, por puro rabudismo, ante a que está caendo. O do inglés xa me pilla a destempo, porque seguro que se comercializa antes un traductor simultáneo que o que eu tardo en ter un nivel aceptable. E o do exercicio/ximnasio estouno considerando. Non sei se lles parecerá derrotismo, pero se son deses que agardan en realidade que o ano novo traia algo positivo, váianse despedindo desa esperanza. (more…)






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here