Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

28 February, 2006

Municipaladas

Filed under: Si home si

Hai anos estaba de moda o debate tradición-modernidade. Que se había que apostar polo de antes ou polo que viñera, dito ó bruto. Se conservar a paisaxe ou urbanizala/industrializala, por exemplo. Evidentemente, o tal debate era tan falso como un billete de sete euros, e unicamente servía como escusa para mesas redondas ou seminarios, nos que despois de moita discusión se chegaba ó acordo de que a tradición era fonte de modernidade, o mesmo que o local era manancial do universal, e que unha cousa non quitaba a outra. Traio a conto este debate tan vello como falso polo do Antroido/Carnaval.
reina (more…)

22 February, 2006

23-F

Filed under: Si home si

23 F

Eu tamén vou desvelar todos os intríngulis do 23-F. Hoxe sobre as seis da tarde hai 25 anos, eu era un aprendiz desto que estaba na Xefatura Superior de Policía apuntando sucesos afanosamente. Contra o que estarán pensando algúns, non foi mal sitio para que me coincidira aquel gag berlanguiano de Tejero nas Cortes. Quedamos estarrecidos todos os presentes, incluído o daquela responsable de prensa da policía, José Ramón Vázquez Liñeiro, e fómonos cada rato ó seu burato, a facer o que había que facer. (more…)

21 February, 2006

Burshka

Filed under: Xeral, Matrix Press

Bershka
A historia repítese en forma de parodia. Un xornalista supoño que ocioso do xornal Al Bayan púxose a debullar se a etiqueta dunha camiseta que vendían na tenda de Bershka de Dubai (e nas dos outros sitios) atentaba contra os lugares sagrados da relixión musulmana, a conta da frivolidade da mensaxe (ben “durmimos aquí”, ben “unha chea de bicos”) tipo postal de lúa de mel. A empresa argumentou que a frecha apuntaba ós xardíns e que xa retirara as etiquetas antes de que saltara ós medios. Pero menudos son os medios, uns e outros, para deixar de apañar un euro antes de que caia ó chan.
A min o que me estraña é que, co tipo de roupa que hai en Bershka (incluída a de Dubai,supoño), o que lle chame a atención a un fanático relixioso sexa unha etiqueta.
chocolates Compostela bombós
(Aviso a navegantes: cando as barbas do teu veciño vexas pelar…)

Excepcións

Filed under: Si home si

O dos 19 gardas civís en imputados por alixeirarlles o peto e os trámites a inmigrantes chinos no aeroporto de Málaga son unha excepción dentro da Benemérita e por extensión dentro deso que chaman os corpos e forzas se seguridade. Excepción é tamén, dentro da clase política e empresarial, a trama dos parques eólicos (canarios, por suposto). Desde que traballo nesto, conto este tipo de asuntos por excepcións, a excepción por asunto. Vivimos en Excepcionland, vamos. (more…)

16 February, 2006

Funme

Filed under: Si home si

Non pensei que chegaría este día. Non, por moito que non haxa nada fixo nestes tempos que mudan os tempos, as vontades, e a mobilidade xeográfica é un valor de emprego, como saber reportar ó xefe ou ser experto en due diligence. Despois dun cuarto de século indo de acó para aló, da Falperra a María Pita, do Orzán a San Andrés pasando por Juan Flórez, do Monte das Moas a Fernando Macías e de alí ás Xubias, voume. Adiós rúas, adiós desmontes, que dixo a outra. (more…)

13 February, 2006

Eternamente agradecido

Filed under: Xeral, Non sei eu...

entrar
Esta mañá a primeira hora, o tendedeiro este inaugurado cos calores de mediados de xullo do ano pasado acadou 25.000 visitas. Non vou caer na vaidade, erro ou demagoxia de titular, ó máis vello estilo festa gastronómica: “25.000 persoas visitan Si home si”. Sei que debe haber, como moito, un cento de habituais, e logo unha chea de despistados ou enganados polo gugle. Con todo, e sen controlar de todo como en todo esas ferramentas marabillosas que che din de onde e como vén a xente, sígome emocionando cada vez que aparece unha visita procedente de Chipre, de Estonia, de Israel ou de Australia. Cando vexo varias de empresas concretas do Reino Unido, ou de servidores concretos de sitios estraños, penso que amigo debe andar por alí. Tampouco sei por que celebro a entrada 25.000 (influencia do ano Mozart?) e non outra.
En resumo, gracias a todos e considerense agasallados cun ramo de flores ó pé da escaleira do avión.

12 February, 2006

Habemus Paco

Filed under: Xeral, Destafoi

papa vázquez
by appointment Loduár

11 February, 2006

Foise

Filed under: Si home si

Foise Paco
Se queren que lles diga a verdade, aínda que supoño que tanto lles tén (e sorprenda a algúns e decepcione a moitos), eu non me levaba mal con Paco Vázquez. Era unha relación, cando a había –porque os políticos teñen as mesmas vantaxes sobre os periodistas que o califa Harum-Al-Raschid sobre o seu harén, teñen relacións cando eles queren- baseada no método Francisco Franco: non meterse en política. Ou no principio ético de que a mentira é un defecto, pero a sinceridade non é unha virtude, senón un privilexio ou unha falta de educación. Así, na ducia de conversas que tiven con el, quitado as profesionais, eu non lle comentaba o que me parecía a súa política (dos negocios, xa nin falamos), e el non debía ler as miñas opinións (as informacións si, e mandaba unhas tremebundas cartas ó director, que ata lle convertiron en noticias). Así que lle teño que comentar o que me parece a súa ausencia a través de vostedes. (more…)

10 February, 2006

Paren as máquinas!

Filed under: Destafoi

Paco2

O de Paco Vázquez, en canto me recupere. A ver se esta tarde

8 February, 2006

Profetas

Filed under: Si home si

jyllands posten
Todo o rebumbio este da crise das caricaturas de Mahoma (Mafoma, para os antergos) é un exemplo de que esa teoría da bolboreta (que axita as alas aquí e ocasiona un terremoto en China) non é unha ocurrencia senón a demostración dunha verdade científica. Ou máis ben de dúas. A outra é que dous mil anos e pico de evolución histórica non conseguiron atenuar a necidade no ser humano. (more…)

6 February, 2006

Paseando a M. Rajoy

Filed under: Si home si

carpaPP
Todos lemos, escoitamos ou vemos o duro peregrinar do presidente do PP –sangue, suor e ferro, Rajoy cabalga- pola diversa xeografía española, apañando vontades e sinaturas para que todos sexamos iguais e solidarios, privilexio consolidado que estamos a piques de perder por culpa dos cataláns. Todos o lemos, etc., pero eu –vantaxes de ser xornalista- asistín onte ó advenimento mariano á Coruña, en concreto ós Cantóns. Desde o de Sánchez Bregua, onde está a sede do PP da que saíu rodeado de todo tipo de dirixentes, novos e vellos, boinas e birretes, ata o Grande, onde o agardaba unha carpa puntiaguda e unha chea de xente, como nas xustas medievais das películas. (more…)

5 February, 2006

Contraste de pareceres

Filed under: Destafoi

-”El idioma no se puede imponer. Será obligatorio en algunos casos, pero el Tribunal Constitucional ya ha orientado cuál es la posición”

-”Hay jurisprudencia que permite avalar que sería constitucional. Y tiene una lógica: la Constitución dice que el castellano es la lengua oficial de España y a continuación establece el deber y el derecho de conocer el castellano para todos los españoles. Y dice también que el gallego, el catalán, el euskera son lenguas oficiales en las respectivas comunidades autónomas de acuerdo con sus estatutos. Por tanto, el derecho y el deber de conocer esas lenguas ha de establecerse en los estatutos, que forman parte del bloque de constitucionalidad”.

Adiviñen que frase é de Emilio Pérez Touriño (nunha entrevista no Faro e La Opinión, aínda que esas liñas en concreto non aparecen en ningunha das edicións dixitais) e cal de Alfredo Pérez Rubalcaba en El País

4 February, 2006

Gardar a viña

Filed under: Xeral

Unha amiga mandoume un aviso, ó parecer do Ministerio do Interior, sobre as sofisticadas mañas que uns espelidos usan para copiarche a tarxeta, fóra do uso da sirla de toda a vida.

caixeiro big brother
“Una importante banda de estafadores de origen yugoslavo está utilizando franjas lectoras de datos en las ranuras de los cajeros Caja Madrid, La Caixa y BBVA (que tienen el mismo sistema de recepción de tarjetas). Dicha banda es capaz de almacenar más de 100 números de tarjetas con todos los datos de los titulares; una vez recopilada la información proceden a grabar dichos datos en tarjetas falsas pudiendo ser utilizadas tanto en cajeros automáticos como en comercios. Del comunicado se desprende que la forma que tienen estos para saber que cajeros tienen puesta la banda magnética son unas pegatinas pequeñas (de unos 3 cm. de ancho por 2 cm. de alto) de colores vistosos que colocan en la parte de abajo del cajero. Si encuentras algún cajero con este distintivo no metas tu tarjeta y avisa rápidamente a la sucursal para que bloqueen el dispositivo”.

¿Non terían que ser os dos bancos, como responsables e propietarios dos dispositivos trucados e das instalacións onde están, os que comprobaran se hai cámaras, dobres ranuras e pagatinas? Chega con que saia cada hora un empregado/a – a ser posible fumador/a, e así aproveita para botar un pito- a inspeccionar os caixeiros, en lugar de meter medo ós usuarios con bandas de iugoslavos de orixe.

2 February, 2006

Encadeados

Filed under: Non sei eu...

Circula un andacio pola rede, e particularmente na leira cada día máis extensa e intensa do blogomillo, consistente en confesar cinco vicios ou teimas, a invitación pública doutro bloqueiro. Parece que lle chaman “MeMes”, con razón. F. Míguez (este, non este) tivo o detalle/mala idea de meterme no allo, e a pesar do meu odio nº 3, a día de hoxe, estes son (as teimas, os vicios son privados):

  1. A tona do leite. Non é que non me guste, é que vela, mesmo imaxinala ou falar dela, dáme arcadas.
  2. A alambicación léxica (“clarificar” no canto de “aclarar”, “concretizar” e non “concretar”) e un odio africano á expresión “buen rollito”.
  3. As cadeas, esa forma de delación voluntaria e colectiva. Aínda me acordo de cando de neno me chegou aquela do misioneiro colombiano que anunciaba fortunas sen fin se as seguías e ameazaba con traxedias terribles se non. Aterrado polo segundo, tecleei como un poseso na máquina do meu pai, e gastei uns cartos que non tiña en mandar por correo as misivas que condenaban a outros desgraciados, por amigos.
  4. Vender como progreso/modernidade/adianto social o que en realidade son ingresos e beneficios individuais.
  5. O autoodio. É que o odio.

No meu labor delator, pásolle a bola a unha representación parlamentaria e a dous colegas foráneos, confiando en que nin uns nin outros lean esto:
-Ó polifacético Baltar Jr.
-A José Manuel Lage Tuñas (penso que inactivo desde novembro do 2005, para que se active) No seu defecto ó seu correlixionario Enrique Castro
-Ó excelente blog (e tristemente desaparecido, para que reapareza) de Carme Adán. Caso de que non reapareza, a responsabilidade subsidiaria é de Imeneo
-A Martínez, a ver se devolve a visita que me debe.
-E a DJDaCosta, que tamén debe unha chea delas.

(xa está, non?)

Alguén sabe onde hai chester?

Filed under: Si home si

chester
“Non o vendo”, “Esa marca está agotada”. De varias formas e distintos tons, en todos os estancos que probei toureáronme e pinchei en óso á hora de mercar tabaco. Todo porque pedía unha marca que baixou de prezo.

“Es que perdimos un millón de pesetas al comprarlo al precio de antes y tenerlo que vender al de ahora”, confesáronme nun. “Pois moito ganan cando suben, que é sempre”, saíume. Empecei mal o día, e non foi a mellor. Tan a peor, que invoquei en silencio á oposición. (more…)

1 February, 2006

Nunca Hamás?

Filed under: Si home si

Aqueles que defenden que as eleccións non sirven para nada atravesan unha mala época. As últimas que se celebraron mundo adiante demostran que cando gaña quen non debería, ata uns resultados electorais son apaixonantes. O último caso de voto que saíu pola culata é o de Palestina, pero antes foi Bolivia e non son os primeiros nin serán os últimos exemplos nos que o soño da democracia produce monstros, considerados desde o punto de vista dos demócratas de toda a vida. (more…)






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here