Paseando a M. Rajoy

Todos lemos, escoitamos ou vemos o duro peregrinar do presidente do PP –sangue, suor e ferro, Rajoy cabalga- pola diversa xeografía española, apañando vontades e sinaturas para que todos sexamos iguais e solidarios, privilexio consolidado que estamos a piques de perder por culpa dos cataláns. Todos o lemos, etc., pero eu –vantaxes de ser xornalista- asistín onte ó advenimento mariano á Coruña, en concreto ós Cantóns. Desde o de Sánchez Bregua, onde está a sede do PP da que saíu rodeado de todo tipo de dirixentes, novos e vellos, boinas e birretes, ata o Grande, onde o agardaba unha carpa puntiaguda e unha chea de xente, como nas xustas medievais das películas.
A importancia política do paseo xa a teñen aquilatada noutros medios, pero saquei outras conclusións. 1.- O duro labor dos escoltas, indo diante comprobando coches e contedores (¿como se distingue unha bolsa de lixo botada a deshora dunha posible bolsa-bomba?). 2.- O ben levada que é a xente do centro-dereita: un que hai pouco máis dun mes aseguraba que os outros eran a extrema dereita, departindo alegremente cun dos ex-presuntos cabezas rapadas. 3.- Quen tivo, retivo. Fraga foi o máis abrazado. Unha señora, despois de achuchalo, espetoulle: “Siga así conservándose” (¿quererá decir o mesmo que “Siga conservándose así” ou hai un matiz semántico que se me escapa?). 4.- Rajoy, de todas formas, non se queda atrás. “¿Puedo?”, dixo unha velliña, intimididada polo cerco de xornalistas. “Puede, señora, puede. Y béselo, que le encanta”, respondeulle unha periodista madrileña antes de decatarse que había micrófonos abertos cerca. 5.- A experiencia é un grado. Coa enerxía que dá a práctica de conductor de masas e seductor de vontades, Baltar (sénior, aínda que o júnior tamén andaba por alí) era o máis efectivo á hora de recadar apoios: “Señora, ¡Señora!, ¿quere firmar?” decíalle a unha, á que acabou tirando da manga, ata que intercedeu María Jesús Sainz: “Ya firmó”. “A ver, caballero, firmando, venga, venga”, proseguiu o presidente ourensán, incansable e inalterable pese a que xogaba no que hai dous meses era campo contrario. 6.-Hai xente destemida. “¡Ide traballar, fachas”, berroulle un mozo á concurrencia. 7.-A río revolto… A que máis beneficio efectivo sacou do acto foi unha moza que fixo todo o itinerario pedindo esmola en base a que o home lle pegaba (Arsenio Fdez. de Mesa e eu picamos e evitamos unha bronca cunha enerxía impropia dunha maltratada que lle caeu a outros que se resistiron). 8.- Rajoy sería un tipo simpático se non se dedicara á política e seguira sendo, por exemplo, rexistrador da propiedade (e miren que soa mal ese oficio). “Este es el sitio donde está mejor ordenado este follón de las preguntas”, asegurou pimpante cando o seu servicio de prensa o sacou de toriles para as declaracións. El tamén é ordenado. Tanto que, antes de que lle preguntaran –en provincias somos tímidos- dixo: “casi primero echo un discurso” e logo, por se os de atrás non escoitaban, repetía en alto as preguntas que lle facían. O cortés, de todas formas, non quita o férreo: os intentos do alcalde de Ferrol, Juan Juncal, de colocar a Fraga e Feijoo a carón do simpático líder non prosperaron.
Ás 20,00, oito horas e 2.800 sinaturas despois , saquei a conclusión nº 9: Que pouco dura o glamour. Dous aterecidos militantes anónimos atendían na escuridade ós seguidores da igualdade e a solidariedade que, pinga a pinga, se achegaban a deixar a súa sinatura. Eso si que é sangue, suor, etc.
(martes, 7 de febreiro de 06)


Ostras, coincidín na Coruña coa meirande concentración de talentos por metro cuadrado despois de Tómbola, e perdinma por andar desinformado. Coa cantidade de bolis e mecheros que me podia ter axenciado gratis… ¿Saben si hai camisetas en plan “Mariano Rajoi on Tour. Xira Referendo-2006” ou algo así?
Comment by F. Miguez — 6 February, 2006 @ 11:11 pm
Non, había camisetas con algo así como “Somos un sólo corazón”.
Comment by sihomesi — 6 February, 2006 @ 11:15 pm
Quédome coa frase no edificio de R, por se acaso ten unha mensaxe oculta ademais da evidente comercial: “Todo o mundo sabe que as marcas brancas teñen a mellor relación calidade-prezo”.
Comment by mourullo — 6 February, 2006 @ 11:50 pm
Home, sr. sHs, non se me pase…. que Milord Mariano pudera ser, en calquera outra circunstancia que non fora a política, “un tipo simpático”... hummmm….. xa ten revisado o seu colesterol? Seguro que non lle botan algo no palmál?
Comment by eSedidió — 7 February, 2006 @ 12:05 am
E que protesten tamén contra a terminal4 do aeroporto madrileno,por riba de costar 6200 millóns,a facturación automática pódese facer en galego,catalán e euskera! Alguén imaxina cousa parella en Toulouse?...´como dice Rajoy nunha arroutada de francofilia inédita nos rancios nacionalistas espanois….
Por certo,aproveito este influinte e prestixioso blog para contarlles que eu sigo a apanar sinaturas a prol da mina futura relación con Kate Moss,da igualdade, e contra a discriminación.Un día destes monto a mesa petitoria diante do mercado de Elvina.
Comment by Alfonso Pardo — 7 February, 2006 @ 1:09 pm
A ver si pillo o circo este do PP en Vigo ou Pontevedra para me facer con unha camiseta de esas (gratis, claro). ¿Ou decidiron que xa fixeran bastante “estado” en Galicia e non han volver hasta as municipais?
Comment by F. Miguez — 7 February, 2006 @ 5:49 pm
Vaia sorpresa agradable levei esta noite pouco despois das dez!
Definitivamente, mestoyquitando das tertulias da SER e aficionando de xeito inexorable ás da Radio Galega.
Comment by mourullo — 7 February, 2006 @ 10:52 pm
Con todo o cariño, Mourullo, ¿non será da CIA?
Comment by sihomesi — 7 February, 2006 @ 11:39 pm
Esa pregunta non pode ser contestada. Con todo o cariño tamén.
Comment by mourullo — 7 February, 2006 @ 11:59 pm
Mimadre!, foi sen querer, de verdade.
Comment by sihomesi — 8 February, 2006 @ 9:13 am