Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

9 March, 2006

Bye, bye

Filed under: Si home si

En realidade, púxenlle este titulo como alusión a un chiste que fixo contra o lema do PNV [Bai, si] nunha campaña electoral, pero podería ser The Long Goodbye,como a novela de Raymond Chandler, porque a despedida de Francisco Vázquez está sendo como aquelas mortes do primeiro cine negro, nas que, logo de apañar un tiro, o protagonista aínda agoniaba un rollo enteiro de película, con tempo para facer chistes, arrepentirse ou decir aquelo de “dile a mi madre que…”

the long goodbye

Non puiden asistir á pompa e circunstancia da grande finale do teórico concello aberto do mércores pola noite, pero a despedida que fixo o aínda alcalde a mediodía á prensa e ás tropas municipais foi un perfecto símbolo dese case cuarto de século de reinado vazquil na Coruña. Se me permiten a falta de elegancia de difundir actos privados, na recepción á prensa (que comezou cun incisivo chiste anónimo e endoprofesional: “ahora cerramos las puertas y abrimos la espita del gas”), Paco Vázquez pediu perdón polos posibles pecados cometidos contra a tropa dos plumillas, e quedou como un cabaleiro, porque pedir perdón en xeral é algo que non custa demasiado –nin siquera ós católicos que a maiores teñen que facer propósito da enmenda- pero é o mínimo entre xente educada. Eloxiou a libertade de información, pero sobre todo de opinión, e deixou claro con todo que lle traían un tanto ó pairo os sapos que calquera personaxe público ten que almorzar algúns días –no seu caso, poucos e determinados-. Fíxose unha foto con todos, e mesmo unha comigo (“aquí una con El Látigo”, ironizou campechano). En resumo, fixo gala do seu demostrado encanto persoal nas distancias cortas, independentemente do trato nas largas.
O acto exterior, a ofrenda floral a María Pita (“en plan demagogo, podría decir que es un homenaje al Día de la Mujer Trabajadora”) retratou en dez minutos A Coruña actual. Na fachada, revista ás tropas municipais e logo miniconcerto simbólico da banda: Marcha do Antigo Reino de Galicia para o momento litúrxico, o La, la, la como travesura entre intelectual e lexionaria (que algunhas chicas das radios asumiron facendo coros) e Suspiros de España como resumo final. En contraste, no fondo da praza, o persoal municipal cabreado facendo de coro grego (“Hola, don Francisco/Hola, don Javier/me voy pal Vaticano/si pudiera, yo también”) ou pedindo bises. Como apreciarán os expertos, todo muy coruñés.
Soamente un matiz, un tanto galaico. Suspiros de España,do maestro Álvarez (Antonio) non é unha recreación da morriña patria. O compositor púxolle ese título por uns pasteis (avelás con caramelo) chamados “suspiros”, especialidade da Confitería España de Cartagena, sita enfrente do café onde lle veu ó autor a inspiración do pasodoble. Como lle comentei, quizais demasiado campechanamente, no acto interior e anterior, dentro do xénero podía ter escollido co mesmo fundamento, Francisco Alegre ou Paquito Chocolatero.

(para xoves, 9 de marzo de 06)

4 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2006/03/09/bye-bye/trackback/

  1. Nom tardaremos em ver a Sir Paco por aqui outra vez. As eleiçons municipais estam perto e o ascensor do monte de Sam Pedro por facer. Como nom creio que lhe deixem inaugurar nada na praza homonima do Vaticano terá que vir aqui como experto em relaçoms sampedrinas para cortar a fita no momento oportuno.

    Comment by Verme Guilherme — 9 March, 2006 @ 2:14 pm

  2. Así que acade o bispado para o reino de La Curuña xa poderá rachar a súa relación con Santiago (co arzebispado) e voltar ó reino (que non nación) pola porta grande.

    Comment by Ghanito — 9 March, 2006 @ 9:18 pm

  3. Remata o mandato e comeza a lenda…. Onte escoitaba a unha persoa “de derechas de toda la vida” e votante confesa de Paco, cando trataba de deixar claro que non era vazquista en exceso, que lle criticaba ao agora alcalde saínte que no primeiro dos seus mandatos só falaba en galego e que, cando o nomearon, convidara aos coruñeses desde o balcón de María Pita a subir á planta nobre do Concello para tomar uns viños e os visitantes deixaran todo feito unha porcallada… Quen lle diría a Domingos Merino, alcalde nacionalista en 1979, que anécdotas repetidas ad absurdum do seu movido mandato rematarían adxudicadas a Paco Vázquez!

    Por certo, xa que fala de periodistas que facían coros no “La la la”, sempre me produciron certo fastío ese feixe de risas, en ocasións abertas gargalladas dunha parte da profesión, que aprobaban as ocurrencias máis ou menos ferintes de Vázquez nas roldas de prensa…

    Comment by mourullo — 9 March, 2006 @ 9:46 pm

  4. Esta vez sí que pudo facer gala da posta en esecena que lle gusta, o Sir Vazquez, cos beefeaters e toda a guardia con uniforme napoleónico. Pero… a ver si esta sí que sí.
    Respecto ó tema das disculpas, poca utilidade ten pedir perdón despois de meterlle a un o dedo no ollo ¿non lle parece?
    Por certo. Esa xente con uniformes antigos ¿son policías municipais? ¿ordenanzas do concello con pouca autoestima? ¿ou unha compañía de teatro contratada ex-profeso? E ademáis ¿seguirá esa parafernalia despóis da partida?

    Comment by F. Miguez — 10 March, 2006 @ 11:57 am

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here