Tráfico

A todos se nos encolleu o espírito cos accidentes de tráfico desta semana santa, incluso cos espíritos previamente encollidos polo despliegue de capuchóns, sangue, fervor e lágrimas que inundou as televisións estes días. Como estas vacacións non teñen fío conductor ningún –nin o sol/mar do verán, nin a familia/regalos do Nadal- o tráfico e as súas circunstancias –número de desprazamentos, puntos negros, operacións antes de entrar deixen saír- etc., é o protagonista mediático desta época, pero aínda así, a sinistralidade que houbo estes días é unha traxedia.
De feito, a campaña da DGT, (“¿ten pensado morrer de accidente nestas vacacións”) era ben besta, tanto porque era real no fondo como algo frívola na forma. O mesmo que aquela mensaxe nos letreiros electrónicos que indicaba “105 mortos Semana Santa 2005”, que parecía tanto unha advertencia como unha chamada á competitividade. “A campaña é algo salvaxe, pero é que non hai maneira de meterlle na cabeza á xente que a maior responsabilidade é dela”, decíame un experto do sector. De feito, no máis tremendo dos accidentes en Galicia, nese no que un mozo de 18 anos sen carné pero con coche propio matou a catro motoristas e á súa propia nai, polo que se sabe é difícil atopar outro culpable que el propio. Ben, el e quen lle mercou o coche, e o deixaba guiar habitualmente, mesmo para levar á súa irmá pequena ó colexio, segundo calaron os veciños. Por non falar deses compañeiros seus, que pasaron o trago do enterro ameazando polo baixo á televisión, como se desta vez tivera a culpa de algo. Non parece que en casos coma este sirvan de moito campañas, clases de educación viaria e similares medidas preventivas.
Por esta razón, porque é un problema irresoluble, é sorprendente que a actual Xunta (a anterior debería reflexionar sobre ese modelo de vías rápidas que construíu no Salnés e no Barbanza) solicite as competencias de tráfico, aínda que habería que ver se neste tema, como nos demais, aquí nos dan os medios proporcionais ó tamaño do problema ou para ir tirando-total-como-non-se-queixan. En Galicia teño claro que as competencias de tráfico deberían ser transferidas ós concellos, sobre todo ós pequenos. A maioría das mortes de rapaces prodúcense cando van ou veñen –normalmente veñen- das copas, actividade que nunha cidade se pode acometer a pé ou en taxi, pero no rural ou semiurbano, non. Así que ninguén mellor que as autoridades locais, que coñecen as idas e vidas, atallos e pistas, para controlar os desprazamentos da mocidade.
-¡Alto aí, Menganiño!” –pararía o alcalde ou concelleiro de Tal á xente nova que se dispuxera a montar no GTI- ¿Onde pensas que vas? -Vou un momentiño a Cal, que quedei cos colegas -respondería o sorprendido rapaz.
-Diso nada, pousa o coche e quedas por aquí a mazarte, se queres.
-E que aquí non hai ambiente ningún -rosmaría o contrariado
-Claro, ¿como o vai haber se vos ides todos por aí? –concluiría, chea de razón, a autoridade.
E así paliaríanse dous problemas: o dos accidentes e o da falta de dinamización das pequenas vilas, aínda que quizais repuntase o da escaseza de vodas e a caída demográfica. A algúns esta proposta pareceralles unha frivolidade, pero as medidas de verdade, como os controis automatizados das infraccións, endurecemento do código penal, transporte público en serio, son máis caras e menos populares.
(martes, 18 de abril de 06)


ufff se a min pasou-me o mesmo, ainda que tiven máis sorte e esquivei aos das motos, ainda asi e será pola adrenalina xerada en esceso, o tunning do meu Golf crakeado, a música de Camela e dos Chunguitos, de conducir sen mans, de sacar fotos ao voante, dos trompos para presumir…ou que queirades…
!
Para min non está tal mal que a xuventude se mate cada fin de semana por seguir o chunda-chunda masivo.
Veredes, vendin un par de leiras, din finiquito ao traballo e merquei parte dunha FUNERARIA.
Incluso estou pensando en ataudes e coroas para amantes do TUNING. QUE PASSAAA NENNNGGS
Comment by suicidalvolante — 18 April, 2006 @ 8:40 am
Xa tardan en demandar as competencias de tráfico! O alcalde ou o concelleiro gañaría trato coa cidadanía. Aínda que, certo, polas bravas ao principio. E o ano que vén hai eleccións locais…
Comment by mourullo — 18 April, 2006 @ 5:26 pm
Amenidades imprescindibles para non caer no sermón aparte, é curioso o argumento para a non transferencia das competencias en base a que non esá demostrado que se reduza a sinistralidade. Aparte de que non sei (en Cataluña, por exemplo, si) o que si é evidente é que a xestión do tráfico pola administración central en Galicia si que é un fracaso.
Comment by sihomesi — 18 April, 2006 @ 5:53 pm
Si me puxera a largarlle sobre o choio, faríame falla un blog enteiro para a cantidade de cousas que hai que dicir e, sobre todo, facer. Así pois, sin entrar en detalles, fágolle tres observacións:
1º O do tipo que levou por diante a catro motoristas e a súa nai, non é un problema de seguridade vial en sentido estricto, como no caso de Farruquito, e outros. Non son accidentes de conductores “normales” en cuircunstancias “normales”, o bulto das estadísticas, senón casos illados de tipos que, igual que conducen sin acreditar a súa aptitude, poderían portar unha pistola ou calquera cousa.
2º En Portugal, a maioría dos pórticos luminosos sinalan, por defecto, a hora. Sen dúbida, unha información máis valiosa que as consignas con moraleja da escola “Arbeit Macht Frei” ou “Mantén limpio y ordenado tu puesto de trabajo” que lucen as españolas. Ademáis de indicar os tramos en obras, ou as condicións meteorolóxicas extremas, cando non tañan nada urxente que comunicar, que coloquen información do tipo “Tráfico denso de camiones”, “Velocidade media do tráfico menor de 60km/h” ou incluso, como nas notas que lén os copilotos, “Curva que se pecha a 750m”. Sería máis fácil de entender e aplicar para a maioría de nos.
3º De frivolidade, nada. O desplazamento máis seguro é o que non se fai. Así que, sobre todo no particular caso de Galicia, volver a levar o esparcimento, e tamén o comercio (tradicional) ós pequenos núcleos de poboación, xunto con unha política de transporte público eficaz por consigna (lonxe da capacidade que suele demostrar a clase política), sí podería mellorar bastante as nosas estadísticas, entre outras cousas.
Comment by F. Miguez — 18 April, 2006 @ 6:44 pm
Para non querer entrar en detalles… chejoume de raio :S
Comment by F. Miguez — 18 April, 2006 @ 6:45 pm
No das transferencias os que saben do tema o teñen moi pero que moi claro. Outra cousa é que lles fagan caso.
Comment by mourullo — 18 April, 2006 @ 9:23 pm
O alto de Taboadela-Allariz ten na súa contabilidade uns 20 mortos en accidentes. Está nun cruce entre a estrada nacional 525, a dos antigos accesos a Galicia, e a antigua 525, que vai de Taboadela a Allariz. Pois ben, antes de facer a nova autovía tiña un tráfico inmenso; os coches pasaban a máis de 120 por hora, cado sinala 60; o cruce está despois dunha curva moi aberta ao finalizar un rasante polo que pódese ir a tope. Na actualidade como,afortunadamente, se abriu a autovía, diminui moitísimo o tráfico e os accidentes son mínimos, malia iso, aínda houbo algún morto de choque que eu presenciei. Sen ánimo político nengún, nin de polemizar, eu vin, cando estaba esperando para pasar o cruce, pasar a comitiva oficial do antiguo Presidente, Sr. Fraga, encabezada por motoristas da Garda Civil e pechada por un coche do mesmo corpo, e dous ou tres coches máis en medio, a máis de 150 km. por hora; o día seguinte lín no xornal que tivera non sei cantas inauguracións. Fun algunhas veces, por razóns profesionais, no coche oficial de algún político na actualidade en activo e pódolle asegurar que se pode ir a 170 km/hora na estrada non vai a 80; sempre van dun lado para outro con toda a presa do mundo. Agora ben a pregunta e a reflexión: ¿Se quen teñen que dar exemplo son os primeiros que incumpren, como non vai haber accidentes?
Teño lido que en Inglaterra ata multan aos ministros e os membros da familia real, ¿cre que se atreverían a multar aquí a algún? e de facelo ¿pagarían a multa? O que fai falta é educación e cultura.
Comment by carqueixa — 19 April, 2006 @ 5:07 pm
Somos uns fenómenos, e conducimos mellor que ninguén, e chegamos de aquí alí na metade de tempo. Así nos vai.
Se os nenos ven ós seus pais correr, (nomeadamente neste caso, que, para acabar de cagala, mercoulle un deportivo “fardón” e o deixaba correr sen carné) correrán eles tamén, e a mesma cousa é conducir bébedo.
A educación vial, como toda a educación, non pode empezar na escola. Ten que empezar na casa, seguir na escola e rematar na rua. Porque se non comeza na casa, mal vai rematar a cousa na estrada.
Comment by Ghanito — 19 April, 2006 @ 6:25 pm