Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

11 May, 2006

Timo da estampilla

Filed under: Si home si

“350.000 españoles afectados, los Reyes en el Fútbol, Zapatero diciendo que España marcha muy bien y Zaplana preocupándose que castiguen a los policías y 350.000 familias con sus ahorros perdidos, más de uno sin dormir en la noche. Yo le digo al presidente que arregle este tema y por lo menos que nos entreguen lo pagado porque si no lo hace perderá las próximas elecciones”. Esta é unha das opinións verquidas na caixa de desafogos que abriu a edición dixital dun periódico sobre o rebumbio económico filatélico. O asinante non tería moito discernimento á hora de investir, pero é espilido como un allo á hora de resumir o estado da cuestión.

Eu, de neno, coleccionei selos. Pedíallos ós fillos de emigrantes e buceaba na súa procura nos caixóns das casas dos avós. Supoño que era un sistema de ter nun álbum anacos de todas partes do mundo, recordos de xente pasada que contaba a súa vida por carta. Para min, que o auxe da filatelia tivo que ver coa época en que xa se sabía do moito mundo que había, pero había poucas posibilidades de visitalo. Agora que hai micropaises que teñen na edición de selos para coleccionistas a súa principal fonte de divisas, e que as rarezas antigas deben estar xa a bo recaudo, non entendo como o mercado filatélico dá para que invista nel case un de cada cen españois. Claro que tampouco penso moito no asunto: o meu problema non é onde meto o diñeiro, senón máis ben de ónde o saco.
Con todo, o presunto estafado e declarado queixoso ten razón en disparar cara arriba. Coa tradición española dos macropufos (o estraperlo, Matesa, Sofico, Gescartera, Marbella…) é sorprendente que unha empresa que está entre as cen primeiras de España por facturación, un sector sobre o que xa había alertas de expertos e de organizacións de consumidores e unhas sociedades que entregaban intereses mensuais coma un banco (ben, máis ca un banco) camparan alegremente, reguladas pola mesma normativa de consumo ca unha charcutería pouco escrupulosa coa hixiene dos productos. Neste caso, e nunha chea deles máis (algúns ben próximos) parece que en cuestións legais o tamaño si importa: as leis soamente che afectan se non es o bastante grande. Como cidadán solidario, agradézolle ó Goberno iniciativas como autorizar o matrimonio homosexual, pero como cidadán egoísta rogaría que centrase agora a súa acción en medidas de igual cariz progresista e europeo pero de maior esforzo, como evitar que nos rouben a maioría das grandes empresas de servicios. E así de paso, evitariamos que pasara o que apunta a outra liña de pensamento do queixoso de marras: que o Estado –todos nós, aforradores ou gastadores- estea obrigado a resarcilos. No devandito foro dixital, alguén que se identificaba como asesor financeiro de Inditex (e non o debía ser, porque desapareceu ou non dei atopado o comentario) aseguraba que os activos de Fórum eran de 3.000 millones de euros, que cubren o 446% das obrigas contraídas cos seus clientes. Pero si se confirma que o Fórum e Afinsa eran dous negocios piramidais, no que os primos vellos cobraban co diñeiro dos primos novos vai pasar como pasou con Banesto, que teremos que apandar coas consecuencias dunha cegueira dobre: a dos controis da administración e a da prudencia dos accionistas.
Como me dixo na miña época coleccionista un tío meu, filatélico de verdade, “tes algúns exemplares que valen algo, sempre que haxa quen chos compre”.

(xoves, 11 de maio de 06)

21 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2006/05/11/timo-da-estampilla/trackback/

  1. Nada xefe. Si dúas persoas dicen que dous máis dous suman catro,ninguén pensará que copiaron un polo outro.

    Comment by F. Miguez — 11 May, 2006 @ 9:34 am

  2. Un profesor meu contaba que botara dous anos (creo) para conseguir demostrar as Ecuacións da Mecánica Analítica de Lagrange (sí, é tan malo como parece) a partir da 2ª lei de Newton. Cando o coseguiu, xa tiña tiña todo listo para publicalo nun artigo, pero a casualidade levouno a dar con un libro da Ed. Mir (Moscú) no que aparecía a mesma demostración, feita por un soviético moitos anos antes. Foiselle todo ó garete, claro.

    Comment by F. Miguez — 11 May, 2006 @ 9:53 am

  3. Xa dilecto Míguez, pero é que a maiores, na versión de papel, polas puñeteiras presas, mandei o documento co título provisional

    Comment by sihomesi — 11 May, 2006 @ 9:54 am

  4. Falando das inspiracións extemporáneas, nunhas entrevistas que perpetrabamos outro e eu, Juan Pardo comentáranos que pasara toda unha noite tentando sacar unha canción sobre uns acordes de piano que lle parecían excelentes (pan-pán, pan-pan-pán, pan-pa-pa-pán…). Ó raiar o día saíralle “My Way”.

    Comment by sihomesi — 11 May, 2006 @ 9:58 am

  5. Meu fillo, que ten 14 anos, é árbitro de fútbol, co que vai cobrando cada fin de semana saca uns cartiños que eu, por medio dun comercial de Afinsa amigo meu, investín facéndolle un contrato de 100 €uros ao mes, todo isto coa intención de que cando tivera 18 anos puidera mercar un coche de 2ª man e xa fora el aos partidos sen ter que levalo eu.
    O contrato era que me garantían un 5% e só tiña a obriga de telos coma mínimo 2 anos sen podelos sacar da conta. Como pode apreciar non se aloxa moito do mercado; hoxe fun a Caixa Galicia e fixen outro a nome da muller, tamén 100 €uros ao mes, e dannolos ao 2,7 %. Non é tanta a diferencia (se o vemos en porcentaxe si, é un 50%, que é unha barbaridade).
    Ven a conto todo isto de que algún mecanismo de control ten que haber, para algo está o Estado, non digo que teñan que devolverche os cartos pois se a avaricia levouche a querer acadar o dobre de intereses a resposta é ¡ a foderse toca!, mais que unha empresa desas dimensións leve máis de 20 anos operando e que non a detecten antes é que algo falla no sistema, ou que o sistema ese é o que se quere.
    Eu só perdín 1.300 €, pero o meu amigo, o axente comercial, perdeu o traballo, os seus aforros, os dos seus pais e os dos seus sogros.
    A verdade é que só se me ocorre dicir que é a hostia.

    Comment by carqueixa — 11 May, 2006 @ 1:34 pm

  6. Eu son heterosexual,pero considero que o matrimonio homosexual benefíciame moito.Canto menos reprimida ande a xente, millor…
    PD.A miña solidariedade para o amigo do señor carqueixa.

    Comment by Alfonso Pardo — 11 May, 2006 @ 3:18 pm

  7. Si, eu tamén cheguei a esa conclusión, que é a hostia, pero como tiña que encher, botei man da miña pouca capacidade de entender fenómenos económicos. O tráxico de todo isto é que toda unha chea de listos que tiveron responsabiliades no asunto económico, desde Solchaga a Solbes, pasando por Rato e de volta a Solbes, por citar soamente ós que saían nas fotos non chegaron á conclusión de que os selos non se revalizan como un quere.
    PD.- A ver se alguébn localiza o post que fixo o teórico asesor de Inditex no blog de EL PAIS a favor da solvencia do Forum. Copiei o texto pero non a url, e logo non o dei atopado outra vez. Ou non era de Inditex e quitárono, ou era e quitárono con máis razón

    Comment by sihomesi — 11 May, 2006 @ 3:22 pm

  8. Estimado Pardo: creo que desta vez non me expliquei mal, e deixei claro que a legalización do matrimonio gay beneficiou a toda a sociedade, por razóns evidentes e polas que Vd apunta. O que quero decir que están moi ben medidas de efecto ás que se acolleron un milleiro de persoas, pero a ver se adoptamos , ou abrimos debate, sobre outras que afectan a millóns.

    Comment by sihomesi — 11 May, 2006 @ 3:27 pm

  9. Ben sei,ben sei,e cónstame o carácter progresista de sHs.Hoxe estoulle moi susceptible.Para rematar diría que estou en contra dos liberais do Opus(Sísanche os cartos nos mercados financieiros e non che deixan alegría algunha para o corpo).Esixo polo tanto liberdade sexual e control para o capitalismo salvaxe :)

    Comment by Alfonso Pardo — 11 May, 2006 @ 3:49 pm

  10. Que ten que ver a libertade sexual co matrimonio?, máis ben son opostos… Sempre dixen que a medida verdadeiramente progresista sería anular o matrimonio, non extender o seu uso

    Comment by sihomesi — 11 May, 2006 @ 3:58 pm

  11. Tócame de preto o tema, porque ós meus sogros fodéronlles cartos, ainda así paréceme unha coña que teñamos que apandar todos ca hostia que levaron.
    É certo que non se controlou como se debía, pero os responsables (que xa se mencionaron) marchan sen problema e teremos que pagar os de sempre.
    ¡Pois manda carallo!

    Tampouco me sorprende, claro.

    E tamén é verdade o das melloras, sempre se fai o que non custa cartos, cambiar leis pero sen comprometer o orzamento (a non ser que leven unha comisión)

    Comment by Ghanito — 11 May, 2006 @ 7:02 pm

  12. Totalmente dacordo coa importancia que ten o asunto. Pero a min o que me mosquea é a coincidencia co que está a acontecer en Catalunya. Despois de ter o Estatuto até na sopa nos últimos meses resulta que a ruptura do governo catalán propiciada polo Estatut non pasa agora de segunda plana…Non vou caer nos argumentos tendenciosos dalgún comentarista como Pedro Arias pero a verdade é que estos do PSOE sonche uns auténticos “profisionais” da política e da “profisionalidade” política á intoxicación mediática haiche dous pasos.

    Saúdos

    Comment by Nygard — 11 May, 2006 @ 7:36 pm

  13. Home, non hai que ser mal pensados. En vez de supoñer que se adía ou adianta unha operación mediático xudicial tamén se pode ver como que “agora que o persoal está pendente dos selos, rachamos o tripartito.

    Comment by sihomesi — 11 May, 2006 @ 8:05 pm

  14. Vaia, aínda sachei na leira fai un rato sobre esto último do que falan. Pero agora veño como localizador: benquerido sihomesi, imos ver, o post agora missing do teórico asesor de Inditex no blog de El País a quen se viña parecendo máis, ¿a papá ou a mamá?

    Comment by mourullo — 11 May, 2006 @ 11:04 pm

  15. Gracias, Mourullo, e desculpe a sobrada´e a comparación, pero xa sabía eu que touro acabaría entrando ó trapo e botando unha mao. De todas formas, o que me sigue parecendo é que o post foi eliminado do blog do País

    Comment by sihomesi — 12 May, 2006 @ 8:28 am

  16. Sr. Mourullo, ten vostede auténtico perigo :-) . Avise cando monte unha axencia de detectives.

    Comment by eSedidió — 12 May, 2006 @ 9:31 am

  17. Xa me enterei do intríngulis do asunto. Evidentemente, o tal Caramés non traballa como asesor de investimentos en Inditex, departamento que non existe. O seu post que é vello, como demostrou o Grisom da rede, e feito posiblemente para calmar sospeitas anteriores no mundo filatélico foi eliminado de El País cando comezaron a chamar medios a Inditex preguntando polo tal Caramés.
    En fin, un dos poucos inconvenientes de internet, que ten conta do que lle poñen.

    Comment by sihomesi — 12 May, 2006 @ 9:56 am

  18. Perdón pola teima,pero o casamento gay é paso fundamental para calquera sociedade,e en especial,para as sociedades patriarcais e conservadoras do sur de Europa.

    Dito isto,eu estou en contra de casamento todo(estou solteiro),do relixioso,das unións civís e das parellas estables.Estou a prol do amor libre,dos tríos,e non vou seguir,non vaian pensar que quero facer dun blog serio e respetable coma este unha sección de contactos…ou …unha casa de citas :)

    Comment by Alfonso Pardo — 12 May, 2006 @ 4:01 pm

  19. Que si home que si, que xa nos invitará á voda.

    Comment by sihomesi — 12 May, 2006 @ 7:03 pm

  20. Ai, Alfonso, vostede é un puto crack. Pode contar coas arras da miña familia.

    Comment by Matías Bruñulf — 13 May, 2006 @ 5:50 am

  21. Benqueridos sHs e Bruñulf:pois queda amañado o convite.Aínda que non sexan coruñeses,xente coma vostede dá moita categoría a toda festa,mesmo a unha cousa cutre e inmoral como é un casamento.

    Comment by Alfonso Pardo — 13 May, 2006 @ 11:56 am

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here