Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

1 June, 2006

Debate do todo e a nada

Filed under: Si home si

Todo nesta vida ten a súas servidumes. Ataco esta columna sobre o Debate del Estado de la Nación (DEN) co mesmo entusiasmo co que afronto as visitas ó dentista. Son obrigas suponse que inevitables, e a de opinar sobre os intríngulis do DEN debe selo, porque o fai todo o mundo, e algúns incluso despois de soportalo atentos e tomando notas. Particularmente, o formato paréceme tan caduco como o da Copa do Rei, e as consecuencias de ganar ou perder igual de irrelevantes, coa diferencia de que no debate non existe a posibilidade de que triúnfe un equipo pequeno.

O DEN como xénero político-audiovisual creouno Felipe González coa intención de fomentar a presencia social do Parlamento ou coa de conseguir que Fraga aparecera moito e seguira cavando o seu propio pozo político. Daquela a cousa pitaba porque era unha novidade, os protagonistas e os asuntos a debate tiñan máis altura (máis ou menos, a mesma evolución que Gran Hermano). Agora, como a clase política anda todo o día a intercambiar fogo cruzado, chegan ó DEN completamente extenuados, coa munición gastada e sen máis remedio que acometerse á baioneta ou limitarse a decir “pum!” desde a respectiva trincheira. En anos anteriores optaron maioritariamente por trabarse corpo a corpo, pero nesta ocasión escolleron o de facer que disparaban. De feito, os temas a debate oscilaban entre o todo –“¿que es España?”- e a nada –a inseguridade-, que é unha maneira de asumir que non se vai discutir.
O de que é España é un asunto metafísico de máis para debater noutro lugar que non sexa un seminario filosófico, ou o bastante primario para que non saia do foro dunha barra de bar. Os teóricos do asunto van desde Paquita Rico e outras (sector primario inocuo) ata José Antonio Primo de Rivera (sector metafísico pero práctico). Primo de Rivera (que para os non avisados non era parente dos Hijos de Rivera, a pesar de que a avenida que lle dedicaron na Coruña está preto da Estrella Galicia) acuñou a famosa definición “Una unidad de destino en lo universal”, cuia aplicación práctica foi destinar ó máis alá ós refractarios a ese concepto. Daquela vén a desgana xeneralizada en polemizar sobre o asunto. O debate colateral sobre a “situación de España” (a punto de romperse ou en estado harmónico, patas arriba ou en evolución consolidada) é outro exercicio retórico, porque que saberán de situacións reais xentes que aseguraron que a vida non subiu coa entrada do euro.
No que toca á inseguridade, e con todo respecto ós afectados, que nos van contar a nós de roubos en chalés. Aquí cada X anos prodúcese unha chea de asaltos a casas de aldea onde viven patróns ós que maltratan ata que lles sacan en que viga gardan os cartos. O que pasa é que os vellos non chaman ós medios de comunicación nin se queixan ó seu deputado. E quizais os medios de aquí non contribúen bastante á alarma social pregoando conceptos como “banda organizada” (calquera banda o é, quitado as agrupacións locais dalgúns partidos) ou aplicándolle a descrición “vivían como guerrilleros” a unha tropa que se agachaba nun monte, cun botín que na maioría dos casos nin cho levan da casa os do Centro Reto.

E todo eso para zafar de asuntos que saben que non poden amañar, como a onde vai parar o euribor, se é que para.

(LA OPINIÓN, xoves, 1 de xuño 06)

3 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2006/06/01/o-todo-e-a-nada/trackback/

  1. ¡Ahí quería chegar eu! O de “¿Qué es España?” igual llo preguntamos ós nenos de catro anos e xa nos facemos unha idea exacta do asunto. Pero non estaría de máis que se esixira ós políticos que arreglen a inflación (sobre todo a dos primeiros anos do euro, a que se disimulou cambiando os métodos de cálculo), a especuilación, e outros males con algo máis que un “estamos en el buen camino”.

    Comment by F. Miguez — 1 June, 2006 @ 10:41 am

  2. Pois parece que algúns aquí agardaron ao seguinte suceso violento para amosar a súa potencialidade neso da alarma social, con titulares como Nuevas formas de criminalidad, onde pouca novidade hai, ou ese impagable Criminales con técnicas del Este, pero que hablaban gallego, onde Leste é igual a “extremadamente violento” e parece que se quere contrastar co resto de criminais galegofalantes, o “bo criminal galego”, con técnicas dun suposto pouco salvaxe Oeste.

    Comment by mourullo — 4 June, 2006 @ 10:36 am

  3. Efectivamente, na miña inxenuidade non tiven en conta a potencia do “pailán power”, a desatada forza da imitación.

    Comment by sihomesi — 4 June, 2006 @ 3:34 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here