Acelerados
Realmente, a maiores do cambio climático, o Mundo este debería mandar mirarse o ralentí, a ver se é que estamos acelerados de máis. Non sei se lles pasa o mesmo, pero nestes días que queda agosto e verán para rato, a sensación que teño é de que rematou todo. Sinto a mesma anguria que me estragaba de pequeno os domingos pola tarde, ó pensar que remataba a fin de semana e o luns cedo había que reingresar no colexio. Pode ser cousa miña, pero xa me dirán se non. Ó ano xusto do goberno que aquí fixo carne o cambio político (ou mellor dito, O Cambio Político, porque era a primeira vez que aquí non gobernaba o centro, a dereita ou a postura que prefiran), hai unha crise gorda. A Fraga tardoulle unha década en aparecer o das vacas tolas (ben é certo que daquela tanto as vacas como os medios eran máis mansiños), a Felipe González demoróuselle outro tanto en emerxer o da corrupción e o GAL, e para que Aznar afrontara unha emerxencia tivo que poñerse o mundo patas arriba e el empeñarse en meterse no medio. Pero aquí abondou que se reproducise a previsible catástrofe de todos os veráns, pero máis cargada de bombo, para que abaneen os piares do noso mundo noroccidental e progresista acabado de estrear. Pase que agora non duren nada os coches nin os electrodomésticos, pero é que agora as situacións caducan con máis celeridade ca os iogures e por parecidas causas (non porque se deterioren, senón porque a caducidade estimula o consumo), ou coa froita, que en canto a sacas da cámara, máis que madurar, evoluciona.
Exactamente o mesmo que nos pasa con Paco Vázquez. Aínda estamos afacéndonos á súa ausencia, en pleno período de alivio (nas dúas acepcións: loito rebaixado ou consolo moderado), e xa nos metemos no asunto de dedicarlle o Paseo Marítimo. En poucos meses temos que disocialo do concepto alcalde para asimilalo ó rueiro. Do exercicio do cargo público cotián e tanxible á honra eterna e inmaterial do nomenclátor sen necesidade de falecemento intermedio (afortunadamente). Pasando por Roma, é certo, pero sen proceso de beatificación. A outros inmortalizados recentes, de Casares Quiroga a Alexandre Bóveda, custoulles 70 anos e unha traxectoria tan exemplar como tráxica chegar a ter, respectivamente, unha praza nas aforas e un vial sen casas. A Paco chegoulle medio ano de recordo para tomar posesión da metade do Paseo Maritimo, tanto treito que se podería subdividir en lexislaturas (Paseo PV-1983-87, Paseo PV 1987-91, etc.) De gobernar a cidade en persoa, a rodeala simbolicamente. Nin Pedro Barrié de la Maza, con ser o de Fenosa e o Pastor, ten tanto tramo (aínda que é certo que ten un dique de abrigo a maiores).
Claro que todas estas présas se poden deber a esoutra síndrome PV, a posvacacional que afecta a un de cada dous españois, segundo un estudo feito por unha asociación de cervexeiros (de fabricantes, non de consumidores). O estudo, quizais pola alegría dos patrocinadores, non especifica se o PV o padecen todos os cidadáns ou a escasa porcentaxe que pode coller vacacións, pero si o remedio: tomarse unhas cañas cos amigos e irse por aí na fin de semana. É dicir, a síndrome PV cúrase con máis do mesmo. Contra sobredose, fartura. Tanta velocidade acábase confundindo co touciño.


Aínda tardaron bastante, pense que Baltar, así como outros políticos “do outro bando” lucen placas, plazas e monumentos xa en vida. En vida política, enténdese.
De todos xeitos ¿non lle ocorre a vostede que, chegada esta altura do ano, ten unha lista de proxectos pendientes que se resignan a “a ver si cando veña a chuvia me poño a facelo”?
Comment by F. Miguez — 23 August, 2006 @ 8:41 am
Home,hai unha diferencia sustancial,Casares Quiroga e Alexandre Bóveda non eran promotores inmobiliarios,o seu patrimonio era unicamente político.
Comment by Alfonso Pardo — 23 August, 2006 @ 6:19 pm
Ah,e deixe xa de repugnantear co conto do verán e as vacacións.Primeiro non lle prestaban moito,e agora ten morriña delas.
Eu estou contento coa volta ó choio.Teño que confesar que empecei as vacacións co concerto dos rapazolos de Burning(mesmo o Ghandi perpetrou unha peza)e o Koala.Pero isto non é todo,remateinas co concerto de Camela,que como era por eiquí enriba,no barrio….
Bueno,non busco máis excusas,que eu enviciar,enviciome facilmente.Ía polo mal camiño, e millor traballar.
Comment by Alfonso Pardo — 23 August, 2006 @ 6:33 pm
Eu penso que con que o Koala lle dedicase a canción esa, xa iba ben pagho. ( PV, digho)
Comment by susolista — 23 August, 2006 @ 6:55 pm