Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

13 October, 2006

Bórrico

Filed under: Si home si

Eu son alérxico ó ácido bórico, ou alomenos todo o mundo me decía que a miña alerxia a tocar o marisco viña diso, de que lle botaban bórico para conservalo. Non sei se tiñan razón ou non, porque ó final convertinme en alérxico redondo a calquera relación co marisco, non soamente á táctil (quitado a visual, claro). Así que o bórico perdeu peso específico na miña vida.

        Unha mágoa, porque agora en que a tal substancia está en boca de todos, eu podería andar por aí de experto, dando declaracións e conxecturando vínculos islámico-etarras baseados no uso en que o uso do bórico como desodorante pedicuro estendeuse entre a militancia abertzale logo da estancia dos seus líderes en Arxel, onde trabaron relación cun muláh especialista en remedios tradicionais ou non tanto sempre que fosen contrarios ás directrices das multinacionais farmacéuticas occidentais. Home, non digo que a miña experiencia e coñecemento sobre o traído e levado bórico fose bastante para ser chamado a declarar no xulgado de Garzón (de feito, pese ó que lle achacaron unha importancia decisiva na miña traxectoria nutricional e gustativa, nunca o vin en directo, cara a cara e ignoro que pinta tén), pero si podería terciar modestamente nalgunha polémica.

         Para maior desgracia, do que si podería perorar ata o aburrimento (propio ou alleo) é do caso do alcalde Landín de (des)Barro, ese que se presentou cunha minipancarta ou macropin na comisión parlamentaria sobre os incendios e que, requerido para que apeara o letreiro (alí xa teñen uns, parecidos ós dos telediarios pero en papel, para que todo o mundo saiba quen é cada quen), ergueuse, botoulle ós presentes a culpa dos mortos polo lume e foise por onde veu. Eu podería recordar que ese señor xa non é a primeira vez que co asunto dos incendios perde non os estribos, senón o xinete (en descritiva expresión dita por un alcalde coruñés que non é o que están pensando). Botándolle á culpa primeiro ós ecoloxistas e logo ou á vez os contrarios á celulosa de Pontevedra e finalmente cualificando o desastre como “terrorismo de estado” conseguiu unha relevancia que non tivo con vinte e pico anos de mandato local. Pero o fenómeno Landín supón a aparición sorprendente en Galicia, en concreto no PP de Galicia, do homo zaplanensis, un vestixio do xurásico acebense que ata agora se pensaba que aquí non se daba. Dado que é médico, e polo tanto pasou pola universidade, desmonta a teoría que se tiña por certa de que os estudios académicos son unha forma de educación. Analizar o caso esixe unha formación científica da que carezo, e mesmo non sei que fai aquí en vez de aparecer en The Lancet, Muy Interesante ou Quo.


(
LA OPINIÓN, xoves, 12 de outubro de 06)

8 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2006/10/13/borrico/trackback/

  1. Pois non sabes o que perdes, a nivel gustativo.
    Agora é prohibido botarlle o acido borico ao marisco.
    Podes xantar todo o que che dé o peto.
    Ainda que con tres fillos…algo terás que reprimir.
    Noraboa polo dos fillos.
    Victoria

    Comment by Victoria Díaz Cabanela — 13 October, 2006 @ 10:18 am

  2. Estes persoaxes non analizan… aznalizan, que non é o mesmo…

    Comment by Soneu — 13 October, 2006 @ 12:35 pm

  3. Sei o que perdo, pero ben máis grave sería ser alérxico ó porco. En canto á prole, non se sentirei familia numerosa ata que non me desconten en Renfe e non me dean os 217 litros de leite Río que concede a Xunta.

    Comment by sihomesi — 13 October, 2006 @ 5:29 pm

  4. O teu compañeiro de páxina e cormelán José Manuel Ponte, falaba tamén de ese ácido que ten Pedro J. pra desinfectar a piscina que fixo ilegalmente nas Baleares. A ver si nos levan a Pedro J. pra Guantánamo…

    Comment by susolista — 13 October, 2006 @ 10:35 pm

  5. Si se me permite a maldade (total, aquí non se vai enterar ninguén) co que lle gustan determinadas ataduras…

    Comment by sihomesi — 14 October, 2006 @ 11:50 am

  6. Do tema alcalde de Barro, prefiro non falar, que teño algún traballo perto del e xa sei abondo como as gasta. Só dicir que, no cotidián, e aínda máis maleducado que no institucional.
    En canto ao bórico que dios confunda, teño pra mín que os peritos eses andan un pouco despistados, e a xustiza coa berza. Explícome:
    1.- O ácido bórico é como a auga osixenada: tanto serve pra un roto como pra un descosido: conservante (non autorizado), desinfectante, tóxico, pero tamén coadxuvante da pequena soldadura en ourivesaría, ou mesmo en electronica. Ou sexa, podería ser empregado en accións terroristas? Si, sempre e cando se tratara, por exemplo, de manipular teléfonos móbiles (para detonar a distancia) ou calquera outro aparello.
    2.- Agora ven o máis importante: e qué? Imaxinemos que, en vez de acido bórico, tiveran atopado polvora prensada, goma-2 ou bombas nucleares en ámbalas dúas casas. Iso o único que demostra é que, nos dous casos, pretendían realizar atentados, non que exista relación algunha entre eles.
    É que parecen parvos, leche…..

    Comment by eSedidió — 14 October, 2006 @ 1:04 pm

  7. Si, parvos. Mételles un dedo na boca (ou un voto na urna) a ver se morden…

    Comment by sihomesi — 15 October, 2006 @ 8:13 pm

  8. Despóis do frenazo do marisco e o posterior adiantamento pola dereita do porco (moi bo, efectivamente), pouco teño que engadir.

    Non sei se llo dixen algunha vez, pero sempre que vostede sae a colación, escena ou pantalla, venme á memoria a sua performance (Radio Oceano vive!) no festival Tralla material na beira do mar (Malpica, xa sabe).

    Alédome de estar alí, porque eu sonlle máis ben novo, non o coñecín cando a banda “funcionaba” e só tiven na man e escoitei o vinilo durante un tempo. Era prestado, unha mágoa.

    Esto no es Hawai…

    Caralluda, en fin.

    Comment by Matias Brunhulf — 19 October, 2006 @ 4:08 am

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here