Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

25 November, 2006

Pasmando

Filed under: Si home si

Desde logo, que mundos tan diferentes e que concepcións da vida tan distintas se dan en lugares tan próximos e co mesmo cuberto político administrativo. Refírome a que visións tan distintas hai en Madrid e aquí de aspectos esenciais do ser humano como a lealdade, a coherencia e que prezo estamos dispostos a pagar, ou a poñernos a nós, para conseguir o que queremos. Todo isto, a conto da biografía autorizada de Esperanza Aguirre.


         O libro chámase La presidenta, título que en Madrid é dabondo explicativo, e aquí induciría a pensar se a protagonista sería Dolores Villarino. Esa é a primeira diferencia. A segunda é que a quen lle interesa a vida –e sen saber como acaba- dunha presidenta autonómica. Xa sei que biografías de Fraga hai varias, pero é porque ten varios perfís, e porque si se fixera unha soa, ocuparía tanto como as guías telefónicas de Madrid e Barcelona xuntas. Por riba é unha presidenta autonómica uniprovincial. Poucas biografías se venderían aquí de Salvador Fernández Moreda ou Rafael Louzán, nin siquera de Cacharro ou Baltar (falo de biografías autorizadas, claro). É certo que de Paco Vázquez se publicaran dúas e outra de Augusto César Lendoiro cando era o seu rival, pero foi que a autorizada saíu para contrarrestar a non autorizada, e a de Lendoiro para contrarrestar as outras dúas. Entón (e levamos tres diferencias) é que os medios de Madrid dan promocionado unha biografía dun alto cargo de segunda fila, polo método de enfrontala cun cargo medianamente alto como o alcalde de Madrid. O máis relevante –e quizais o único- do libro é a critica de Esperanza Aguirre a Alberto Ruiz Gallardón porque, logo dunha sondaxe que fixo –Gallardón- e da que saíu que resultaba que os madrileños eran de esquerdas, el quería quedar de progre e que ela quedara como unha rancia.

         Agora, entre nós, ¿pódeselle chamar polémica a ese díxome díxome pataqueiradas de patio de veciños? Aquí un conselleiro dixo doutro que se fixera rico co cargo, e non pasou nada. E de presidentes provinciais mal levados con alcaldes, que lles van contar ós de Ourense. Enténdaseme, non é cuestión de Madrid ou non Madrid.
Tamén pasa en Barcelona, onde se acaba de alporizar a clase política toda polo pasado do líder de Ciutadans, Albert Rivera. Rivera (nada que ver cos Hijos de Rivera de Estrella Galicia, nin co Primo de Rivera da Avenida) chegou ó Parlamento catalán con dous dos seus cunha campaña na que saía en bolas, en sinal de que non tiña nada que agachar, ó revés do que todos pensamos que pasa cos políticos en xeral. E resulta que si que tiña –como todo o mundo, políticos ou bombeiros- e era que ata meses antes de presentarse estaba máis ou menos afiliado ó PP. Tamaña sorpresa e novidade sae a todo trapo na prensa catalana e non catalana, e aquí o caso dun alcalde de Coalición Galega que seguía sendo militante do PP é tan habitual e tan pouco relevante que nin siquera dou atopado onde o lin.

         A verdade, por aí fóra pasman con cada cousa…

(LA OPINIÓN, sábado, 25 de novembro de 06)

5 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2006/11/25/pasmando/trackback/

  1. Home, eu non sei se lle vale como mostra, pero no meu pobo (Chantada) nunha moción de censura no ano 95 o candidato dos independentes que apoiaba ao PP confesou que, a pesar de levar cinco anos amolando ao partido, nunca deixara de pagar a cuota de afiliación e remitiuse aos recibos bancarios (tampouco seica nunca o expulsaran).
    Tamén é verdade que alguén lle chamou a atención ao dicirlle que no PP non facía falta pagar a cuota.
    “Outro si” compañeiro do mesmo que ía nas listas de Coalición Galega ao Parlamento Galego, cando lle tocou reemplazar a Celestino Torres (que dimitiu para presentarse á alcaldía de Monforte) pasouse ao PP sen paso previo ningún e meteuse na comisión de Pesca, que aos de Chantada quédanos moi a man.
    Pódolle dar se quere os nomes para que busque, pero un deles aínda nos segue “amenizando” os Plenos, aínda que eso si, nun lugar menos preferente e sen facer gala da verborrea á que nos tiña acostumados.
    Un saúdo.

    Comment by Manuel — 1 December, 2006 @ 5:15 pm

  2. Supoño que son partidarios do machinismo-leninismo, en concreto da liña de pensamento ANtonio Machin que aseguraba que se podía querer a dous partidos á vez, e non estar louco…

    Comment by sihomesi — 2 December, 2006 @ 12:09 am

  3. Élle certo. A frase máis ocurrente que lle escoitei dicir ao susodito (e escoiteille varias), a conto dos seus desvarios continuos foille: “Nada es verdad o mentira, todo depende del crital con que se mira”. E quedouse tan pancho.

    Comment by Manuel — 2 December, 2006 @ 8:08 pm

  4. Ese personaxe quedou tan pancho e ainda ten mais que dicir, Manuel. Asi que opino que non “gastes pólvora en salvas” e traballemos para deixar a esta xente fora do concello e co cú o aire.

    Comment by Daniel — 3 December, 2006 @ 3:59 pm

  5. Non me lembraba do “pólvora en salvas”; outra ocurrencia daquela moción de censura, cando Fernando Varela lle reprochou a súa actitude con moita vehemencia e pouco resultado.

    Comment by Manuel — 3 December, 2006 @ 4:23 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here