Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

25 February, 2007

Idoia en Herat

Filed under: Si home si

Hai casos nos que, como lle pasaba ó Castroforte del Baralla de Torrente Ballester, o ánimo xeral se suspende e levita por riba da realidade. Aínda que sintamos distinto, todos dicimos o mesmo. Casos como, por exemplo, o desa pobre rapaza dunha aldea de Friol morta en Afganistán. Idoia en Herat parece o título dunha traxedia grega, e todos os elementos fan que en efecto, sexa unha traxedia. Desde o fado fatal da súa vocación militar desde nena, ata o plus de dor para a familia que debe ser que fose filla única. Pero a traxedia persoal, grega ou de Friol, non pode ocultar dúas realidades sobre as que non deberiamos levitar, senón ter ben presentes, por incómodas ou inoportunas que sexan. A primeira é que o oficio de militar implica o risco profesional de morrer a mans dos colegas do outro bando, aínda que ese risco sexa considerablemente menor que o que padecen os civís das zonas de guerra. As forzas armadas non son esas ONGs de uniforme que venden os anuncios e os medios de comunicación, e se a un sitio vai o Exército e non Farmacéuticos Sen Fronteiras ou Ecos do Sur é porque o sitio é perigoso de máis para andar axudando sen o mazo dando. A segunda é que, por moi normal que sexa que a Idoia lle tocasen destinos amolados, e por moito mandato da ONU que se queira, nin ela nin os seus compañeiros deberían estar en Afganistán.

Afganistán é o resultado dunha desas xeniais estratexias que argallan e executan os Estados Unidos para amañar o mundo. Alí había un réxime comunista daquela maneira, que non debía ser como para mudarse alí de xubilado, pero polo menos non había máis guerras que as internas do propio goberno, o cultivo do opio estaba máis ou menos controlado e as mulleres estudiaban e podían exercer unha profesión. Pero como o goberno aquel estaba no lado do que despois se coñecería como Eixo do Mal, a Ronald Reagan (na súa faceta presidencial) metéuselle na cabeza promover a Liberdade. Así, subvencionou ós que se dedicaban a sacar ás mulleres da escola a punta de pistola e armou a xentes como Osama Bin Laden e outros aliados do mundo occidental e cristián. Feito o pandeiro que se fixo daquel país, agora o que lle queda ó mundo civilizado é optar polo bando menos malo, pero que non deixa de ser un bando (e o que peor paga ós traballadores do kalashnikof, por certo).

Fóra desas realidades incómodas e inoportunas hai fenómenos como esa reclamación de Mariano Rajoy ó goberno de Zapatero de que aclare cal é a situación en Afganistán e a petición de que recoñeza que alí as tropas españolas están en misión de combate. Rajoy, aínda que non se acorde, vicepresidiu un goberno que foi o primeiro en enviar efectivos militares a Afganistán, e logo alentou unha guerra en Irak á que tamén mandou tropas en misión oficialmente humanitaria. Iso, máis que unha posición política, parece o exame de entrada en Cínicos Anónimos.

(LA OPINIÓN, 24 de febreiro de 2007)

5 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2007/02/25/idoia-en-herat/trackback/

  1. chapeau

    Comment by alvarez — 25 February, 2007 @ 7:33 pm

  2. Eu a Idoia véxoa como a unha muller que morreu defendendo o dereito doutras mulleres a entrar en hospitais ou escolas.Máis que traxedia grega,a min paréceme un western tipo Cormac McCarthy.
    Para non incomodar máis ós marxistas de barbas máis longas que os talibáns,pouco amigos dos westerns e de falar ben dos militares, e mal dos movimentos populares,(son os talibáns un movimento popular e revolucionario?),non deixarei de lembrar que a porcentaxe de galegos mortos está absolutamente desproporcionada co noso peso demográfico e ten moito que ver coa nosa estructura económica.Idoia e o mozo estaban aforrando e querían mercar un piso na Coruña.O problema é que na Coruña hai pouco emprego,salarios baixos e pisos caros.Son estas cousas as que nos aprenden economía e non o multiplicador de Lagrange.
    Hai uns meses o noso presidente foi falar cos erasmus galegos en Alemania,os rapaces dicíanlle que por moito que estudaran non lles sería doado atopar choio no país.O presidente,con grandísima e inexplicable autosatisfacción,retrucoulles que había que ter mundo e non ser repugnante.É o que ten isto de traballar no sector público e co carnet do partido nos beizos:dá moita altura de miras.Curiosamente o raposo de Sarkozy tivo un mitin cos franceses de Londres hai dúas semanas.Como non podía ser doutro xeito,pediulles que voltaran a Francia.Dixo que Francia precisaba do talento de todos os seus fillos.Xa sei que non é o mesmo ser do país dos dereitos humanos que do país dos caciques,pero Touriño debería ser máis humilde e falar de economía con máis seriedade,ou alomenos sentir máis empatía coa xente.

    Comment by Alfonso Pardo — 26 February, 2007 @ 5:22 pm

  3. yo a idoia la vele muerta , muerta por defender la paz con guerra ,desde oleiros llevamos una corona que decia pinol pide paz no mundo ,a la pregunta de una periodista de que era pinol(pobo independente de oleiros )dijo que no le parecia que aprovechasemos ese acto para darnos a conocer , regrese a coruña y consegui otro texto , donde decia pinol pusimos OLEIROS ,MI PREGUNTA EN GENERAL. QUE LLEVARON LOS POLITICOS DE PRIMERA FILA,nosotros aportamos una corona y una bandera europea ,pero claro los otros del poder establecido tienen impunidad informativa ,a los que emergemos ni agua , no sea que se descubra el nicho de posibles politicos honrados

    Comment by xose luis vila — 26 February, 2007 @ 9:03 pm

  4. A pinol xa o conocíamos de esate mismo blog. Os Ghalleghos pásanos coma aos negros e chicanos en ianquilandia, se ques comer, mata ou morre, ainda que te disfraces de pacifista, se levas un fusil, mona te quedas.

    Comment by susolista — 26 February, 2007 @ 11:22 pm

  5. Chapeau para vostede,Sr. Pardo, totalmente dacordo

    Comment by carqueixa — 27 February, 2007 @ 12:02 am

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here