Galegos en Barcelona
Pasou no que debeu ser a primeira visita institucional á Generalitat do presidencia de Galicia, daquela Xunta preautonómica que pouca máis infraestructura tiña que unha secretaria. Non sei se o pre-presidente era Antonio Rosón ou José Quiroga, pero o total da representación eran tres, segundo o que recordo do relato que me fixo un dos protagonistas. En canto chegaron ó aeroporto de Barcelona recibíraos un home vestido de gaiteiro, acompañado doutro provisto do correspondente bombo, que como era de prever, que en canto os divisaron, acometeron o himno galego, ou outra peza patria. Así, musicalmente escoltados, atravesaron o aeroporto ata a saída. Xa no exterior, o gaiteiro interrompeu a execución e sacou dalgún sitio unha tira de alfombra vermella, que despregou ata un taxi alí estacionado, ó tempo que lles abría a porta de forma solemne. Os tres confusos políticos acomodáronse nos asentos de atrás do coche, mentres o gaiteiro gardaba a gaita no maleteiro, empolingaba o bombo na baca e se poñía ó volante do vehículo. Deste xeito, no clásico taxi amarelo e negro coroado menos ortodoxamente por un bombo, cunha parella de gaiteiros na parte dianteira e a clase política na de atrás, arribou a representación de Galicia ó encontro con Josep Tarradellas. A parella de esforzados e patrióticos gaiteiros xa se aprestaba a dispoñer o bombo e a alfombra para darlle rumbo institucional á chegada ó Palau de Sant Jordi, cando un dos políticos convenceunos de que non facía falta, agradeceulles o xesto e despediunos. (more…)

