Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

22 April, 2007

As eleccións en Francia

Filed under: Si home si

Hoxe votan en Francia. É curioso como dos veciños, o que menos coñecemos son os seus usos políticos, da macropolítica á micropolítica, desde as frías institucións ata as acendidas paixóns ideolóxicas. Eu o primeiro, desde logo. O que eu sei do sistema político galo é ese para nós curioso costume de escoller por separado ó presidente (que é do que se trata hoxe) do goberno propiamente dito. Paréceme que ese sistema soamente se pode dar nun pais que presume de racionalidade, e igual que no caso dos Estados Unidos, que usan un método parecido, baséase na morriña da monarquía. Como se non queda claro o ganador hai unha segunda volta, o elector ten a posibilidade de votar de acordo coa ideoloxía a primeira vez e pensando no práctico na segunda.

Sexa porque nós non temos esa opción, porque en realidade sexan una eleccións decisivas ou porque os grandes medios teñen correspondentes alí e hai que lle sacar proveito á inversión, o caso é que os comicios presidenciais de Francia son noticia aquí. Eu pasei a metade da semana alí, e o primeiro que me chocou (como xa me chocara hai tempo no primeiro país europeo no que me coincidiu estar nunhas eleccións, Holanda) é a pouca importancia que parecen darlle os directamente interesados, os franceses. Cos criterios de aquí, nos que o careto do candidato independente dun concello de 10.000 habitantes acapara máis vallas publicitarias que Carrefour, o de Francia é case clandestino. Quitados algúns carteis (case sempre de Le Pen) nos piares dos pasos elevados e outros lugares marxinais, a presencia dos candidatos á ser presidentes de Francia limitábanse ós discretos valados oficiais. Sen embargo, kioskos e librerías estaban inundados de biografías, autorizadas e sen autorizar, haxiografías e autopsias (variedade de enfoques que supoño, dada a cantidade de títulos) dos candidatos. Mesmo vin na Virgin Megastore, entre o merchandising de Spiderman 3, un manual guía dos distintos programas. De todas formas, os poucos indíxenas cos que falei tiñan claro que arrasaría Sarkozy, mesmo con poucas ou ningunhas ganas de que o fixera. Ou mesmo coas ganas de que o fixera para así provocara unha reacción máis radical que a da branda Segolène (esas situacións preTacher ou preBush que tanto me soan). Sarkozy é como se Bono (o ex ministro) fose de dereitas, quero decir que militase nun partido de dereitas. Un home que non da corrido tanto como a súa ambición, e non por falta de pernas. E a Segolène véndennola como se fose Teresa Fernández de la Vega, cando en realidade ven sendo máis Trinidad Jiménez. Pase o que pase, probablemente, como dixo Manu Chao nas anteriores (nas que había que elixir entre Chirac e Le Pen, entre Rajoy e Acebes, para entendernos), boa parte dos que voten farano contra alguén, aínda que estean fartos de non poder nunca a favor de alguén. Outra boa parte absteranse para logo, como penso que dixo Savater, manifestarse en contra do que votaron os demais.

(FARO DE VIGO, domingo 21 de abril de 07)    

4 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2007/04/22/409/trackback/

  1. Agg,Sarkozy ganou!Canto noxo me dá!Sarkozy e a súa reforma ou modernización,revolución de dereitas pra os amigos,non fai máis que degradar o debate político francés.

    Eu,cando me falan de Sarkozy,teno sempre que lembrar ó gran Charles Fourier.Nestes tempos no que o socialismo utópico e mailo científico adoecen como preas, e no que os falansterios son máis cousa dos fans da arqueoloxía que dos das Ciencias Políticas,é doado soster que a obra máis importante do insigne pensador é a breve pero magna “Cadro Analítico das Cornamentas”.Nesta taxonomía científica dos cornudos atópase sen dúbida a correcta categorización para Sarkozy pois no número 26 fala do Cornudo Grandioso ou Impasible,definíndoo como “o que non sufre nin xoga cos cornos que axexa,conservando unha calma perfecta.Así son nas clases opulentas a meirande parte dos homes casados polo interés”.
    Cuspidino!Sarkozy fixo publicidade do seu matrimonio(antes e despois dos cornos)dun xeito nunca visto en Francia.Tamén as súas loubanzas do goberno ianqui e da iniciativa privada son unha oratoria nunca vista na escea francesa,na que conservadores como Chirac ou Villepin nunca deixaron de atacar o capitalismo salvaxe e de defender o valor da excepción francesa na súa dimensión cultural,social e política.
    As fórmulas innovadoras de Sarkozy deben ter a mesma sinceridade que as súas memorias,onde fala da súa perfecta unión matrimonial.Sabe que en Irak morre xente a esgalla,que o mercado de traballo produce parados e salarios astronómicos.Pero Sarkozy quere ver eses cornos da sociedade.Será que non ten a visión de Fourier,o esgrevio defensor do socialismo e do amor libre?Ou será máis ben que Sarkozy pertenece á categoría 26,é dicir,é un Cornudo Grandioso, Impasible,un cornudo polo interés

    Comment by Alfonso Pardo — 23 April, 2007 @ 2:28 pm

  2. Tería gracia (ningunha) que a VI República se erguese sobre piares como o da norteamericanofilia. Sobre outros como a caradura erguéronse xa todo tipo de repúblicas, monarquías e asociacións de veciños.
    Así e todo fixeron caso da última frase e foron votar como tolos.

    Comment by sihomesi — 23 April, 2007 @ 10:25 pm

  3. Isso de escolher o Presidente da República por um lado e o Parlamento polo outro, nom é tam raro, acontece em todos os sistemas presidencialistas. Acontece nos USA, em Chile, no Brasil, na Argentina, México, Portugal, Alemanha…

    Comment by tangaranho — 25 April, 2007 @ 9:46 am

  4. Pero non en todos os casos en dúas voltas, con oportunidade de emenda.

    Comment by sihomesi — 25 April, 2007 @ 5:38 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here