Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

7 May, 2007

Pasos a nivel

Filed under: Si home si

Traxedias e mortes hai máis incluso das que pensamos que poderiamos soportar. Algunhas, por frecuentes, como as que provoca o tráfico, nin saen nos titulares. Hai outras, paréceme, que nos afectan como sociedade, que nos implican un pouco a todos. A última desas, a morte deses tres homes no paso a nivel de Valga.

O accidente de Valga foi máis alá do que podería ser unha masacre da circulación porque, por unha banda, hai unha entidade a quen responsabilizar. Adif, ou Renfe, que ademais, na mellor tradición hispana dos organismos oficiais, tentaron botarlle a culpa ás víctimas. Fracasado o intento, a segunda fase da tradición é botarlla ó consabido “erro humano”. Polo que sei, efectivamente, ó estar as barreiras levantadas, o maquinista do tren recibe un sinal ó que ten que dar contestación en menos de tres segundos. Se non o fai, o tren frea. As barreiras está claro que fallaron (algo ó parecer bastante habitual alí), ou sexa que queda por ver se a maiores fallaron as sinais ou o maquinista, o consabido “erro humano”, como se ter en mal estado de mantemento os sistemas de seguridade fose atribuíble a erro divino.

Pero por outro lado, a traxedia de Valga impresiona por inusual. Xa non temos relación co tren. Antes o ferrocarril era o prioritario, era a encarnación do progreso e das comunicacións rápidas e do servicio de transporte público. Se había que agardar a que pasara o tren, agardábase. Se as vías tiñan que cruzar unha avenida e someter o ritmo cidadán ó seu, pois sometíase. Había cidades enteiras cercadas polo trazado ferroviario, e aínda seguen en boa parte, como Monforte. E en todo o mundo civilizado, os camiños de ferro ensaríllanse cos camiños de asfalto, pero coa mesma normalidade coa que conviven coas vías para peóns e cos carrís para bicis.

Agora e aquí o tren é como o teatro, con perdón: algo que hai que conservar, a risco de que os chamados liberais rosmen que apoialo vai contra a eficacia económica. O ferrocarril é unicamente un desiderátum ou unha arma política: o AVE, que está universalmente considerado como imprescindible e urxente, mesmo por moitos que pasan unha ou dúas horas cada día acampados en atascos que se poderían evitar con trens de cercanías. Sempre houbo dúas formas de ver a política de obras. Unha que sostén que as grandes infraestructuras son as que dinamizan a economía e o recoñecemento dos administrados. Outra que prefire promover as obras que facilitan o desenvolvemento microeconómico e a vida cotiá, e a dinamización xa virá de seu. A primeira teoría impúxose por goleada, porque é a que dá titulares, entre outros beneficios colaterais (quizais non sempre legais). Non vamos descoidar a vixilancia do AVE por andar cambiando os fusibles das barreiras dos pasos a nivel.

(FARO DE VIGO, domingo, 6 de maio de 07)

4 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2007/05/07/pasos-a-nivel/trackback/

  1. O de Valga, nunca podeerá pasar na Costa da Morte, porque non houbo, non hai, e, polo que se ve, nunca haberá tren, nin portos nin estradas libres de peaxe.

    Comment by susolista — 8 May, 2007 @ 10:42 pm

  2. S.O.S A RÍA DE FERROL EN PERIGO.
    S.O.S O POBO DE FERROLTERRA TAMÉN
    AXUDA E INFORMACIÓN NON MANIPULADA.

    ENLACE DAS IMAXES DO BLOQUEO DO GASEIRO “GALICIA SPIRIT” IRÓNICO NOME QUE REFLEXA O MAIS PROFUNDO DAS NOSAS MEZQUINDADES.

    http://cociudem.wordpress.com/
    http://artabra21.blogspot.com/
    http://www.jazztelia.com/ferrol-vello/blog

    Comment by BELLO FERROL VELLO — 8 May, 2007 @ 11:32 pm

  3. A este respecto, mañá en EL PAIS.

    Comment by sihomesi — 9 May, 2007 @ 9:59 am

  4. Uf…os comboios de cercanias…o que temos berrado por aquí por que aumentassem a freqüência dos “regionais” da Corunha a Ferrol…

    E o de Valga, enfim…dá terror o estado em que estám as infraestruturas ferroviárias em matéria de segurança

    Comment by tangaranho — 9 May, 2007 @ 4:58 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here