Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

3 June, 2007

e 4: O ganar non ten cancelas

Todo o mundo fixo xa a súa análise dos resultados das eleccións, e mesmo hai quen, como Núñez Feijoo, reanaliza de vez en cando. Así que permitan que me aproveite e faga eu a miña, que se resume en dúas verdades incontestables: Unha, que desta vez si que ganaron todos. Outra, que parece que os resultados en man valen menos que os que andaban por aí voando.

         O PP ganou o manterse a flote, porque perdeu apenas un 2% dos votos sobre as anteriores. Máis ou menos os que ganou o PSdeG, mentres o BNG non variou nin tres décimas os seus resultados do 2003, en plena resaca do Prestige. Desde 1995, o voto socialista tivo unha discreta suba do 26% ó 29%, e o nacionalista unha non moito máis relevante, do 13% ó 19%. Tampouco se lle pode chamar derrube a que PP pasara dun apoio superior a un 47% a case o 40%. Sen embargo, o relevante non son tanto os votos, se non onde se sacan. O PSOE terá os alcaldes de seis de sete cidades e o BNG gobernará posiblemente en todas. Sete de cada dez galegos terá un goberno local socialista e/ou nacionalista. Os tres restantes viven en localidades de menos de 20.000 habitantes. Por culpa da lei electoral, segundo unha lenda urbana que ten tanta consistencia como a de que a selección española de fútbol nunca fai nada porque non ten apoio. Se ganar as eleccións fose chegar primeiro, teríaas ganado o PP. O malo é que as eleccións non son unha carreira. Tampouco son un método para escoller ó mellor xestor –para iso sería máis eficaz un concurso oposición-  e hai unha chea de exemplos a man que o demostran. É o sistema menos imperfecto de que gobernen os que máis representan ó corpo electoral, e xa sen contar afinidades políticas, a suma de dous tercios é máis representativa que a metade. Aínda por riba, o sistema electoral xa prima ás maiorías, que precisan proporcionalmente menos votos para cada representante elixido. Pero sobre todo, pedir cambiar as regras despois das eleccións é, ademais de pouco elegante, tomar á xente por idiota. Na Coruña, ata o bloqueiro máis antivazquista sabía que o seu voto acabaría poñendo na alcaldía ó sucesor de Paco Vázquez. Consecuentemente, teño unha amiga en Vigo que se abstivo de votar nacionalista porque non quería a Abel Caballero de alcalde nin en pintura.  

         O máis pavero de todo é a segunda verdade revelada nestas eleccións. A de que a satisfacción non depende do conseguido, se non do grado de cumprimento dos desexos. A sensibilidade socialista anda un tanto escocida, probablemente contaxiada da campaneada desfeita madrileña. Sinceramente, depositar demasiadas esperanzas nun par de candidatos que se deixan fotografar vestidos de chulos (madrileños) era un tanto arriscado. Eu non daría un peso por un candidato de aquí que considerase necesario posar vestido de gaiteiro. Tamén nalgúns foros nacionalistas se practica ese xogo tan tradicional de recrearse nas derrotas e dar por supostas as victorias, como se empatar os mellores resultados dunhas municipais –nun momento de suba dos socialistas, que pescan nos mesmos caladoiros electorais- fose o menos que se pode facer. Supoño que esa sensación bipolar no que antes era a oposición se debe á falta de hábito de ganar, exactamente igual que os periodistas aínda non estamos afeitos de todo a pensar no PP cando escribimos agora “a oposición”.

         De todas formas, no que todos ganamos aquí, ó contrario do que pasou por aí, é que a maioría dos alcaldes que xustificaban as desfeitas urbanísticas no apoio electoral que tiñan quedaron sen argumentos (e sen alcaldías).

(FARO DE VIGO, domingo, 3 de xuño de 07)

19 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://sihomesi.blogsome.com/2007/06/03/e-4-o-ganar-non-ten-cancelas/trackback/

  1. A min dáme moito noxo as análises do Feijoo e,eiquí no sHs,do Chuzas.Iso de ignorar completamente á xente que non vive nas 7 “grandes cidades”(sic) non está nada ben.Que se dean un rulo polo mundo e verán que as 7 grandes cidades son ben cativas.Mesmo se foran moi ghrandes habería que lembrarlles iso da igualdade, ou alomenos da igual dignidade humana.
    Por certo,que foi da fighura estelar de sHs e pachá de 500mulleres,o alcalde de Ortigueira?.Desculpen ,pero non tiven tempo de abondo para andar remexendo nos xornais.

    Comment by Alfonso Pardo — 3 June, 2007 @ 10:01 pm

  2. Ganou

    Comment by sihomesi — 3 June, 2007 @ 10:13 pm

  3. ¿E en Fago?

    Comment by susolista — 4 June, 2007 @ 10:18 pm

  4. Alfonso, ¿agora tamén queremos a igualdade das cidades?
    Eso sí, tes razón que moi grandes non son, depende de con que as compares.

    Do que eu falaba era de resultados das municipais en Galicia e de quen gañara as eleccións.
    Dixen varias veces que falaba en xeral e interpretei os datos das 7 cidades (pequenas)porque son significativos, casi 1/3 dos votantes, e porque é máis doado tirar conclusións sobre a tendencia e evolución do voto en Galicia (que a min pareceme que foi o que realmente non che gustou)

    Saúdos. E que quede solemnemente claro que non teño nada contra os parroquianos,os aldeáns ou os viláns de calquera parte.

    Comment by Chuzas — 5 June, 2007 @ 12:07 am

  5. En apoio os argumentos de D. Alfonso: ¿cidades? Pero se Vigo que é a que mais habitantes ten é mais pequena que Vallecas?. E o di un que, para a sua desgracia non ten aldea como a maioria aplastante dos que aqui viven.
    So un dato: dos catro principales candidatos, so un naceu na cidade.

    E ademais en canto a comportamento electoral cidadinos-parroquianos, non che sei, so decirlles que a miña aboa decíame que os do Lagares para lá, eran doutra rasa. Seus fillos casaron como ela : todos, salvo a miña nai, cos das parroquias contiguas (curiosamente o 80% dos meus curmans (25) tamen, o igual que eu). Polo tanto, ¿alguen mais da aldea ca nos, os vigueses feten?.
    En canto o de Ortigueira, D. Alfonso, deixe o home en paz, que volva a Ibiza cos gaiteiros a ver se pesca algo, desta vez sen Tv, que as cámaras escorrentan as necoras.
    Saude.

    Comment by alvarez — 5 June, 2007 @ 2:31 pm

  6. E o de Fago? Gracias

    Comment by susolista — 6 June, 2007 @ 5:01 pm

  7. Que teima, Suso. Ganou o PAR (PArtido Aragonés Regionalista) porque o que estaba, que era do PP, cambiou de siglas. (Por certo, non sei onde está o transfuguismo do que fala a noticia linkada)

    Comment by sihomesi — 6 June, 2007 @ 8:42 pm

  8. Saúdos Chuzas,
    Por suposto,máis igualdade entre as persoas e tamén máis igualdade xeográfica.A Comisión Europea,que non é un niño de comunistas,hai moito tempo que o considera un principio fundamental.
    O que aconteceu foi unha desaceleración na perda de voto do PP.Chamar iso unha victoria paréceme moito,sobre todo cando esa perda fíxolles quedar afastados do poder en tantos sitios.
    Os resultados terán tantas interpretacións como intérpretes.E claro,Touriño,Quintana e Feijoo quererán levar a auga ó seu muiño.Se cadra algún terá razón,se cadra non.Eu non entraba niso.A min o que me revolveu as tripas foi ver ó Feijoo dicindo que perderan votos en xeral,pero moi ben porque tiñan apañado moito voto urbano.A mesma actitude do que di”Neste restaurante moito non se come,pero ven xente moi fina”.Moi triste.E iso que Feijoo non é do máis reaccionario do PP.
    Xa que estamos a falar de todo,eu flipei coa Deputación de Lugo.Onden están os expertos que dicían que os paisanos eran voto cautivo do PP?Agora que non escoita ninguén recoñezo a miña admiración por Cacharro e máis Baltar.O que os politólogos chaman aquí caciquismo nos EEUU chámanlle modelos racionais de voto(subenbaixan impostos,fandesfan parques,etc).A min paréceme máis intelixente un paisano que vota ó PP pensando nunha escola ou nun ambulatorio que un lechuguino do PP da Coruña ou Santiago admirador de Esperanza Aguirre.Como diría Millás que raro é todo.
    Señor Alvarez:para aldea A Coruña,xa ve o que pasou cando marchou o cacique.Ou míreme a min,que estou aínda arrepiado cando penso que o noso párroco mudouse a Oleiros.

    Comment by Alfonso Pardo — 6 June, 2007 @ 10:40 pm

  9. Gracias Pereiro, non sei que iba de ser de min sin ti. ¡O ganar non ten cancelas!

    Comment by susolista — 6 June, 2007 @ 11:20 pm

  10. O eleito alcalde,Enrique Barcos, era tenente de alcalde do defunto Grima (PP) e nestas eleccións presentouse polo PAR (Partido Aragonés/Aragonesista/Aragonés Regionalista; a escoller segundo se precise). Como é un concello de tan só 34 habitantes (grazas, entre outros, ao defunto que puña obstáculos ao empadronamento de xente de fóra) a elección faise a listas abertas cun só edil. Por certo, a pesares de ser a única lisa presentada, tivo tan só 16 votos, un menos que o defunto hai catro anos. Polo demais, évos un lugar ben fermoso, nunha contorna espectacular.

    Comment by nemeth — 7 June, 2007 @ 12:22 am

  11. Alfonso, os resultados foron os que foron. O PP ganou en Galicia con moita vantaxe sobre as outras opcións. E ganou nas cidades maiores e… tamén no que se podería chamar o rural. Non me parece que Feijoo esté rebaixando a ninguén ó gabarse dos bos resultados nas cidades. Feijoo, coma todos, fai a análise que pensa que máis lle convén. Máis patético foi o ex xefe do porto en Vigo, Abel Caballero, dicindo que a xente votara para ter un alcalde socialista.

    Non comparto a túa admiración por Cacharro e Baltar. Dun xa nos libramos e o outro perdeu, foi o que máis do partido, o 6% na súa provincia e a alcaldía de Ourense (e outras) co seu candidato.
    Pra min son dúas personaxes detestables que representan cada un ao seu xeito o peor da política.

    Por certo, eso da igualdade do territorio seguro que está ben, eu non che sei. Supoño que nas cidades, nos pobos, nas aldeas, seguiremos cada quen votando ou non por distintas razóns

    Saúdos

    Comment by Chuzas — 7 June, 2007 @ 1:54 pm

  12. Sr. Pardo, concordo bastante coa análise das razóns do voto no campo e na cidade. Sen entrar noutras fonduras, é curioso que nos admiremos do voto decidido en base á mellor defensa dos intereses propios que se dá no norte de Europa, e o voto interesado de aquí, que cualificamos de cautivo.
    Sr. Chuzas: a tardanza en aparecer o seu comentario non foi adrede para beneficiar ó sr. Pardo, senón unha peculiaridade incontrolable de blogsome, que decide poñer a remollo algúns comentarios segundo criterior que se me escapan.

    Comment by sihomesi — 7 June, 2007 @ 4:11 pm

  13. Falando doutras cousas,estou interesado en saber o significado e acepcions de “si home si”. Non tenho un refraneiro ou de ditos en galego conmigo e os que aparecen na rede son cutres cutres. Esta ligazon http://www.blogoteca.com/orefraneiro/ que e bastante bo non puiden atopalos. Podedes botarme un man,(“si home si”)?

    Comment by O Neno — 8 June, 2007 @ 12:45 pm

  14. Home, Pereiro, non sei con que “análise das razóns do voto no campo e na cidade” do Sr. Pardo concordas porque (con todo o respecto para o Sr. Pardo) dicir que os intelixentes paisanos votan PP pensando en ambulatorios mentras os lechuguinos de cidade lle votan porque admiran a Esperanza Aguirre non me parece unha análise moi fina. Eu penso que ás persoas votan influidas por multitude de cousas moi dispares. Dende valorar a xestión feita ou os proxectos de futuro ata o aspecto do candidato.
    É dicir, cada persoa é un mundo. Agora ben, penso que hai un factor que vai a máis nos últimos tempos: o descreemento nos políticos. Moita xente, cada vez máis, vota á contra; contra alguén ou contra algo. Os políticos (e os partidos) non teñen crédito entre os cidadáns. É unha opinión pero coido que non vou moi descamiñado. A min paréceme importante e consecuencia da partitocracia rampante, do nada democrático funcionamento dos partidos e do sistema electoral entre outras cousas.
    Resumindo, fallas estructurais no sistema de democracia representativa que temos en España e que, por suposto, ningún partido ten ganas de mudar máis aló de propostas de recheo nos programas electorais que nin a dereita nin a esquerda teñen a mínima intención de cumplir.

    E, Pereiro, espero que non che pareza mal que te tutee, fai o favor de non tratarme de Sr. Chuzas, que parece un vacile e, inda por riba, faime sentir máis vello do que son.
    Por certo, é moi fácil facerse o inocente e botarlle a culpa ó “sistema” do blog da ferrea censura que exerces sobre as miñas ponderadas reflexións. Ben sei que o que pretendes é “beneficiar” ao Sr. Pardo aforrándolle a lectura das miñas lerias. Máis eu son teimudo e prevalezo (premín polo menos 100 veces no “say it”):-)

    Aburiño

    Aburiño

    Comment by Chuzas — 8 June, 2007 @ 1:27 pm

  15. Concordo con isto: “Onden están os expertos que dicían que os paisanos eran voto cautivo do PP?Agora que non escoita ninguén recoñezo a miña admiración por Cacharro e máis Baltar.O que os politólogos chaman aquí caciquismo nos EEUU chámanlle modelos racionais de voto(subenbaixan impostos,fandesfan parques,etc).A min paréceme máis intelixente un paisano que vota ó PP pensando nunha escola ou nun ambulatorio que un lechuguino do PP da Coruña ou Santiago admirador de Esperanza Aguirre”. E co de que me parece máis intelixentes, non que o sexan.
    En canto ó de premer o “say it”, prema menos que logo son eu o que teño que ir borrando todos menos un.

    Comment by sihomesi — 8 June, 2007 @ 1:46 pm

  16. Home Chuzas,isto é un diálogo.A min pareceume que o Feijoo faltoulle á xente do rural.Os teus mails son outra cousa.Como moito isto sería un debate,non un duelo a pistola entre señoritos cursis de cidade,nin tan siquera unha regueifa entre paisanos da aldea.
    Eu dicía que os do rural,cando pensan nunha escola de camiño ó colexio electoral,son bastante realistas.E que seguro que hai moitos lechuguinos de Novas Xeracións A Coruña que queren ser Agag.Éche máis ou menos como o quinceañeiro que pode ir a unha discoteca para ver se é quen de falar cunha moza ou pica máis alto(segundo o seu gusto)e escríbelle unha carta á Pataky.
    Bueno,como estou farto da política,agora o verdadeiramente importante:O noso trobador(Edilberto Alonso)está fundindo o You Tube.Como a cousa siga así,mesmo os vídeos de Paris Hilton van quedar como pasatempo de minorías en comparación co curtiense universal.

    Comment by Alfonso Pardo — 8 June, 2007 @ 7:41 pm

  17. E sobre todo, Alfonso, para un comentarista de centro-liberal que hai (eSedidió ten días), non mo espante.

    Comment by sihomesi — 8 June, 2007 @ 8:25 pm

  18. Pero,sHs,eiquí somos todos moi amighos e moi liberais.E xente de moita urbanidá(aínda sen ser urbanos ou sendo de Monforte).eSedidió pon o sal e o pimentón.Se eu fora vostede tería medo de que marchara a un blog da competencia.
    Duelos entre señoritos cursis de cidade….Xúrolle que non son vidente nin futurólogo.Viu a portada de La Opinion A Coruña de hoxe?Duelos,Green Jackets….Isto é un momento histórico:A Coruña está a pasar do señoritismo das pequenas cidades de provincias ó rollo queer.Vivan as perversións sexuais.
    Para seguir sendo politicamente incorrecto,reafirmo a miña admiración por esas dúas persoas de orixe humilde,traballadoras e talentosas:Cacharro e máis Baltar.Da soflama pro Edilberto Alonso,a min non me digha nada,fale co seu amigho Rivas.

    Comment by Alfonso Pardo — 9 June, 2007 @ 3:53 pm

  19. .... ando liado cun proxecto e non teño tempo de respostar as súas provocacións, pero xúrolle que en canto remate terá comprida resposta…

    Comment by eSedidió — 10 June, 2007 @ 8:04 pm

RSS feed for comments on this post.

Este blog mudou de servidor, podes comentar este post en:





















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here