Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

23 July, 2007

Misterios resoltos

Filed under: Si home si, Matrix Press

Unha das mellores cousas de formar parte do presente é que están resoltos enigmas que se descoñecían no pasado. Por exemplo, sabemos por que chove, aínda que non o faga a gusto de todos. Quedan moitos misterios resolver, tipo por que razón a competencia non mellorou a programación televisiva nin fixo baixar os prezos dos servicios, pero todo se andará. Nestes días últimos, sen embargo, desveláronse arcanos de considerable importancia. Por exemplo, o de Harry Potter.

(more…)

7 July, 2007

Cousas pretendidamente importantes

Filed under: Si home si, Matrix Press

Paripés sempre houbo. E a utilización dos medios de comunicación por parte de xente aguda é tan vella como a utilización da xente en xeral por parte dos medios. Pero creo que nunca con tanta cara, como evidencian os casos desa competición por determinar os monumentos de máis mérito no mundo e do derrubo da planta dun hotel madrileño a cargo de estresados anónimos (que non é unha ONG nin un colectivo de autoaxuda). (more…)

30 June, 2007

Tan gallego como tú

Filed under: Xeral, Matrix Press

Estiven o outro día na presentación das sinaturas dese movemento de nome esferolítico que protesta contra o que chama imposición do galego. Na miña opinión, os seus argumentos, ademais de fundamentalmente miserables, son primitivos e reaccionarios, pero en todo caso susceptibles de ser discutidos. O raro é que ninguén, en medio ningún, cuestionara a realidade desas 20.000 sinaturas que eles afirman ter recollido. O problema non é que se lle poidesen meter de matute algúns coñóns asinando Roberto Alcázar, senón como se garante que os asinantes son galegos/víctimas reais da tal imposición, e non xentes do mundo hispánico e españolista todo ós que lles proe que se dea galego no ensino. En todas partes se deu a cifra como real. Tampouco en medio ningún se cuestionou para que sirven esas teóricas firmas. En realidade, non sirven para nada. Preguntados in situ por ese detalle, os TGCG contestaron: "vosotros estáis aquí, ¿no? Es gracias a vosotros que hemos conseguido tener repercusión".

De todas formas, a existencia e o bombo que se lle dá a un fenómeno deste tipo é unha chamada de atención a todos aqueles que, do outro lado, plantean esixencias – todo o correctas que se queira – ó abeiro dunhas leis conseguidas nunhas circunstancias históricas concretas, sen preocuparse ás veces en  ofrecer argumentos que convenzan. 

22 June, 2007

Rectificación/ratificación

Un concelleiro sadense e teimudo correspondente epistolar, ó que lle agradezo que me lea, matiza nunha carta ó director que tamén me mandou a min que si tiña claras as súas apetencias á hora pedir, en concreto, a área de urbanismo. Foi unha das frases victima da poda para axeitarme ó espacio, pero eu queriame referir a que o concelleiro dubidaba entre pedir carne ou pescado.

Iwo To

Filed under: Xeral, Matrix Press

¡Pues fue Iwo Jima de toda la vida!

18 June, 2007

Letras romanas

Filed under: Xeral, Matrix Press


 

Fotonoticia:

El Instituto Cervantes de Roma celebra hoy el Día de las Letras Gallegas para dar a conocer en la capital italiana el idioma y la cultura de Galicia. Conferencias, conciertos, mesas redondas, lectura de poemas y otras actividades se celebran a lo largo de este lunes. En la imagen, de izquierda a derecha, el embajador de España ante la Santa Sede, Francisco Vázquez; el director del Instituto Cervantes, el coruñés César Antonio Molina; el cantautor Amancio Prada; la esposa del embajador; la escritora Fanny Rubio, directora del Cervantes de Roma; la corresponsal de La Voz de Galicia en Roma, Maria Nieves Signo; y las escritoras Marina Mayoral y Luisa Castro. 

Instituto Cervantes

15 May, 2007

Diante dos narices

Filed under: Xeral, Matrix Press

Algún colega emprendedor ou desocupado fixo unha lista de famosos que se presentan ás eleccións, moi celebrada nestes tempos de periodismo débil. Agora entendo por que estaba desocupado, porque non vía moito máis aló dos seus narices. unicamente que Luis Tosar non sexa famoso.

31 March, 2007

Matices

Filed under: Matrix Press

___________________________  __________________________ 

 

___________________________

 

 

29 March, 2007

Índice 80 céntimos

Filed under: Xeral, Matrix Press

Efectivamente, 0,80 é o valor do debate político en España, do nivel de análise, da información dos media e moito me temo que, consecuentemente, da calidade da democracia. Menos que 1.

18 March, 2007

O galego 495

Pois iso, segundo un grupo de notables consultados polo grupo Correo, son o número 495. A primeira vista, entre as cousas rechamantes (ademais da miña inclusión) está a distinta clasificación dos Tonechos (que andan pola metade)

25 January, 2007

Cousas para facer sorrir a Kapuściński

Filed under: Matrix Press

Ryszard Kapuściński non era dos meus escritores favoritos-favoritos, pero si dos escasos xornalistas admirados, e mais nestes tempos nos que está caendo a que está caendo. Sempre odiei calquera rito mortuorio, así que a miña coroa ten dúas flores para recordar o reverso friki que ten calquera noticia.

(Por certo, gracias a Edilberto, aínda que eu non sexa Alfonso Pardo, pola súa boa memoria).

 

 

21 January, 2007

As cousas claras

Filed under: Xeral, Matrix Press

 

 Outras preguntas posibles:

  • ¿Debe a Xunta seguir obrigando ós nenos a ler e escribir en castelán?
  • ¿Ten dereito a Administración educativa a obrigar a aprender a ler e escribir?
  • ¿É positivo que se impoñan ós infantes os complexos usos matemáticos?

 (Poden aportar as súas propias preguntas con resposta inducida)

5 January, 2007

Facendo amigos

Filed under: Xeral, Matrix Press

 Se outra vez me dá por facer traxes, mellor non incluir o e-mail

30 December, 2006

O que deu de si 2006

Filed under: Si home si, Matrix Press

Por estas datas, todos os medios de comunicación se poñen a facer un repaso do ano. Os temas máis decisivos, as crónicas máis incisivas, as reportaxes máis descritivas, as imaxes máis impactantes, os vídeos máis rechamantes e os sons máis suxerentes destes doce meses. É xa unha tradición compilatoria que supoño que naceu –e no caso concreto desta columna é por esa razón – para dar enchido neste época de escaseza de noticias. Para poder entrefrebar algo de información entre tanta publicidade, ou quizais pola mesma estratexia comercial das discográficas de vender en cd o material que antes nos colocaran en vinilo: para colocar dúas veces un material xa amortizado. (more…)

14 December, 2006

Seducción á arteixana

Filed under: Matrix Press

A pudibunda portada para todos os públicos:

E a escabrosa realidade, no interior:

3 December, 2006

Gamoneda, a poesía en galego e os matices

Filed under: Xeral, Matrix Press

Dúas interpretacións (o suliñado é meu) de declaracións do premio Cervantes, Antonio Gamoneda:

Sobre el panorama actual de la poesía española, opinó que, "yo incluido, no está en un buen momento" y situó otras escenas literarias, como la portuguesa o incluso la escrita en gallego, a un nivel superior. (EFE)

…Incluyéndose a él mismo, Gamoneda declaró que la poesía española no está en un buen momento, "cualitativamente está por debajo de la de Portugal o la poesía que se escribe actualmente en gallego. (Europa Press)

E unha proba de que esa apreciación vén de vello, e non foi algo que lle escapou:

Antonio Gamoneda: "Está muy bien. Ahora está en Galicia un chico que a mi me interesa mucho también, Abeleira. Es venezolano y está escribiendo en gallego. De padres gallegos, nacido en Venezuela y educado en no sé dónde, estuvo una temporada en Madrid, escribió en castellano bien y ahora ha publicado un libro en gallego.

Está bien esto, además, como yo pienso que la poesía que se hace en España en lengua castellana está, en términos generales, flojita, pues son buenas las inyecciones de ultramar y las de las lenguas peninsulares… es muy difícil encontrar en España un poeta como Méndez Ferrín, aunque me parece que ahora apenas hace cosas". (Revista ALMACÉN, agosto 2001)

A ver que conta disto Eloisa, que leva tempo calada…

23 November, 2006

Non, que va

Unha cousa non quita a outra

13 November, 2006

Galeguización imparable

Filed under: Matrix Press

Gracias ás novas tecnoloxías, a introducción e consolidación do noso idioma vai like a moto. Afecta ata á conselleira María José Rubio, segundo as previsións dunha coñecida axencia de noticias.

31 October, 2006

Catarse ética

Filed under: Xeral, Matrix Press

Como todo o mundo, teño días, pero este en particular – e perdoen vostedes- estou que rebento, e todo porque son periodista. Non será para tanto, dirán, entre outras cousas porque esta profesión presenta niveis de subemprego propios da construcción e horarios tan dilatados como na hostelería, pero con salarios máis reducidos. Todo o que queiran, pero formo parte dese gremio de adalides da verdade que están a desvelar a corrupción do ladrillo. (more…)

26 October, 2006

Catástrofes

Filed under: Si home si, Matrix Press

Posiblemente vostedes pensen que as cousas ocurren porque si, e os sucesos acontecen onde lles cadra. Lamentablemente, non é certo. O que pasa é porque está de dios que pase, segundo a vella crenza popular, pero o que se ve que pasa está da man de xente que chegou á conclusión de que a verdade é máis verdade se o público ten unha idea previa do que é verdade. Os fenómenos extraordinarios, por decilo á brava, véndense mellor se están anunciados en televisión. (more…)

14 October, 2006

Os libros arden mal

Filed under: Xeral, Matrix Press

E por riba, ás veces non se dá noticia de que saíron á luz.

 

 

(more…)

10 October, 2006

Feliciano

Filed under: Si home si, Matrix Press

O sistema habitual de argumentar coma un parvo é elevar unha anécdota persoal a categoría xeral. Pero tamén hai asuntos tan complexos que o mellor xeito de entendelos é en base a unha experiencia individual. En concreto, a min revelóuseme en gran medida os intríngulis do rebumbio que se organizou na pasada década no que foi Iugoslavia cando o xornalista vigués Alfonso Armada contou nunha reportaxe as peripecias que pasou en Sarajevo para recuperar o coche que lle mangaran. Esta fin de semana, no mesmo xornal no que daquela traballaba Armada, exemplificaban o drama da inmigración no caso dun rapaz chamado Abdelgani, pero para min que o símbolo máis acaído do que pasa, ou da imposibilidade de evitar o que pasa é Feliciano. Feliciano Paolo Sampa. (more…)

29 September, 2006

O xogo dos erros

Filed under: Xeral, Matrix Press

Aquí hai dúas fotos da expedición ecoloxista do Xurelo, hai 25 anos, contra os verquidos tóxicos fronte ás costas galegas. Descubra as 5 diferenzas entre a foto orixinal e a publicada.

Os erros do Xurelo

SOLUCIÓN:                        

 solución

7 September, 2006

Endogamando

Gracias pola mención, Juan

24 August, 2006

Contos chinos

Filed under: Xeral, Matrix Press

Unha amiga natural dunha cidade que non é esta nin as veciñas, contoume o caso que aconteceu na súa hai días. Un bazar chino apareceu un día pechado e houbo quen deu en atribuír esa circunstancia a un suceso ben truculento. Un matrimonio de idade foi alí mercar algo, e en canto entrou a muller, pecharon de súpeto a porta, deixando ó home fóra, e considerablemente mosqueado. Por moito que petou e teimou, os propietarios aseguráronlle que dentro só estaban os dependentes, así que chamou á policía. En canto apareceu a autoridade, apareceu tamén a señora perdida, atada e cunha serie de sinais pintadas no corpo, marcando máis ou menos os sitios por onde extraer órganos. Este é, desde logo, un fenómeno que chama á reflexión, pero como non é o único, o mellor é numeralos. Este é o FR1(more…)

17 August, 2006

Trasacordo

Filed under: Xeral, Matrix Press

esquelas Cándido
(EL PAÍS, 16/08/06)

28 July, 2006

EL (o outro)

Filed under: Xeral, Matrix Press

Discrepaba un tanto do que dixo Touriño de Óscar Pereiro, de que era un exemplo para os nenos. Un deportista, un músico, un actor poden ser estupendos e divinos no seu, e uns monstros como persoas. Mesmo os escritores (no que coincido con Chesterton, un dos meus literatos preferidos, é nos aspectos que menos me gustan da miña personalidade).
Empecei a discrepar menos desde que houbo a polémica sobre a súa camiseta (xa saben, se era un idiota que se puña as camisetas sen mirar para elas, ou era un deportista parvo por atreverse a manifestar opinións)

pereiro

“El corredor gallego siempre se ha distinguido por su sencillez y modestia en las declaraciones y nunca había protagonizado ninguna polémica de ningún tipo, con lo que sorprende la prenda utilizada ayer durante su homenaje.
La cuestión queda en el aire: En plena guerra del Líbano, con una lluvía de misiles volando por todas partes, ¿Sería una estrategia comercial de la marca que patrocina a Pereiro? o bien, ¿Fue el propio Óscar el que eligió la camiseta consciente del mensaje que lanzaba?”

Agora, despois do rebumbio do seu posible ascenso como ganador, o contraste entre a súa actitude e o pensamento único mediático, discrepo aínda menos

17 June, 2006

Esperando ós bárbaros

Filed under: Matrix Press

Houbo aquí quen chamou xa a atención sobre o fenómeno que, sendo duros poderiamos chamar de tocar a rebato á sociedade. Sendo blandos, pódese considerar un intento de homologar Galicia coas sociedadades punteiras, aínda que sexa na crónica negra. Sendo realistas, pailanismo sensacionalista. De facerlle caso a algunhas informacións, os habitantes de varias urbanizacións de Santa Cristina (Oleiros) están atemorizados pola amenaza de bandas do Leste. Desde logo, o medo é libre, e a prensa tamén, pero os feitos están suxeitos á realidade. Igual que os animais que lle pegaron un tiro a un inocente en Coristanco con métodos orientais resultaron ser veciños do lugar, como todo o mundo sabía na contorna, os asaltos dos bárbaros do Leste consistiron na sustracción dos cartos dun bolso que estaba riba dunha mesa nunha sala coa porta aberta a un xardín, e no roubo dunha placa vitrocerámica nun piso en obras. A única violencia rexistrada na zona foi unha labazada que apañou un presidente de comunidade duns rapaces ós que lle chamou a atención por estar fumando canutos (precisamente cando acababa de deixar as forzas de seguridade inspeccionando o lugar dos feitos). Por moito que o máximo sustentador da teoría do perigo rumano sexa un hosteleiro revestido da autoridade profesional de ter sufrido tres roturas de luna de escaparate, o esquelete dos feitos dá, como moito, para darlle algo de substancia a unha trama menor de Aquí no hay quien viva. Pero entre a potencia do medio emisor e o coro que lle fixeron tertulias radiofónicas por toda Galicia, xa temos montado un agromo de gripe aviaria (por certo, que foi dela?).

Agora, denunciado o caso, uns veciños terán medo dos rumanos, outros dos habitantes do planeta Reticulín, pero os que eu coñezo de quen teñen medo é dos periodistas.

12 May, 2006

Desmentido

CGAI (by La Opinión)

Sobre os rumores que últimamente sobrevoan o CGAI, teño que asegurar que entre DX Manolo (o director xeral de Promoción Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias) e eu soamente hai a posibilidade do comezo dunha boa amistade.

20 April, 2006

Especificidades

Filed under: Si home si, Matrix Press

o home da macheta
Estes días rexurdiu o eterno debate da especificidade ou non especificidade –a maneira non insolidaria e non excluínte de dilucidar se somos diferentes ou non- a conta dos accidentes. Se nos matamos máis por ser específicos sen recoñecer ou por directamente burros ó volante. Como o asunto dará moito máis de si cando o ministro Sevilla dea permiso, eu poño riba da mesa unha especificidade clara e indiscutible que descubrín mesmo antonte, aínda que xa había síntomas: os nosos sucesos son completamente específicos e propios, singulares sen deixar de ser plurais. (more…)

7 April, 2006

TVE (2)

Filed under: Xeral, Matrix Press

A risco de contradicir e defraudar a todas as persoas e institucións que mostran a súa solidariedade no asunto este da reestruturación de RTVE, teño que aclarar que, na miña modesta opinión, o problema non o teñen os traballadores. Ou polo menos a gran parte dos traballadores de RNE e TVE. O problema é para o resto da sociedade, por moi ampuloso que pareza. Aceptando como hipótese que recoñezo que xa é aceptar a promesa da patronal, sexa a dirección, a SEPI ou quen mande, de que non se vai ir quen non queira irse, o problema non é dos que se van, senón do que parece que vai quedar: unha cadea teoricamente pública que na práctica carecerá das ferramentas para selo, e que non terá outra que competir en inferioridade de condicións coas chamadas privadas (en realidade, concesións dun servizo público) ofrecendo máis do mesmo. Ata que, dentro dun tempo, sobreveña a conclusión tan inevitable como que se chove, ou te pos a cuberto ou móllaste: hai que pechala. (more…)

6 April, 2006

TVE (1)

Filed under: Si home si, Matrix Press

Onte estiven en folga (cometín folga, gustaríame escribir), creo que a primeira que fago por motivos estrictamente laborais desde hai unha chea de tempo. Foi esa convocada en RTVE contra o plan de reestructuración ou como lle queiran chamar porque en realidade é desfacerse de parte do morto que entre uns e outros foron matando, e que agora supoño que estará de actualidade non polo fondo da cuestión, senón pola forma en que afectou á emisión do TD1, interrumpíndoo. Non é unha queixa, esa é a esencia da televisión actual, co que a actitude dos interrumpintes pasa de laboralmente non moi correcta a impecable desde o punto de vista mediático. (more…)

2 April, 2006

A vaidade matou ó gato

Filed under: Xeral, Matrix Press

armando lexionario

Emotivo acto, polo que se ve. O malo é que, efectivamente, alguén viu de máis, e gracias ás novas tecnoloxías, puido comentalo:

Vaya caradura tienes Armando
Escrito por Un CONTRIBUYENTE de Teo el 2006-04-02 18:31:00
Revisen ustedes las fotos de la ceremonia, y fijense en los Sillones “barrocos” que se hallan detrás de los invitados. Para los que no los sepan, esos sillones ! LOS COMPRÓ EL CONCELLO DE TEO PARA EL SALÓN DE PLENOS CON EL DINERO DE TODOS!. ¿Alguien me puede explicar por que se encuentran en una propiedad privada del señor Armado (en Teo todo el mundo sabe que el hotelito es suyo, no de su familia). Si en este país los fiscales hicieran su trabajo…. “

21 February, 2006

Burshka

Filed under: Xeral, Matrix Press

Bershka
A historia repítese en forma de parodia. Un xornalista supoño que ocioso do xornal Al Bayan púxose a debullar se a etiqueta dunha camiseta que vendían na tenda de Bershka de Dubai (e nas dos outros sitios) atentaba contra os lugares sagrados da relixión musulmana, a conta da frivolidade da mensaxe (ben “durmimos aquí”, ben “unha chea de bicos”) tipo postal de lúa de mel. A empresa argumentou que a frecha apuntaba ós xardíns e que xa retirara as etiquetas antes de que saltara ós medios. Pero menudos son os medios, uns e outros, para deixar de apañar un euro antes de que caia ó chan.
A min o que me estraña é que, co tipo de roupa que hai en Bershka (incluída a de Dubai,supoño), o que lle chame a atención a un fanático relixioso sexa unha etiqueta.
chocolates Compostela bombós
(Aviso a navegantes: cando as barbas do teu veciño vexas pelar…)

12 January, 2006

Duendes de imprenta

Filed under: Matrix Press

Por certo, ó abeiro do caso Mena, Paco Vázquez fixo unha desas declaracións súas entre Pinto e Valdemoro, nas que ademáis do encendido amor a España que se lle supón, xustificaba o capón disciplinario ó tenente xeneral nos precedentes dos xenerais norteamericanos Patton e MacArthur, destuidos por irse da boca durante e despois da Segunda Guerra Mundial, na que os dous foron heroes e grandes estrategas, alomenos para a sociedade norteamericana. O xornalista que recolleu as declaracións, a pesar de que de Patton fixeron unha película, e MacArthur saía en varias e é autor dunhas das poucas frases coñecidas (“Volveréi”) atribuidas a un militar que non fose Napoleón, transcribiu MacCarthy, tamén norteamericano e tamén moi coñecido, pero senador e non militar, e que destruiu ó inimigo coas armas da delación e da manipulación xudicial. Que eu saiba, o medio non rectificou. Exactamente igual que hai uns días, o feito de que unha deputada do BNG asistira a un pleno do parlamento despois dunha traxedia familiar atribuise alegremente ás férreas instruccións emanadas pola superioridade, sen confrontalo con ela nin, que eu saiba coa superioridade, non sexa que a frase quedara menos graciosa e menos reveladora dos usos e costumes que gastan algúns. Se o fixera, o disposto plumilla podía desvelar por exemplo a noticia de que nas horas previas ó óbito, a nai da deputada estivo tres días no CHUS de Santiago nunha cama situada no metido dun corredor, sen que nin a deputada nin o seu irmán (asesor da Vicepresidencia) que a velaban fixeran valer as súas respectivas condicións para mellorar o trato. Claro que esa noticia non reforzaría o dos férreos usos que citaba antes.

11 December, 2005

Anexión

Hai anos, un amigo que foi a Madrid por primeira vez, alucinaba co doado que era sacar de quicio á xente. Parado en calquera semáforo, divertíase tocando o pito e comprobando como os outros conductores organizaban unha desconcertada sinfonía de bocinas contra ninguén, porque a luz estaba vermella. A actual situación política española é cuspidiña, e senón conten as veces que asoma a palabra “anexión” nas portadas e nos informativos destes días. (more…)

4 December, 2005

Depresión profesional

Filed under: Si home si, Matrix Press

A semana pasada caín na tentación de asistir a unha desas convocatorias gremiais onde se discute sobre a información, ou máis ben sobre como se informa e sobre como se debería informar. Normalmente resístome porque todos sabemos que se fai mal e por que, e o pouco remedio que ten, aínda que ós informadores, exactamente igual que ós informados, o que nos presta é que nos reforcen as opinións que previamente temos. (more…)

29 November, 2005

Máis problemas cos millóns

Parecía unha parvada, pero leva camiño de se converter en:
A.- Un xénero periodístico
B.- Un uso social
O de agachar como sexa a identidade cando che tocan unha chea de pasta. Ó agachad@ de Zas únese agora o escondid@ de Noia, con grande alborozo dos encargados nos medios de procurar “noticias de interese humano” (que non parecen así asumir a secuela: que as demais que poñen son de interese animal ou de interese inexistente) e con grande mosqueo de:
A.- os presuntos veciños do premiado
B.- Os da Lotería, que ven como se lles escapa a grande promoción para os seus productos que sería ver a un tipo todo nervioso cargando un feixe imaxinario de pasta.
O mosqueo da cúpula loteira é tal que:
A.-En privado recordan que hai xogos de azar nalgúns sitios do mundo (EEUU) que inclúen nas normas a obriga de saír nun show televisivo en directo para poder cobrar o premio.
B.-Interiormente, debaterán a obriga de que se presente alguén non necesariamente o agraciado, valería un cuñado ou un notario, que tamén aseguraría o anonimato para cobrar o premio.

21 November, 2005

Discreción

Filed under: Xeral, Matrix Press

Eu coincidin con Manuel Olveira hai unha chea de tempo nun debate televisivo sobre culturas alternativas e tal, eu de representante do bravú e Toñito de Poi do antibravú, eu esbardallando contra Toñito que el era máis bravú que ninguén, e el desmentíndoo. Olveira tentaba poñer racionalidade e alta cultura no asunto, e por eso me quedei co seu nome. Agora nomeárono director do CGAC, e como se nada. Xa sei que saiu nos medios dígoo para que Mourullo non me pase polos fuciños unha chea de links pero non deberon darlle moito bombo (eu soubeno por Vieiros). Todos os que enchen páxinas e tempo con disquisicións sobre movementos subterráneos, acordos e trasacordos no goberno galego déronlle a mesma importancia á designación do rapaz discreto que levou Hangar ós mentideiros da arte europea que se puxeran ó cuñado de alguén. Os mesmos que recollerán logo opinións de intelectuais que len a Dan Brown (ou é Don Braun?) e se queixarán do elitismo da política cultural en vista de que non se poden queixar do enxebrismo.

9 November, 2005

Cuatro

Filed under: Si home si, Matrix Press

4
Momentos históricos nos medios de comunicación cada vez hai menos. E o que é peor, os que pensabamos que o eran desvanecéronse no tempo como gotas de chuvia, igual que os recordos do replicante de Blade Runner. Teño presente a aparición de El País (aínda que soamente fose porque o mundo da prensa daquela era aterrador) e a deste xornal (aínda que fose polo medo de ter que facer columnas cada dous días). Non lembro demasiado a irrupción das televisións privadas, e eso que supuñan un auténtico terremoto no panorama catódico (aínda que non imaxinaba o cataclismo que chegarían a ser). Moito me temo que a estrea de Cuatro non vai mudar demasiado o meu esquema de recordos. (more…)

24 October, 2005

Abeirando

Filed under: Matrix Press

Non puiden ir a Láncara, á entrega do Premio Ramón Piñeiro-Facer País que argallan uns amigos da miña terra (con minúscula, da miña aldea, vamos) e que este ano lle deron a Xosé Manuel Beiras. Vino pola tele, nun bar, e cando lin en Vieiros o discurso do premiado, “A declaración de Láncara“, alucinei. Que o ex líder pero aínda símbolo do BNG se proclame independentista non mereceu nin unha liña nin un segundo nos medios de comunicación. Imaxino que os mal pensados coidarán que é un silencio imposto por razóns ideolóxicas. Desgraciadamente, nin eso.

20 October, 2005

Dúbidas profesionais

Filed under: Matrix Press

Hoxe fun a unha visita da directora xeral de Institucións Penitenciarias, Mercedes Gallizo, ó cárcere de Teixeiro. O motivo era a inauguración dunha sala de videoconferencias que evita ter que trasladar ós presos (“internos”, no argot administrativo, outra mostra do machismo lingüístico, porque “internas” son as criadas) ós xulgados para os trámites xudiciais, quitado o xuízo propiamente dito. Informativamente, a cousa non daba nada de si (e de feito, estabamos dous gráficos e dous plumillas). Sen embargo, na conversa que mantiña con outras visitantes (a directora xeral de Interior da Xunta, a subdelegada do Goberno na Coruña), víase que tomaba nota para aplicar noutros establecimentos penitenciarios as experiencias de Teixeiro. Unha, a da videoconferencia. Outra, que a sala a reformaran e decoraran os propios reclusos (demostrando de paso que o teórico labor educativo e rehabilitador da prisión non inclúe o sentido do gusto). A maiores houbo anécdotas como que a responsable estatal das trenas foi a única que se sentou nas cadeiras de deseño (inestable) destinadas ós videoconferenciantes internos para ver como se vía, que ó remate do acto dixo polo baixo “queda inaugurado este pantano”, e que ó saír enganchou un tacón nunha reixa do piso. Tamén o comentario dun funcionario ó ver o sexo (o xénero, aclaro con corrección máis política que lingüística) das autoridades: “mujeres al poder”.
Ata aquí, os feitos comprobados. Desde aquí, as dúbidas: ¿unha información que recollera todo eso sería máis interesante? ¿Sería correcta, ou unha frivolidade (fosen os protagonistas homes ou mulleres)? ¿Que opinarían editores, público, e de paso os protagonistas, igual de conscientes que os anteriores da pouca importancia real deses actos?

19 October, 2005

Transporting

Filed under: Si home si, Matrix Press

Nun tempo morto dunha das batallas da guerra do transporte, estabamos varios colegas botando un pito, cando un colgou o móbil polo que debía estar falando co seu xefe. “Xa se cren as súas propias mentiras. Preguntoume que tal estaba eu de aprovisionado”, comentou. “Menos mal que Pedro Ruiz xa non traballa en televisión, senón seguro que facía unha gala solidaria para mandar alimentos ós galegos”, dixo outra. Desgraciadamente, xa non fan falta nin galas solidarias para converter un conflicto nun espectáculo. (more…)

16 October, 2005

Escritores

Filed under: Si home si, Matrix Press

“Estes son malos tempos. Os fillos deixaron de obedecer a seus pais e todo o mundo escribe libros”, queixábase Cicerón de como andaba o mundo hai máis de dous mil anos. Imaxinen agora. E se neses dous milenios o tan espiñento asunto da desobediencia filial chegou a onde chegou (por exemplo, xa non queda infante ningún que trate de vostede ó seu proxenitor), non lles digo a escritorrea que nos invade. (more…)

6 October, 2005

4

Os números son importantes, e non soamente polo que vostede está pensando (e eu, para que enganarnos). Os vellos métodos de entender o mundo (anteriores a Google), desde a Biblia á Cábala, atribuían ó número 1 a divinidade (simboloxía que pervive hoxe, tanto na mafia como no sistema electoral). O 2 representaba ó home e a súa dualidade. O 3, a totalidade ( o presente, o pasado e o futuro). O 7, a cifra simbólica por excelencia, era a perfección, igual que o 12, que representaba ó goberno divino (e por eso a bandeira europea quedou na ducia de estrelas, aínda que agora haxa máis estados membros). Pero o máis curioso é o caso do 4, un número en aparencia plano e obvio, que na Biblia simboliza a creación (os catro puntos cardinais). Hoxe, miles de anos despois de que os listos do lugar atribuíran propiedades máxicas a unhas abstraccións que hoxe nos parecen elementais, se hai un número de moda, é o 4. (more…)

12 September, 2005

A cara oculta

Filed under: Matrix Press

art
O outro día fun cubrir a noticia dun iate alemán que embarrancou onda a praia do Trece, entre Camelle e Camariñas, no mesmo sitio onde se desgraciou o mítico pero real Serpent. A noticia non era soamente, ou principalmente, o novidoso feito dun naufraxio dun barco de luxo na Costa da Morte, senón que houbo uns que recuperaron a tradición dos raqueiros, os saqueadores de pecios. Chegaron en dúas lanchas, a pleno día, e apañaron todo o que puideron, ata o asento do piloto. Os veciños, diante da cámara, como moito aseguraban “si, algo sentín que desvaligharan o barco. Uns de… de non sei onde, pero sentín que saquearan bastante”. Fóra da cámara, o relato mesma dalgunha autoridade era un chisco menos idiosincrático pero máis rico: “Chegaron e o primeiro que fixeron foi coller o champán e picar uns chourizos. E logo deron en desarmar todo. Ós que estaban en terra berrábanlles ‘mirade que barco compramos’”. O axente da aseguradora, un alemán era algo máis explícito co micrófono diante (“hicieron un saqueo en toda regla”) pero aínda máis detrás do chintófano: “fui a un bar de ahí, y dije que había cosas que no importaba perder, pero que estábamos interesados en recuperar un aparato concreto. Uno del bar dijo en alto: ‘no se preocupe que eso aparecerá’”. Os que din que as imaxes valen máis que mil palabras non fixeron información para a televisión.

17 August, 2005

Moito que contar

Filed under: Matrix Press

afganistán
O día que se soubo o da traxedia de Afganistán, chamoume un colega chamémoslle V que non ten a miña sorte de estar de vacacións. El tiña que papar informativamente o drama, e coma sempre, intercambiamos comentarios sobre o moito que dexenerou o xornalismo de sucesos e a incomodidade que supón terlle que entrar ós achegados das víctimas en momentos así. (Wenceslao Fdez. Flórez deixou o reporteirismo polo columnismo o día que non se atreveu a preguntarlle ó desolado propietario dun aserradeiro coruñés arrasado por un incendio pola cuantía das perdas). V decíame que alí ninguén quería contar nada, os achegados con razón e os non achegados, con máis porque non sabían nada.
figueirido
Estaban todos os xornalistas lambendo esa ferida da falta de drama, cando chegou o equipo dun deses programas de directo. Na primeira e inmediata conexión, o animoso informador deu conta de onde estaba, do drama que alí pasaba, tal e como podían imaxinar os espectadores que efectivamente, tiñan que imaxinalo e que nunha próxima conexión contarían máis, “porque aquí hay mucho que contar”.
Na próxima conexión o que tiñan era a unha camareira, obviamente levada a rastras, que contestaba con monosílabos ás preguntas destinadas a sonsacarlle as vidas e milagros dos heroes falecidos na súa faceta de parroquianos. Ademais de pouca disposición a contar nada, a entrevistada tiña pouco coñecemento de quen eran en concreto as víctimas, e o que é peor neses casos, pouca imaxinación, co que a entrevista era un monólogo do informador. De alí a dez minutos, os xefes doutro reporteiro gráfico chamárono de Madrid para decirlle que lle fixera unha entrevista á camareira.
Con eses bimbios, é de supoñer os cestos que fixeron despois.

4 August, 2005

Son os cartos, estúpidos

Filed under: Matrix Press

Eso dos polos comeza a ser grave. Primeiro foi aquela famosa gripe aviar asiática, que conmocionou a todo o mundo, e matou menos xente que o tráfico en España unha fin de semana calquera. Agora é a crise do polo-asado-envasado-al-vacío. Esta mañá, na SER, os tertulianos chegaron a unhas conclusións implícitas, que non explicitaron:
1.-Todo o que dependa das administracións autonómicas vai como vai.
2.-A xente non se entera do que din as autoridades. Quizais habería que implicar ós concellos, dixo unha señora que debe pensar que nos concellos aínda anda un tipo cunha corneta decindo os pregóns, como no que posiblemente veranea ela. Afortunadamente non propuxo a obrigatoriedade de facilitar o noso número de móbil ás autoridades para que nos avisen vía SMS do que consideran que nos debe interesar.
3.-Con todo, é raro que coa matraca que deron co tema desde o primeiro día, houbera xente que seguira papando Pollos Pimpollo tan pimpantes.

Posiblemente houbo máis conclusións, pero quitei a radio e puxen a casete deste mes. Ademáis, a solución xa a sei. Alguén que nun sitio como Monforte, e xa non digamos Lobios, compra un polo que se chama Pimpollo é porque é moito máis barato que os outros, a pesar de que os teñan que traer desde La Mancha. É decir, o target de Pollos Pimpollo é o público que non le periódicos, nin escoita os informativos, nin se pode preocupar doutra información que a do prezo das cousas.

E vexan a última imaxe da guerra dos polos
choque polar
A colisión polar entre un camión de Pimpollo e outro de Coren (rexistrada polo ollo do Gran Hermano)

Top panexírico

Dentro do emerxente xénero panexírico, veleiquí o top.

(como o xornal onde vén non o inclúe na edición dixital, aló vai o texto:

SOUL DE AGOSTO

Los dos goles de Quin

(Primeros de agosto de 1989. Yo estaba en Pereiro persiguiendo a Hemingway, que un día montó un follón en Nueva York para vivir la experiencia al otro lado, al límite).
Once de la mañana, cuando los presos dan sus paranoicos paseos por el breve patio meditando cómo nos mueve el destino. Suena el cerrojo, se abre la metálica puerta y allí está él, rodeado de algunos de los suyos. Amigo, para nada me recordó el certero verso castellano “Al destierro con doce de los suyos/ polvo, sudor y hierro/ el Cid… ”. No, ¡qué va!
Sin más, con serenidad, avanzó hacia el patio: pétreo, leve sonrisa, el paso de los que creen en sí mismos; como ha de ser, listo para vivir abierto su experiencia carcelaria.
Estaba yo al cargo de una emisora de radio que habíamos creado y de una pequeña biblioteca. En nombre de todos le di la bienvenida; por los periódicos sabíamos que había tenido un follón con el alcalde de turno que dormitaba en aquel Allariz polvoriento y olvidado.

Recuerdo bien el instante. Le clavé los ojos y te juro, amigo, que ya traía en las pupilas el dibujo del Allariz soñado que más tarde construiría.
En el 89, Pereiro tenía cierto “soul”. 300 chicos del lado salvaje, un par de ancianos que con una azada golpearan a un vecino por cuestiones de lindes, y tres o cuatro violadores que, de vez en cuando, recibían secretas palizas en los baños. Bermúdez, el alcalde, un tipo enrollado, bajaba cada día a hablar y fajarse con los chicos más duros del módulo dos.
Pero te estaba hablando de Anxo Quintana. Enseguida, solidario, invitó en el bar a café a la extensa camada de los sin dinero. Caminamos. Pronto reflexionó con lucidez: “Carajo, aquí sólo veo hijos del agobio y de la marginación. ¿Dónde están los capos, los banqueros corrompidos, los que manejan la pasta detrás de las mesas de caoba?…”. Entonces pasó un grupo de chicas del módulo de mujeres. Venían de hacer alguna labor. Una lo miró lentamente de arriba abajo y le espetó: “Tío, soy Marisa, ¿tú como te llamas? Envíame recado para pedir un vis a vis”.
Un poco alejada ya, aún le gritó: “Un beso para ti donde más te mole”
Otro día jugó un partido entre internos y y goleó un par de veces al portero, un tipo del que nada sabíamos, sólo que tenía para 20 años y un día. El entrenador dijo: “Ya tenemos delantero centro. El alcalde me dijo que iremos a jugar por ahí, vigilados, claro, por la Guardia Civil”.
Pasaron los días. Quin, siempre generoso, los ojos muy atentos a todo lo que ocurría. Seguro que lleva en su mente el maullido de tos gatos en su festín de ratas al anochecer y los rostros pálidos de los reclusos, la uña del pie de esta sociedad
Días después su nombre sonó por el altavoz y él, al viejo estilo penitenciario, regaló su chándal y algunas pertenencias a un desvalido. En la puerta entregó los restos del dinero a aquel portero al que quedaban 20 años y un día.
(Hoy, en alguna prisión del país, el portero verá asombrado por televisión que Quintana es vicepresidente de la Xunta y dirá altivo a su compañero de celda: “Tronco, míralo, le conocí; me metió dos goles de bandera, me regaló cien duros al irse; es un tío legal…”)

Jaime Noguerol

(La Región, 4 agosto 2005)

Un curita cañón

Filed under: Matrix Press

Ponte

O meu tocaio e veciño de páxina D. José Manuel Ponte, honra y prez do columnismo patrio, xornalista veterano recuperado por LA OPINIÓN, pai dunha modelo que a maiores de guapa non parece tonta, estrea ou eso penso sección no xornal que non dou linkeado pero pódena ver na contraportada do tal xornal. El caballo del fotógrafo, ademais da referencia culta ó mítico cabalo de Foto Paco, é unha recuperación daqueles fotorretratos que facía Juan Marsé en Por favor pero mellor, porque son máis rabudos (textos lights, os xustos)

14 July, 2005

Ritos de apareamento II (o impreso)

Os medios de comunicación galegos en xeral, e algúns en particular moito máis, parece que levaron un golpe na cabeza, ou dous: un o 19 de xuño e o outro o 28. Estase producindo o parto dun novo goberno e asistimos ós estertores dun réxime, dous fenómenos inéditos na nosa historia recente, somos protagonistas dun mes que conmoveu a esto que será o cú do mundo, pero é o noso cú, con perdón, e nós ó importante, a entrevistar bañistas.

(more…)

8 July, 2005

Singapurazo

Filed under: Si home si, Matrix Press

Estarán xa ó tanto do singapurazo. En sóubeno pasada a unha da tarde polo desolado comentario duns madrileños, ou máis exactamente da banda madrileña dunha familia tudense, cando aparcaban xusto ó lado nos arredores da Fortaleza de Valença do Minho. No pudo ser, que din tan frecuente como pouco axeitadamente os informadores deportivos (porque ser, puido ser, o que pasou é que non foi). E como lles decía onte, xa se sabía que o de Madrid 2012 non ía ser, pero iso non quita que se lle dera ó bombo de que podería ser coa mesma aplicación e a mesma subvención que o famoso Manolo o do bombo. Así que, con ese espírito tan hispano do fair play, agora soamente queda ver a quen se lle bota a culpa do fracaso. (more…)

Madrid 2012

Filed under: Si home si, Matrix Press

Estou estes días de praia, lendo o periódico cando o pillo e vendo a televisión a cachos e medio nos bares. Desde esta perspectiva veraneante, comprobo que, efectivamente, asuntos como a reforma do estatuto –calquera estatuto- non forman parte das preocupacións medias da sociedade, moito máis preocupada en saber que tempo fará mañá, onde demo estarán eses nenos que dixeron que ían andar “por aquí” e se chegaron xa os Menganos. Claro que tampouco detectei inquedanza ningunha, nin siquera curiosidade polas posibilidades de que Madrid 2012 pase de ser un proxecto e unha campaña a unha realidade futura. Hai que ver como unhas poucas sesións horizontais ó sol dilúen calquera tema de importancia decisiva e candente actualidade. (more…)

3 July, 2005

Vayapordiós

Resulta que me escolleron, designaron ou como sexa o método, para formar parte da Comisión Técnica de Xornalismo Cultural do Consello da Cultura Galega. Mandáranme unha carta que non recibín ou perdín, mandáronma de novo, moi atentos, e dixéronme que tiña que aceptar por escrito. Aceptei, e ó día seguinte convocáronme para unha xuntanza. Ocupado nas negociaciós para formar goberno, non puiden asistir. Agoro atópome coa xusta e menos mal que anónima crítica de Jaure, que si asistiu. Sorry. De todas formas, eu de periodismo cultural… se xa coñezo apenas a metade dos que saen en Babelia e casi ningún dos do EP3
Procurarei cumprir a próxima vez (se é que me convocan outra vez)

2 July, 2005

Arrepentirvos

Todos aqueles que votaron nacionalista, ou sen chegar a votar poideron ter desexado votalos, ou votaron ós outros pero puideron telos votado, que reflexionen. Que vexan agora as consecuencias de tanta inconsciencia.
E menos mal que baixaron. Se chegan subir…

28 June, 2005

Radio-grafía de Galicia

Unha mostra da importancia que tén que lle dan a Galicia os grandes medios de comunicación: ningún ofrece información do caida do Imperio Fraguiano a partir da medianoite.
Unha mostra da importancia que teñen os medios de comunicación radicados en Galicia, ou que ten Galicia para os medios galegos: ídem

27 June, 2005

Imbéciles e escuros

O que sempre me gustou do Himno Galego é que, fóra do habitual nesas composicións que adoitan exaltar o ardor guerreiro propio e ofrecer unhas labazadas ós alleos que se poñan por diante, se dedique a facer unha chea de preguntas sobre as cuestións que preocupan ós pinos e outros seres vexetais. Pero ultimamente vénme máis á cabeza esa fragmento da terceira estrofa, cando o poeta ou o pobo ou quen sexa se pon faltón e sentencia que “mais sóo os iñorantes/e féridos e duros,/imbéciles e escuros/non nos entenden, non”. Porque mira que hai imbéciles ós que non nos entender nada non lles impide depositar sentencias.

Falo desa caterva de columnistas e tertulianos que se sacuden a desgana de opinar sobre que está pasando aquí soltando co seu indiscutible inxenio habitual os tópicos ignorantes que xa satirizara Wenceslao Fernández Flórez vai para case un século. Ou os redactores de informativos das cadeas privadas, que afeitos a vender espectáculo disfrazado de información, elaboran crónicas políticas sobre as eleccións galegas co mesmo rigor que analizan os ingresos hospitalarios de Belén Esteban, e coa mesma claridade de ideas e finura de conceptos que se lles redactara o texto o taxista que os leva a San Sebastián de los Reyes. E non establezo diferencias apreciables entre as posturas progresistas e as cavernarias. Os primeiros contéñense para non chamarnos trogloditas (no caso de Juan José Millás, conténse pouco) e os segundos –ultimamente pouco afeitos a conterse – non se recatan en nada máis que en dubidar se cuestionar radicalmente os resultados ou en se botarlle a culpa a Zapatero e/ou a Carod Rovira tanto da campaña como dese voto emigrante que acaban de descubrir e do que desconfían agora con tantas razóns como tiña Santiago Bernabeu (o presidente, non o estadio) para queixarse dos árbitros.
Tanto a uns como a outros habería que recordarlles algunhas situacións políticas absolutamente patéticas sobre as que non recordo tanta soltura opinativa. En cuestión de prácticas de poucas trazas democráticas, recordo as curiosas alianzas andaluzas do PP coa Yakuza de Gil y Gil, por non falar do espectáculo uzbeko das últimas eleccións á Asemblea de Madrid. Ou que a presidencia da Comunidade Valenciana estivo ocupada unha chea de tempo (todo o que quixo, ata que o fixeron ministro e saíu alegremente por patas deixándolle o tinglado a un que estaba por alí) por un prócer como Eduardo Zaplana. Sinceramente, ó seu lado, non só Manuel Fraga é Winston Churchill, senón que Alberto Núñez Feijoo é John F. Kennedy e Xosé Manuel Barreiro, Al Gore. Xa metidos en comparacións odiosas, Manuela López Besteiro é Hillary Clinton ó lado de Esperanza Aguirre. E Xesús Palmou reviste o cargo de secretario xeral co empaque de Kofi Annan se o comparamos co desempeño que fai del Acebes. E creo recordar que na moi cosmopolita e urbana cidade de Madrid houbo un alcalde chamado Álvarez del Manzano co que se metían o xusto, cando era como se o cura Don Felisindo ese que pastorea Verín rexera o concello de Santiago. A ver se hoxe remata o reconto, e con el a matraca que nos están dando.

(para luns 27 de xuño de 05)

8 June, 2005

Contribución deportiva

Filed under: Matrix Press

“Lo de Joaquín Caparrós ya es oficial. El hispalense podría viajar a Coruña durante esta jornada para rubricar el contrato que uniría al de Utrera al Deportivo por un año”.

·Suliña as palabras que non coñezas e reflexiona sobre elas
·¿Sabes cal é o xentilicio dos orixinarios de Utrera?
·Poderíase traducir este texto por “o Deportivo ficha a un adestrador sevillano que podería vir hoxe a asinar o seu contrato” ?

(Nunca recoñeceremos no que vale a contribución do xornalismo deportivo á formación cultural popular)

5 June, 2005

Gulf War bis

Aseguran os que saben, ou ós que lle supón que saben, que a campaña decidirase nos medios audiovisuais, máis que nos escritos. Véñeno asegurando, de feito, desde que Kennedy lle ganou a Nixon en milnovecentosesenta e tantos, como se o electorado en conxunto como tal, como animal de compañía, necesitara da televisión para escoller entre aqueles dous. 40 anos despois, tal novidade chega a Galicia, e os que gobernan nas mensaxes electorais non son os ideólogos individuais, nin eses pensadores colectivos chamados think tanks, senón os consultings de marketing, os autodenominanados grupos de comunicación (as axencias de publicidade de toda a vida). Esta xente, chámese como se chame, son os que argallaron que nesta campaña se lle facilitaran ás televisións as imaxes dos mitins, que chegan por satélite ás redaccións. E as televisións, evidentemente, eternamente agradecidas polo aforro de traballo e de gasto.

O malo é que non hai nada de balde. No que se chama sinal realizada, cada un mete o que quere. Por exemplo, o PP afórralle ós espectadores os percorridos abaneantes pero decididos de Manuel Fraga camiño do micrófono. O candidato Fraga aparece sentado ou parado, e logo por milagre catódico (o que no cine chaman elipse narrativa) reaparece disposto xa no atril, igual que un santo na peana. Como se ademais de dar por sentado que o presidente presidenciable está mentalmente coma un buxo, nos quixeran demostrar que se manexa fisicamente coa prestancia de Djukic sacando o balón xogado desde a área grande. Nesta situación, pretender obter imaxes propias está tan mal visto como rexeitarlle a Don Corleone unha oferta desas que non se poden rexeitar, e os desagradecidos equipos que pretenden mirarlle os dentes a eses cabalos regalados, saen a discusión diaria para poder gravar o que queren. Tamén as imaxes que se transmiten graciosamente dos mitins socialistas están cheas de fundidos (das multitudes abandeiradas ós candidatos sorrintes) que duran unha eternidade, polo que é un traballo ímprobo dar feito unha información sen caer na estética do videoclip. A escaseza de medios da campaña nacionalista fai que nos actos do BNG os candidatos saian arrubiados, como se acabasen de almorzar a base de touciño, que queda moi étnico pero pouco electoral.
En definitiva, o barato sae caro, non soamente para os electores, senón para as propias opcións retransmitidas. Se a información electoral, ademais de pouco amena, se vai parecendo ós anuncios de coches, non lle vexo moito futuro como elemento persuasor. E tamén é malo para os medios, porque estas técnicas de subministro controlado e unidireccional da información xa se utilizaron na Guerra do Golfo. Daquela colaron. Despois a xente fiouse de internet.






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here