Este blog mudou de servidor, agora está en sihomesi.com

si home si

6 July, 2007

Destinos

Filed under: Non sei eu...

Practicamente á vez, o destino cebouse de moi distinta forma en dúas persoas da miña xeración, cos que tiña trato de vello. O mundo éche así, e o mal é do que se vai, dicían na miña casa xente que tampouco está, quitado na miña cabeza.

20 March, 2007

Lupe

Filed under: Xeral, Non sei eu...

Cando leo unha entrevista, sexa en formato pregunta/resposta ou non, a maiores do que din esa parella de feito circunstancial, cada vez máis fíxome no canizo que hai detrás da conversa. Cando lin a que lle fixo Fran Alonso a Lupe Gómez, deume un arreguizo. Non coñezo da nada a Lupe, mesmo tiven unha reacción un tanto fraguiana ó título do seu poemario, pero poucas veces un texto xornalístico me puxi ben claro, por moito que xa as soubera, dúas cousas: a diferencia que hai entre o grao e a palla en poesía, e esa inmensa mentira – cando non canallada – do bilingüismo harmónico.

18 March, 2007

O galego 495

Pois iso, segundo un grupo de notables consultados polo grupo Correo, son o número 495. A primeira vista, entre as cousas rechamantes (ademais da miña inclusión) está a distinta clasificación dos Tonechos (que andan pola metade)

13 December, 2006

Daqueles polvos…

Filed under: Non sei eu...

Aquí un magnífico proxecto, con defectos como mirar cara atrás con benevolencia. O outro día, un compañeiro de instituto ensinoulle outra mostra desa tendencia revisionista ó meu fillo: "sóache de algo este tipo?". Soáballe. Logo, na casa, cando mo ensinou el, tiven que improvisar unha longa – e témome que pouco convincente- explicación sobre o contexto social da época, a variación dos significados lingüísticos co tempo, que quizais bebera un chisco para baixar unha comida pesada de máis…

7 December, 2006

O da hora

Filed under: Non sei eu...

Segundo unha investigación sociolóxica, que diría Mercedes Milá (e en realidade segundo un exercicio de vaidade como non teño outra que recoñecer), a columna de hoxe foi a máis visitada de todas as das outras edicións de EL PAIS, Madrid e Cataluña incluidas.

7 September, 2006

Endogamando

Gracias pola mención, Juan

31 August, 2006

Baby boom

Non sei ata que punto é unha apreciación subxectiva, dáme que hai unha chea de xente tendo pequenos/as ou inmersos no proceso. Que hai un certo baby boom, con permiso dos demógrafos. Con permiso dos economistas, quizais sexa pola obviedade de que nunca os nenos foron un ben tan escaso, e polo tanto valorado. E co permiso dos sociólogos, quizais se deba a que unha parte importante da sociedade, a máis influenciable polos ires e vires do entorno, se sinta máis relaxada desde que non parece obrigatorio terse que reproducir. (more…)

11 July, 2006

Nacido o 11 de xullo

Filed under: Xeral, Non sei eu...

Empecei isto vai hoxe un ano. Por varias razóns, entre elas ter localizado o material opinativo que facía e levalo a máis público do que le a concreta prensa escrita. A maiores destas variantes da vaidade, isto comezou tamén como un intento ou autoescusa de trasladar o estilo blog á prensa escrita e así currar menos. Evidentemente, saíume o tiro pola culata, e incumprín unha das normas do decablog que Varela deixou dito unha vez, sen que logo poidese localizalo. Incumpro tamén outras como non visitar as leiras dos colegas tanto como debería e merecen, e de non ser tan aventureiro como fun á hora de descubrir máis cibermundos. Así podería actualizar e ampliar os links recomendados…

Tamén crebo outra regra que é mirar de máis as estatísticas. Van case 50.000 visitas, algunhas de lugares tan insólitos como Chipre, Estonia, Exipto, China e Irak (?), e gustame conxecturar quen será o asiduo que se conecta desde Trondheim (Noruega) e quen traballará nunha compañía de augas británica. Pero descubrin eso que nas clases de xornalismo chamaban feedback e logo mutou ó algo pretencioso e mutiaplicable concepto de interactividade. É decir, os comentantes habituais. A risco de esquecer algúns, desde o Subcomediante H, todonada, o ollodavaca ou Kate, que foron dos primeiros, a Alfonso Pardo e Bruñulf, dos máis novos. Desde o troll eSedidió (que resultou ser un ganapán que coñecía de vello), ó incansable Míguez, ou ó certeiro Mourullo (estaba a punto de convocar unha xornada monotemática sobre Quen é Mourullo? ata que opaco descubriu que non era un ser humano, senón un bot. A algúns, como a Pawley ou a torredebabel, coñecinos logo en persoa. A outros, ánzony , Suso Lista, xa os coñecía. Eles –vostedes-, el niño de la guía, Ghanito, Berto, Nemeth, o altibaixista Galeidoscopio, o atinado Willy Sifones, yeye, folerpa, e… dánme o mellor que pode ter un escribidor, respostas (1.630 ata hoxe), e téntanme a romper outra norma: facer unha quedada para expresarlles o meu recoñecemento. De momento, este post (o número 233) é o xeito de facelo, ós citados e sobre todo ós que non (que teñen abaixo o email de aludidos, ou neste caso, elididos).

——- Paren as máquinas.- Acabo de botar un ollo ó faiado, resulta que o cumpreanos non é hoxe 11 de xullo, senón que debeu ser o 9 de xuño, como me debería ter acordado porque estabamos en campaña electoral… iso pásame por fiarme das estatísticas…

5 June, 2006

Atención noctámbulos!

Filed under: Non sei eu...

Ante unha enchenta de peticións, aviso que hoxe pola noite, gran sesión de movida de perna en Hai debate!

4 June, 2006

Moi recoñecido

Filed under: Non sei eu...

Nesta tarde de domingo opresivo-depresiva, que mellor que expresar o meu recoñecemento tanto ós un s como ós outros.
De verdade.

28 May, 2006

Cervantes (ou Cela?)

Filed under: Non sei eu...

pedillo(Oleiros)

12 May, 2006

Desmentido

CGAI (by La Opinión)

Sobre os rumores que últimamente sobrevoan o CGAI, teño que asegurar que entre DX Manolo (o director xeral de Promoción Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias) e eu soamente hai a posibilidade do comezo dunha boa amistade.

24 April, 2006

Outra vez

Filed under: Non sei eu...

Esta noite, HAI DEBATE outra vez (a ver que pasa coa perna)

10 April, 2006

Cousas veredes

Filed under: Xeral, Non sei eu...

Furando, o outro día descubrin que escribira un libro en portugués, editado por Anaya, en 2005… (por certo, de best buy, nadiña. A hipotética versión portuguesa custa case o dobre que o orixinal galego nas librerías)

27 March, 2006

Ai, ai, ai

Filed under: Non sei eu...

Esta noite vou a ¡Hai debate! a pelexarme coa señora esa da COPE sobre o de ETA e outros asuntos varios… ¿algunha idea salvadora?

13 February, 2006

Eternamente agradecido

Filed under: Xeral, Non sei eu...

entrar
Esta mañá a primeira hora, o tendedeiro este inaugurado cos calores de mediados de xullo do ano pasado acadou 25.000 visitas. Non vou caer na vaidade, erro ou demagoxia de titular, ó máis vello estilo festa gastronómica: “25.000 persoas visitan Si home si”. Sei que debe haber, como moito, un cento de habituais, e logo unha chea de despistados ou enganados polo gugle. Con todo, e sen controlar de todo como en todo esas ferramentas marabillosas que che din de onde e como vén a xente, sígome emocionando cada vez que aparece unha visita procedente de Chipre, de Estonia, de Israel ou de Australia. Cando vexo varias de empresas concretas do Reino Unido, ou de servidores concretos de sitios estraños, penso que amigo debe andar por alí. Tampouco sei por que celebro a entrada 25.000 (influencia do ano Mozart?) e non outra.
En resumo, gracias a todos e considerense agasallados cun ramo de flores ó pé da escaleira do avión.

2 February, 2006

Encadeados

Filed under: Non sei eu...

Circula un andacio pola rede, e particularmente na leira cada día máis extensa e intensa do blogomillo, consistente en confesar cinco vicios ou teimas, a invitación pública doutro bloqueiro. Parece que lle chaman “MeMes”, con razón. F. Míguez (este, non este) tivo o detalle/mala idea de meterme no allo, e a pesar do meu odio nº 3, a día de hoxe, estes son (as teimas, os vicios son privados):

  1. A tona do leite. Non é que non me guste, é que vela, mesmo imaxinala ou falar dela, dáme arcadas.
  2. A alambicación léxica (“clarificar” no canto de “aclarar”, “concretizar” e non “concretar”) e un odio africano á expresión “buen rollito”.
  3. As cadeas, esa forma de delación voluntaria e colectiva. Aínda me acordo de cando de neno me chegou aquela do misioneiro colombiano que anunciaba fortunas sen fin se as seguías e ameazaba con traxedias terribles se non. Aterrado polo segundo, tecleei como un poseso na máquina do meu pai, e gastei uns cartos que non tiña en mandar por correo as misivas que condenaban a outros desgraciados, por amigos.
  4. Vender como progreso/modernidade/adianto social o que en realidade son ingresos e beneficios individuais.
  5. O autoodio. É que o odio.

No meu labor delator, pásolle a bola a unha representación parlamentaria e a dous colegas foráneos, confiando en que nin uns nin outros lean esto:
-Ó polifacético Baltar Jr.
-A José Manuel Lage Tuñas (penso que inactivo desde novembro do 2005, para que se active) No seu defecto ó seu correlixionario Enrique Castro
-Ó excelente blog (e tristemente desaparecido, para que reapareza) de Carme Adán. Caso de que non reapareza, a responsabilidade subsidiaria é de Imeneo
-A Martínez, a ver se devolve a visita que me debe.
-E a DJDaCosta, que tamén debe unha chea delas.

(xa está, non?)

29 November, 2005

Máis problemas cos millóns

Parecía unha parvada, pero leva camiño de se converter en:
A.- Un xénero periodístico
B.- Un uso social
O de agachar como sexa a identidade cando che tocan unha chea de pasta. Ó agachad@ de Zas únese agora o escondid@ de Noia, con grande alborozo dos encargados nos medios de procurar “noticias de interese humano” (que non parecen así asumir a secuela: que as demais que poñen son de interese animal ou de interese inexistente) e con grande mosqueo de:
A.- os presuntos veciños do premiado
B.- Os da Lotería, que ven como se lles escapa a grande promoción para os seus productos que sería ver a un tipo todo nervioso cargando un feixe imaxinario de pasta.
O mosqueo da cúpula loteira é tal que:
A.-En privado recordan que hai xogos de azar nalgúns sitios do mundo (EEUU) que inclúen nas normas a obriga de saír nun show televisivo en directo para poder cobrar o premio.
B.-Interiormente, debaterán a obriga de que se presente alguén non necesariamente o agraciado, valería un cuñado ou un notario, que tamén aseguraría o anonimato para cobrar o premio.

4 November, 2005

R.O.

Filed under: Non sei eu...

r.o.
Hai xente pa tó. Como uns que ten unha web sobre os 80 (musicais), entre eles un rapaz de Oleiros ó que se lle meteu na cabeza que podían ter interese certas batallas antigas. Aproveito o momento nostalxia para preguntar se alguén ten gravacións, que hai outros chalados interesados en recopilalas e editalas. Dior mío, que tempos (e que resacas, mimadre)

25 August, 2005

Por certo

Filed under: Non sei eu...

Por certo, ás veces, por causas que descoñezo e que radican sen dúbida na miña topinez informática hai comentarios que quedan nunha especie de limbo á espera de que eu os aprobe hai que tocarse o nabo. De cando en vez, vou ó limbo e aprobo/libero os que hai. Desculpas se algún considera excesivo o tempo que pasan no purgatorio perdón, “purugatorio”. Xa saben, a culpa é do ordenador.

2 August, 2005

Óscar

“¡Ganou Pereiro!” comunicoulle eufórico un político galego moi seguidor de eventos deportivos ó seu xefe de prensa. “¿Que demo ganaría Pereiro?” sorprendeuse este pouco seguidor nun primeiro momento, tal e como me contou días despois. Ata que caeu en que o que algo ganara non este Pereiro arriba asinante, senón Óscar Pereiro, o ciclista de Mos.

(more…)

3 July, 2005

Vayapordiós

Resulta que me escolleron, designaron ou como sexa o método, para formar parte da Comisión Técnica de Xornalismo Cultural do Consello da Cultura Galega. Mandáranme unha carta que non recibín ou perdín, mandáronma de novo, moi atentos, e dixéronme que tiña que aceptar por escrito. Aceptei, e ó día seguinte convocáronme para unha xuntanza. Ocupado nas negociaciós para formar goberno, non puiden asistir. Agoro atópome coa xusta e menos mal que anónima crítica de Jaure, que si asistiu. Sorry. De todas formas, eu de periodismo cultural… se xa coñezo apenas a metade dos que saen en Babelia e casi ningún dos do EP3
Procurarei cumprir a próxima vez (se é que me convocan outra vez)






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here